Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.12.2018 Actualizado 20:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CONFLITO

O proxecto do porto de ‘Massó’ dinamita o Goberno de Cangas

O proxecto do porto deportivo do Salgueirón fai cambalear o goberno local ·· Alternativa de Esquerdas retíralle o seu apoio á rexedora ata que lle devolva Urbanismo

REDACCIÓN E AXENCIAS . CANGAS   | 10.10.2009 
A- A+

Manifestación da frota de baixura celebrada en setembro contra o porto deportivo que Marina Atlántica pretende levar a cabo en Cangas

O futuro porto deportivo que a empresa Marina Atlántica pretende levar nos terreos ocupados pola antiga conserveira Massó, en Cangas do Morrazo, está a dinamitar a convivencia social e política deste concello pontevedrés. Mentres os veciños seguen a concentrarse nas inmediacións da zona do Salgueirón para evitar que comecen as obras, o goberno local dinamítase cos enfrontamentos entre os socios que sustentan o tripartito ante as posturas contrarias sobre o proxecto.

A última mostra da tensión que se vive no consistorio cangués se produciu onte por parte da formación política Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE), quen anunciou a súa decisión de retirarlle o seu apoio político á alcaldesa, Clara Millán (BNG), ata que esta "devolva as competencias" en materia de Urbanismo que ata agora posuía o concelleiro Mariano Abalo. A decisión sucedeuse tras un prolongado enfrontamento entre os dous socios de goberno á hora de tomar medidas para frear a construción do macroproxecto do Salgueirón.

Tras a asemblea que a formación política celebrou o xoves no Auditorio de Cangas, ACE acordou esixirlle a Millán que "deixe de invadir" as áreas de goberno que non pertencen ó seu partido, un feito que está sendo interpretado como unha "provocación continua". Esta decisión prodúcese despois de que a rexedora asumise a presidencia da Comisión Técnica de Urbanismo, limitando as funcións de Abalo, edil desta área, o que incrementou as diferenzas xa existentes. No entanto, o concelleiro manifestou a súa "predisposición ó diálogo" porque, ó seu entender, o goberno de Cangas "é impensable se non é tripartito". Con todo, afirmou que o seu partido quere deste xeito "dar un golpe na mesa" para que Millán "saiba que se goberna é grazas a ACE".

 

Tensión ante unha posible carga policial

E mentres a inestabilidade política azoutaba unha vez máis ó consistorio cangués, cidadáns contrarios ó porto deportivo volveron concentrarse onte nas inmediacións da zona do Salgueirón e impediron o paso de camións con material para as obras, nas que non se traballou.

Fontes da Ría non se Vende, un dos colectivos contrarios á actuación destacaron que onte, do mesmo xeito que cada día, un grupo de persoas acudiu ó lugar das obras para manifestar o seu rexeitamento e que, sobre as 13.00 horas puideron observar que chegaban "uns catro camións con pedra", así como varios vehículos da Garda Civil, coa "intención de entrar nas obras" para traballar. Os veciños, que consideran "ilegal" este porto deportivo, bloquearon o paso ós vehículos e ata se chegou a vivir algún momento de tensión, posto que os congregados empezaron a pensar que a situación desembocaría nunha carga policial. Segundo foi pasando o tempo acudían máis persoas ó lugar, ata que o grupo roldaba o "centenar" de veciños, quen impedían que os camións accedesen ás obras utilizando "un camiño privado", polo que sobre as 15.00 horas, os camións abandonaron o lugar. A empresa confirmou que, ante a presenza veciñal, optou por non traballar para evitar "un conflito de orde público".

AS REACCIÓNS

O PSOE pide diálogo e o PP unha moción de confianza

Coñecido o anuncio feito por Abalo, o voceiro do grupo municipal socialista, Héctor Fabián Otero, solicitou a convocatoria dunha "mesa de diálogo" na que participen os tres socios de goberno -BNG, PSOE e ACE- para "desenquistar" este conflito que "está desvirtuando a acción" do tripartito. Otero mostrou o seu "respecto absoluto" á decisión de ACE pero insistiu en que "todo pasa por unha reunión inmediata" porque "así non podemos seguir". De todos os xeitos, recordou que as decisións da xunta de goberno local non se verían afectadas, xa que BNG e PSOE contan con seis dos oito votos necesarios para aprobar calquera iniciativa e que só habería problemas para sacar adiante as mocións dos plenos. Pola súa banda, o voceiro do grupo municipal do Partido Popular, José Enrique Sotelo, reclamoulle a Abalo que aclare "que supón retirar a confianza", xa que ó seu entender non especificou se significa a ruptura real do actual goberno de Cangas. En calquera caso, asegurou que "de non haber un goberno estable" a alcaldesa "debería someterse a unha moción de confianza".

 

OS DATOS

Actuación que fixo mudar o executivo

A construción dun porto deportivo para 420 amarres e unha macrourbanización dunhas 1.000 vivendas en bloques de catro alturas é, dende hai cinco anos, fortemente contestada polos cidadáns de Cangas que mesmo provocou o cambio de cor no concello, despois de que o actual tripartito amosara o seu rexeitamento fronte á postura do PPdeG.

Lea pola potestade para parar a obra

A posibilidade de paralizar as obras dende o propio concello tensou as xa de por si difíciles relacións entre a alcadesa e o seu edil de Urbanismo. Este defendía a posibilidade de que o consistorio revogase a licenza de obra concedida a Marina Atlántica. Unha postura non compartida por Clara Millán, quen reiterou que as competencias eran da Autoridade Portuaria de Vigo.

Manifestación o 14 de novembro

O colectivo cidadán A Ría non se Vende asegurou onte, tras conseguir o bloqueo da entrada que de camións nas obras, que vai continuar acudindo cada día ás inmediacións do Salgueiróne e avanzou que, o próximo 14 de novembro convocará unha manifestación en Vigo contra os "recheos" na ría e á que invitará as confrarías de pescadores.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS