Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 17.09.2019 Actualizado 00:20
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Fíos e retallos da memoria

A propósito de Baudelaire

MANUEL VIDAL VILLAVERDE  | 10.03.2019 
A- A+

Polos anos 70 -s. XX-  un  procurara unha edición bilingüe -francés-castelán- de Les fleurs du mal, de Charles Baudelaire. Cecais foi un tempo antes do que digo,  pero tanto ten. Lin o poemario nun inverno gris e tristeiro da Terra Cha, en Silvarrei, aos poucos,  cando a febre  deixaba de me aburar, e xamais me regresou á infancia e intempo de Mourigade e/ou Mourighade, casa do avó Manuel Villaverde Araúxo, falecido en 1932, rúa García Barbón, mestre canteiro de Mourente (1876–1932), ano e medio despois da República española. O poemario era de  “Cátedra, Letras Universales”. No 73 do mésmo século xa comezara a miña colaboración con “Táboa Redonda” e outras páxinas de opinión histórico-literaria do diario El Progreso, que tiña a súa redacción  e talleres naquel Lugo gris e tristeiro de putas e beatas, así unhas coma outras a lle levar candeas á Virxe dos Ollos Grandes, á que algún día de xuño da miña desmemoria das “cortiñas de santo Román” e treboada téñoa visto saír na súa padiola, a rentes da libraría Balmes, coñecida daquelas pola “das monxas”; era un día atardecido de Corpus Christe e 1960, cando a noitiña caía enriba da grisalla do bosque sacro que din que foi Lugo, e aínda corrían libres lebres polas gándaras, e lobos e raposos detrás, a saber… Desculpas por esta secuencia ou introito que cecais non veña ao caso para contar catro fíos a propósito de Baudelaire, traducido integramente ao galego polo noso amigo Gonzalo Navaza, publicado por Galaxia (2008), en edición impecable, dende o meu punto de vista e parecer. Poemas soltos, que un saiba (en concreto “Une Charogne”, xa fora traducido, e por certo moi ben, por Luís Tobío Fernández, como hai ben pouco lembraba X. L. Méndez Ferrín, a propósito tamén, das preas varadas e mortas que tantas veces  aparecen  nos areais e montes, así baleas, golfiños ou  cabalos, que non sei se o ben ou mal chamado “Partido Animalista” e outras “pías” autoridades fan desaparecer deseguida, para negar vida e a transformación, para negar a Darwin, poñamos por caso, para ocultar, se cadra, que a vida e a morte sonlle a mesma cousa, e para obviar, se cadra, que calquera beleza é mortal, Charogne, en francés élles carnaza, carniza, prea; corpo en descomposición, despoxo. “Beleza convulsa”  Teño aquí mesmo unha edición facsímile e conmemorativa que no ano 1949 publicouse en Francia co selo de “Éditions Delmas”, cincuenta exemplares numerados, leva unha introducción e notas de Louis Mazauric. Estas “Flores do mal” que eu posúo non leva número ningún, porque foi reencadernado. E ben, como remate a esta  columna, reproduzo aquí estes oito versos da traducción en galego de Gonzalo Navaza: “Cara o ceo se exhibia a soberbia preada/igual ca unha flor que rebenta;/e ti mesma xa te vías caendo desmaiada/naquela explosión fedorenta. /As moscas revoaban sobre o ventre comesto/por onde un negro batallón/de larvas fluía coma un líquido mesto/nacido da putrefacción.

PS. O diario “El Progreso”, de Lugo, daquelas que recordo ficaba na rúa de José Antonio Primo de Rivera, que toda a xente obviaba e sempre dicía “Calle do Progreso”; mesma rúa onde estaba o “Cine España” que rexentaba Salvador Fole, irmao do autor de “Terra brava”. A carón da redacción e talleres había unha froitería e tamén a ferrataría “Torres y Sáez”. Entrando por San Domingos, estaba  Bazar los Chicos e o “Café Argentino”, e o restaurante “Fornos”; tamén o “Gran Teatro”, o “Castroverde” e outras tabernas daquel vello Lugo. Fole, Neumandro,  ou  Lucencio, paraban no “Lugo Bar”, e ás veces, no bonito café do “Méndez Núñez”. Todo era planalto e ceo gris. Ían e viñan os morcegos, cabo da luz do vento, duro inverno. Máis alá de Muxa de Abaixo, teño ollado preas de cabalos e  outras animalías. A “beleza convulsa”, que diría, Baudelaire. 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS