Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 17.09.2019 Actualizado 00:20
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

implicación para recuperar o 'status'

O profesor Xosé Manuel Sánchez reivindica un galego asentado na tradición lingüística galego-portuguesa

Coordinou o libro 'Modelos de lingua e compromiso', unha reflexión sobre a calidade do idioma e a súa recuperación

A CORUÑA. EP  | 29.01.2015 
A- A+

O profesor titular na Área de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña (UDC) Xosé Manuel Sánchez Rei reivindicou un galego "asentado na tradición" para garantir a súa pervivencia, mentres que reclamou a necesidade de que políticos, académicos e gobernos se impliquen "en recuperar o seu status".

Xosé Manuel Sánchez, coordinador do libro 'Modelos de lingua e compromiso', que se presenta este mércores na Agrupación Alexandre Bóveda da Coruña, subliña que a publicación aborda "a relación que hai entre compromiso lingüístico e a calidade lingüística".

En concreto, faino a través de cinco traballos realizados polos profesores da Facultade de Filoloxía da UDC Goretti Sanmartín Rei, Laura Tato Fontaíña, Manuel Ferreiro, Xosé Ramón Freixeiro Mato e o propio Xosé Manuel Sánchez Rei, membro, ademais, do Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega da UDC.

O estudio analiza o modelo lingüístico a promover e afonda no compromiso das institucións públicas coa proxección do galego. Sobre esta cuestión, o profesor Xosé Manuel Sánchez reivindica "o galego popular".

"PROMOCIÓN REAL" DO GALEGO

"Entendemos que o compromiso coa lingua debe ser o galego asentado na tradición lingüística galego-portuguesa", subliña respecto ao contido do libro. Mentres, móstrase moi crítico co uso inadecuado do galego.

"Non hai unha promoción real cando se permiten determinados rexistros", sinala ao advertir que o galego pode desaparecer "por substitución" polo español ou por "absorción ou confluencia" con este, apostila.

Para difundir o galego e falar unha "lingua de calidade", o coordinador desta publicación apela á necesidade de que as autoridades "se involucren", pero tamén o fagan outros sectores como os académicos para falar un idioma "o máis auténtico posible, enraizado nas súas estruturas morfolóxicas", remarca.

Preguntado sobre o papel da Real Academia Galega (RAG) a este respecto, asegura que "se están a dar pasos agigantados cara a atrás". "Debería implicarse moito máis para restaurar o uso do galego e o seu prestixio", sentenza.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS