Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 17.09.2019 Actualizado 00:20
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

OS TRES SINDICATOS DE ACORDO

Os produtores lácteos, ao límite

As centrais agrarias sitúan as perdas anuais nos 15.000 euros de media por gandeiro // Atribúen a mala situación á alza dos custos, a que os prezos do leite se manteñen baixos e á seca

SANTIAGO. EP  | 02.11.2011 
A- A+

Os sindicatos Unións Agrarias (UU.AA.), Xóvenes Agricultores (XX.AA.) e Sindicato Labrego Galego (SLG) advertiron este mércores de que o 90% das explotacións de leite galegas se atopan "ao límite" e estimaron que a perda acumulada este ano para un produtor medio --dunhas 200 toneladas de leite-- superará os 15.000 euros. 
Nunha rolda de prensa conxunta, as tres organizacións agrarias chamaron a atención acerca de que o sector leva máis de dous anos e medio nunha "situación crítica" e afirmaron que os produtores recorreron a fondos propios e ao endebedamento, pero tamén chegaron ao límite. 
A mala situación actual débese, afirmaron, á alza dos custos de produción, a que os prezos que se pagan polo leite seguen estando por debaixo dos doutros países e doutras comunidades españolas e á seca sufrida por Galicia nos últimos meses. Por iso, pediron convocar unha reunión sectorial. 
Deste modo, o secretario xeral de XX.AA., Francisco Bello, avisou de que o sector lácteo está a lanzar "un SOS", mentres que a responsable do SLG, Carme Freire, resumiu que a situación é "de risco grave". 
O secretario de Vacún de Leite de Gandeiría Extensiva de UU.AA., Javier Iglesias destacou que as explotacións de leite atravesan un momento "dificilísimo" e subliñou que a media entre abril e xullo do prezo pagado aos produtores galegos é de 30,33 céntimos por litro de leite, por debaixo dos 30,66 céntimos de media en España, os 32,44 de Francia, os 34,39 de Alemaña ou os 37,5 de Holanda. 
"O mercado do leite non está a funcionar", avisou Iglesias, quen recordou que malia que España non produce leite abondo para cubrir toda a demanda --está en torno ao 70% do seu consumo-- ten prezos máis baixos que países con excedente, como Francia. 
O informe presentado polos sindicatos afirma que o feito de que a necesidade de comprar produto fóra non empurre á alza os prezos en España "apunta sen ningunha dúbida a acordos entre industrias de repartición de produtores e de non agresión en prezos para evitar unha suba xeneralizada". 
Ademais, a secretaria xeral do SLG, Carme Freire sostivo que a situación de sector se debe tamén ás decisións políticas e á falta de concienciación da sociedade. En Francia, exemplificou, "a sociedade entende a agricultura como unha cuestión nacional". Tamén o responsable de XX.AA., Francisco Bello, chamou a atención sobre que en Francia o prezo de venda ao público do leite non baixa de 70 céntimos, mentres en España chega aos 50 céntimos.

MAIORES CUSTOS DE PRODUCION 
Javier Iglesias indicou que aos baixos prezos do produto se engaden outras dúas circunstancias: a suba dos custos de produción e a seca. Sobre o primeiro punto indicou que, no seu conxunto, as materias primas son entre un 20 e un 25% máis caras. 
Así, unha explotación media ten que gastar uns 2.000 euros máis que o ano pasado en compra de alimento concentrado para os animais, pois o penso se encareceu un 28% no último ano. Entre setembro de 2010 e marzo de 2011 a suba do gasóleo foi do 25,25% e a da electricidade, do 26,15%. 
Ademais, a seca provocou unha redución das colleitas de cereais e plantas forraxeiras para o gando, o que fai que os produtores necesiten abastecerse de alimentos para o inverno. Neste sentido, as organizacións agrarias pediron ás administracións "unha axuda puntual" para afrontar a situación.

PROPOSTAS POLITICAS 
Carme Freire reclamou que, ante a inminencia das eleccións xerais, os partidos políticos dean a súa opinión sobre o sector primario e expoñan as súas propostas. Pola súa banda, as organizacións agrarias reclaman tomar medidas para que o prezo do leite se equipare ao doutros países, que se reduza o imposto sobre o gasóleo agrícola, que se exonere os produtores de cotas de pagamento á Seguridade Social e dar axudas directas para a compra de alimentos. 
Así mesmo, pediron un adianto das axudas da PAC --política agraria común--. Neste sentido, Javier Iglesias indicou que se está a abonar o 50%, que chegou á metade das explotacións, pero solicitan que se adiante o total. 
"Somos os --gandeiros-- máis competitivos da UE", reivindicou o responsable de XX.AA. e afirmou que se deixasen actuar aos produtores nun mercado libre "non terían problemas". "Xa está ben de buscar culpables no sector", protestou. Na mesma liña, Carme Freire acusou o Goberno central de prexudicar ao sector con decisións como a liberalización do mercado da electricidade. 
Pola súa parte, o representante de UU.AA. cuestionou a necesidade de contar con organismos que velen polo cumprimento das normas da competencia en España e en Galicia, dado que considerou que "contribúen a crear o efecto inverso".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS