Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 17.09.2019 Actualizado 00:20
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O programa de trens turísticos amplía a 12 as rutas para este ano, cunha nova dedicada aos Camiños

Renfe conta cunha oficina de venda de billetes á entrada do museo compostelán de San Martiño Pinario

SANTIAGO. EP  | 15.05.2019 
A- A+

O programa de trens turísticos ampliará a súa oferta de rutas para este ano. En concreto e con motivo da conmemoración do Xacobeo 2021, porase en funcionamento un novo itinerario dedicado á ruta santa, ampliando unha iniciativa que cultiva éxito de demanda cada exercicio.

Esta nova ruta, que sairá da Coruña, percorrerá diferentes puntos de paso dos 'Camiños de Santiago', partindo do Camiño Inglés, pasando por Sobrado dos Monxes e o mosteiro de Santa María, no Norte. Xa pola tarde, permitirá coñecer o Camiño Francés a través de Samos e a cidade de Lugo, situada no Camiño Primitivo.

A programación foi presentada este mércores no museo compostelán de San Martiño Pinario, onde Renfe conta ademais cunha nova oficina para despachar billetes á entrada do edificio destinado exclusivamente aos itinerarios turísticos.

Escolástico González, por parte de Renfe, destacou que desde o seu impulso en 2013 as rutas pasaron de dúas a doce, con máis do 93 por cento de ocupación media o pasado exercicio e preto de 2.300 usuarios.

"Este ano vai polo mesmo camiño", asegurou, avanzando que xa se poden adquirir billetes para as primeiras rutas desde este martes e que, a partir do venres, abrirase a venda para toda a temporada.

Carlos Álvarez Varela, o reitor do Seminario, aplaudiu esta iniciativa como mostra "do empeño en dar a coñecer a diversidade de Galicia" en materia turística.

Ao mesmo tempo, agradeceu a presenza de Renfe para potenciar o coñecemento e a curiosidade cara a San Martiño Pinario daqueles interesados que acudan a adquirir o seu billete, e que así poderán "coñecer" e "descubrir" este legado cultural e patrimonial que acolleu a máis de 29.000 visitantes o pasado ano.

UN "ABSOLUTO ÉXITO"
O programa de rutas conta con algúns itinerarios de gran éxito entre o público, sobre todo aqueles ligados á provincia de Ourense.

O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, incidiu en que se impulsan sete rutas ligadas á gastronomía, ao viño e ao patrimonio cultural e natural, destacando sobre todo 'Ribeira Sacra-Sil', que "sempre" conta cun 100% de ocupación e que permite gozar dun ambiente "paradisíaco".

A maiores, lembrou a ruta dos 'Mosteiros', de 'Ribeiro-Rías Baixas' e a de 'Ourense termal' que permitirá gozar dunha das zonas líderes en termalismo de Europa. "Ourense sempre vale a pena, pero en tren turístico vale aínda máis".

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, resaltou o "absoluto éxito" deste programa que "encaixa perfectamente no modelo turístico" do Goberno galego, e que ademais permite coñecer ambientes e propostas "case únicas" e "moi diferenciadas" entre si e de gran valor "patrimonial e paisaxístico".

Todo iso permitirá tanto "dinamizar" as comarcas que percorrerán estes itinerarios, como "desestacionalizar" a oferta turística na comunidade autónoma.

En suma, serán 12 rutas temáticas, 57 saídas e 16.000 quilómetros percorridos, cun novo itinerario destinado a descubrir o "amplísimo legado cultural" da ruta santa "na antesala do Xacobeo 21".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS