Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 22.11.2017 Actualizado 19:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Que provoca o déficit nas pensións?

MANUEL MERA  | 02.11.2017 
A- A+

O informe do FMI sobre o Estado español recoméndalle ao Goberno que retarde a idade de xubilación, que non actualice as pensións, e que limite o seu incremento nun 0,25% anual. O pretexto: o déficit do sistema. Este organismo internacional entende que esas medidas deberían manterse cando menos ate o ano 2022. Isto implicaría un retroceso importante nos ingresos das persoas pensionistas, xa que só nos últimos dous anos, co medre da inflación e un aumento limitado a 0,25% nas pensións, estas perderon este ano e os dous anteriores un total de 5% de poder adquisitivo. Este retroceso súmase ao 3% que minguaron durante a crise.

Esta institución internacional reforza así a liña argumental do PP, que vén aplicando medidas regresivas dende que se impuxo o Índice de Revalorización, en decembro de 2014. Na mesma postura, defensora dos intereses do capital, o FMI aposta pola prolongación da vida laboral e porque se incentiven métodos de aforro complementario, léase plans privados de xubilación.

Na súa valoración, o FMI non analiza cales son as causas que crean o déficit do sistema de pensións. Por exemplo, que se subvencionen á súa costa contratos laborais e axudas a novos autónomos/as, ou que non se persiga acaídamente a fraude nas horas extras. Agora ben, a maior incidencia sobre os ingresos do sistema radica na diminución dos salarios e no aumento do traballo a tempo parcial. Tampouco se pode minimizar o efecto dos falsos autónomos.

A garantía do sistema de pensións está estreitamente relacionada coas condicións de traballo, xa que é un sistema de solidariedade entre xeracións. E resulta evidente, que as reformas laborais regresivas, a deslocalización empresarial, a importación de mercadorías a prezo de dumping, así como o incremento da man de obra de reserva (aumento do desemprego e da xornada real e inmigración masiva), contribuíron a degradar os ingresos de asalariados/as e autónomos/as.

Se se retardase a idade de xubilación, como pide o FMI, agravaríase moito máis a situación no mercado laboral, aínda que se reducise o número de pensionistas. Ademais, o gozo das pensións varía moito segundo o xénero e o tipo de actividade laboral. Por exemplo, un labrego, un peón da construción ou alguén que realiza tarefas de limpeza, ten unha expectativa de vida de 72 anos (78 para as mulleres), mentres que un médico, contábel ou enxeñeiro chega aos 80 anos (85 para as mulleres). Polo que, contra o que se di, non son os salarios máis altos os solidarios, senón que estas profesións son as que maior tempo gozan das pensións, así como o xénero feminino fronte ao masculino (aínda que cómpre lembrar que as mulleres reciben pensións máis baixas que os homes).

Tampouco son unha solución as pensións privadas. Primeiro, porque debido á precariedade e baixos salarios, moitas persoas non terían a menor posibilidade de acceder a elas. Segundo, porque a práctica demostrou que son un negocio para as administradoras e unha ruína para a maior parte dos que as contratan. Na realidade, son un xogo de casino. A maioría dan beneficios mínimos, e só unhas poucas teñen unha rendibilidade que compensa a achega de capital. No Estado español, a rendibilidade dos fondos de pensións pasou do 8% ao 2%, de media. Segundo dados do ano 2015, dos 322 fondos só dous acadaron unha rendibilidade superior á do IBEX35, e 47 tiveron unha rendibilidade media negativa.

As pensións contributivas están unidas aos salarios. As non contributivas, por viuvez ou orfandade, sería lóxico que fosen retribuídas con cargo aos orzamentos públicos, como se fai con outras de situación de dependencia. Polo tanto, a solución para as pensións contributivas está nun reparto xusto do traballo e da riqueza: diminuíndo a xornada, aumentando os salarios (comezando polo SMI), e cumprindo a lei, perseguindo a fraude e o traballo en negro. Cómpre unha fiscalidade progresiva e progresista. O Estado español é un dos que ten maior desigualdade na UE, como alerta a propia Comisión Europea. Lembremos que os países con salarios máis altos, teñen unha taxa de desemprego máis baixa. A cuestión está na tecnoloxía, na eficiencia, no papel que se xoga na cadea de valor.

Neste contexto, que os /as pensionistas teñan unha actitude conservadora en política, o único que garante é que seus ingresos, prestacións de servizos públicos, e outro tipo de subvencións irán a menos. É verdade que será amodo. Porén, coas políticas actuais, a degradación das pensións manterase (calculase que baixarán outro 15% na vindeira década). A isto hai que sumar, por mor da temporalidade, que aumentarán as persoas con ingresos mínimos e aquelas que non podan acceder ás pensións contributivas porque non teñan cotizado os anos necesarios. Os/as pensionistas deberíamos utilizar o noso peso nos procesos electorais para garantir pensións e salarios dignos. Ambas as cuestións son interdependentes, e afectan ao presente e ao futuro da maioría do pobo.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS