Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 16.10.2017 Actualizado 13:18
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Procesos dos que aprender

MANUEL MERA  | 02.06.2017 
A- A+

O ano pasado, tanto a Arxentina como o Brasil eran presentadas como o exemplo do fracaso da esquerda. Esta fora perdendo sustento social, malia aplicar medidas progresistas, xa que fuxiu do máis mínimo cambio sistémico. Non podía ser doutro xeito, porque eses gobernos eran resultado do pacto de socialdemócratas (keynesianos) con sectores do centro dereita. Así e todo, houbo cambios positivos. Algunhas medidas que se tomaron permitiron atender os casos máis extremos de pobreza, mellorar os servizos esenciais, e diversificar as relacións exteriores e polo tanto reducir a dependencia. Axudaba o contexto, nun intre no que a produción e os prezos de materias primas, das que son exportadoras, estaban no seu máximo, por mor do pulo da economía de China e outras potencias emerxentes. Mesmo no caso arxentino, alentouse a substitución de importacións, e a integración de procesos produtivos. Estes últimos aspectos con resultados moi limitados, xa que non se mudaron os alicerces de acumulación tradicionais.

Co brusco reaxuste da distribución da renda e do poder entre potencias (crise), que comeza no ano 2008, prodúcese un retroceso na exportación de materias primas, que se reflicte axiña no emprego e no déficit orzamentario, cando este axuste se traslada á periferia. A resposta destes gobernos “progresistas” foi empurrar á baixa as condicións laborais, mantendo no posíbel as achegas ás situacións de pobreza extrema e a atención dos servizos sociais. Fíxose sen afectar as rendas do capital, coa escusa de garantir a competitividade, e manter a actividade produtiva e o emprego. Ou sexa, evitouse a ampliación da pobreza extrema, alargando a socialización da precariedade e mediante un aumento da explotación laboral. Polo tanto, os resultados prácticos para a maioría da clase traballadora foron semellantes ás políticas tradicionais da dereita. A razón? Que en ambos os casos, á hora da verdade, privilexiáronse ou non se tocaron os intereses das clases dominantes. O descontente social que xeraron estas medidas na base electoral da esquerda deu como resultado a fragmentación, o medre da abstención, e unha transferencia de votos á dereita ou a forzas próximas.

Todo este período na América Latina, deixa importantes ensinanzas. Tanto da etapa anterior, que aínda se mantén nalgúns países, debido a que as dinámicas teñen moitos aspectos que partillan, aínda que existan compoñentes históricos, sociais, económicos e culturais propios. Concretamente, entre eses aspectos comúns está a rapidez coa que os actuais gobernos de Arxentina e Brasil están a ser cuestionados por unha maioría social. Isto reflicte ate que punto o sistema económico e social, así como a súa representación política, non está a altura do momento. En moi pouco tempo Macri e Temer perderon boa parte do seu apoio político (só un 4% da poboación sostén o Goberno), xa que non foron quen de recuperar a economía, malia as duras medidas de axuste en prexuízo das clases populares co repetido argumento da competitividade empresarial e do equilibrio orzamentario. Lembremos que acusaban os gobernos anteriores de excesivo gasto público, e de afogar as empresas coa presión fiscal, dereitos laborais e excesivas condicións medioambientais.

O último ano, o PIB no Brasil recuou o 3,6%, e as expectativas anunciadas pola CEPAL para 2017 a primeiros de ano eran do 0,4%. No caso da Arxentina, o Goberno estimaba o crecemento do PIB nun 3,5%, que o FMI rebaixaba ao 2,2% en abril. En calquera caso todo indica que a medida que pasan os meses a previsións son máis pesimistas. Neste contexto hai que entender que Temer decidise botar adiante a reforma laboral e das pensións, que implican un retroceso histórico de dereitos. Pesou máis a defensa dos intereses da burguesía, que sumar novos elementos de contestación social á xa forte oposición contra a corrupción (na que están implicados o propio Temer e oito ministros do seu Executivo). Outro tanto está a acontecer na Arxentina, coa imposición de novos tarifazos (transporte, luz) e unha batería de medidas que rebaixan as prestacións básicas aos xubilados (medicamentos, programas de prevención, e axuda alimentar).

Cales son os resultados destas políticas de axuste? Un estudo do Banco Mundial valoraba que este ano o número de pobres no Brasil aumentaría entre 2.500.000 e 3.600.000 persoas. Son adultos xoves, con formación media e de zonas urbanas, expulsados do mercado laboral formal. Segundo a Universidade Católica en Buenos Aires, no terceiro trimestre de 2016 a pobreza abranguía na Arxentina un 32,9% da poboación, e un 6,9% estaba na indixencia. Nestes nove meses, coas medidas de Macri sumáronse 1.500.000 novos pobres e 600.000 indixentes máis. No ano 2016, 232.286 traballadores/as perderon o emprego.

En resumo, e como primeira conclusión. As políticas executadas polos gobernos progresistas amosaron que foron insuficientes, mesmo crearon contradicións entre a os sectores marxinados e a clase traballadora sobre a que se cargaron todos os custes dos subsidios e axudas. Mais os posteriores gobernos da dereita, non só afondaron na protección dos intereses das clases dominantes, senón que ademais aumentaron ao máximo a explotación laboral, a precariedade e a desigualdade social mediante medidas de choque, coa escusa de recuperar o crecemento económico e o emprego.

O segundo aspecto a destacar da conxuntura, é a masividade da contestación social en ambos os países, cunha participación destacada das centrais sindicais. Lembremos algúns feitos. Na Arxentina o día 6 de marzo realizáronse concentracións de docentes, o 7 unha manifestación da CGT, o 8 grandiosas marchas polo Día Internacional da Muller, e o 30 manifestacións convocadas polas dúas CTA. Todas estas mobilizacións acadaron un seguimento masivo. E como broche de ouro, o éxito da folga xeral do 7 de abril significou un pulo cuantitativo e cualitativo. No Brasil, máis de corenta millóns de persoas participaron na folga xeral do 28 de Abril, que era a primeira nas últimas dúas décadas. Con esta protesta, a clase traballadora brasileira rexeitaba a pretensión de individualizar as relacións laborais, aumentar a xornada máxima a 12 horas, fraccionar ate en tres partes as vacacións, eliminar as indemnizacións nos contratos temporais, etc. No relativo ás pensións, auméntase a idade ate os 65 anos. Téñase en conta que a media de vida no Brasil é de 75 anos, fronte aos 82 no Estado español. As últimas mobilizacións representan un salto político coa esixencia de eleccións directas, para evitar unha substitución de Temer mantendo os partidos da dereita o control das institucións.

Tendo en consideración todos estes feitos, tanto os económicos, como os sociais e políticos, non se pode chegar á conclusión que a tendencia dominante neste intre na América Latina sexa a dunha dereitización da sociedade (outro tanto acontece no resto do mundo, con variantes). Todo indica que se trata dun momento complexo, onde as políticas da dereita xa non valen e as socialdemócratas se esgotan axiña, mentres a realización de cambios máis profundos non conta aínda con forzas abondo, claridade de obxectivos, unha folla de ruta axeitada e unha política de alianzas correcta para esta conxuntura, para se poder abrir paso. O reto segue a ser, como foi sempre, a construción do poder popular, ou sexa, como mudar a correlación de forzas. En poucas palabras, todos os escenarios futuros están abertos, malia que a tendencia dominante aínda sega ser a da globalización neoliberal, co que isto implica de explotación, opresión, violencia en todas as súas formas, e destrución dos ecosistemas.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS