Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A produción industrial galega descende un 4,3% en outubro mentres a media estatal crece máis dun 1%

VIGO. EP  | 05.12.2019 
A- A+

A produción industrial galega descendeu un 4,3 por cento en outubro en comparación co mesmo mes do ano anterior fronte á media no Estado, que ascendeu un 1,1 por cento, segundo os datos que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Deste xeito, Galicia presentou unha baixada da produción industrial todos os meses deste ano, salvo en xullo, cando tivo lugar un lixeiro repunte cun crecemento do 0,2 por cento.

En concreto, a Comunidade galega foi a terceira rexión que rexistrou un maior descenso na produción industrial en outubro respecto dese mes de 2018, só superada por Asturias, onde baixou un 11,9 por cento, e Estremadura; que acumulou unha caída do 17,9 por cento respecto de outubro de 2018.

Mentres, Navarra, A Rioxa e Murcia presentaron un crecemento do 26,4, o 13,8 e o 6,9 por cento, respectivamente, o que levou que fosen as rexións que mellores resultados acumularon de acordo coa taxa anual do Índice de Produción Industrial (IPI).

En cambio, despois da corrección dos efectos estacionais e de calendario, a media estatal do Índice de Produción Industrial presentou en outubro unha variación do -1,3 por cento respecto dese mes do ano anterior. Deste xeito, a media española de outubro corrixida representa un descenso dun 1,9 por cento en relación á acumulada en setembro.

PRODUCIÓN EN GALICIA
Así mesmo, no que vai de ano, a produción industrial galega rexistrou un descenso do 5,5 por cento, unha caída só superada pola das Illas Baleares, que acumularon un descenso do 6,9 por cento.

En contraposición, Murcia e Navarra cultivaron os mellores resultados, con incrementos dun 8,8 e un 7,5 por cento, respectivamente, na súa produción no que vai de ano. Ademais, a media estatal deste dez últimos meses tamén foi positiva, aínda que cun ascenso máis moderado, un 0,7 por cento.

Adicionalmente, a variación media entre setembro e outubro supuxo, tras a eliminación dos efectos estacionais e de calendario, un 0,4 por cento.

VARIACIÓN POR SECTORES
Por sectores, Bens de equipo (1,2 por cento) e Bens de consumo non duradeiro (0,3 por cento) presentaron taxas mensuais positivas. En cambio, os correspondentes a Enerxía (-3,9 por cento) e Bens de consumo duradeiro (-0,4 por cento) mostraron resultados mensuais negativos.

De acordo cos índices corrixidos de efectos estacionais e de calendario, Bens de equipo e Bens de consumo non duradeiro acumularon taxas anuais positivas (0,8 por cento), mentres que Enerxía (-4,4 por cento), Bens de consumo duradeiro (-2,3 por cento) e Bens intermedios (-2,0 por cento) rexistraron resultados anuais negativos.

O Índice de Produción Industrial presenta resultados mensuais obtidos a partir dunha mostra de 11.500 establecementos industriais e máis de 1.100 produtos de todo o territorio nacional. Así, avalía a a evolución da actividade produtiva das ramas industriais, a excepción da construción.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS