Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 16.08.2019 Actualizado 13:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O PSdeG cre que Sánchez "saíu indemne" dun debate que para o PP "demostrou que Casado é a única alternativa"

Antón Sánchez (En Marea/Anova) afirma que non viu o debate

SANTIAGO. EP  | 23.04.2019 
A- A+

Os grupos con presenza no Parlamento de Galicia reaccionaron este martes aos ecos que deixa o primeiro debate televisivo dos candidatos das principais forzas políticas de cara ás eleccións xerais do próximo domingo. Mentres que para o PSdeG o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "saíu indemne" dos intentos "por arrinconalo" do resto de candidatos; o PPdeG defende que o careo demostra que Pablo Casado "é a única alternativa" a un socialista que ven "noqueado".

Tamén deixaron as súas impresións sobre o debate celebrado na noite do luns en TVE os representantes de BNG, Olalla Rodil --que censurou que "Galicia estivese ausente"-- e En Marea, Antón Sánchez, quen afirmou que non viu o encontro porque se atopaba reunido, aínda que si comentou que non lle sorprende que o debate virase ao redor da realidade estatal porque "o réxime do 78 pretende negar o carácter nacional de Euskadi, Galicia e Cataluña".

Ademais de viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez é portavoz nacional de Anova, formación nacionalista que non concorre ás eleccións xerais despois de optar por non presentarse baixo o paraugas de En Marea e após fracasar as negociacións para a súa inclusión na coalición de En Común, na que participan Esquerda Unida e Podemos.

Así as cousas, o portavoz socialista na Cámara, Xoaquín Fernández Leiceaga, comentou que, ao seu xuízo, o presidente do Goberno e candidato socialista, Pedro Sánchez, resistiu e "saíu indemne" dos intentos por "arrinconalo" por parte do resto de participantes no debate --Pablo Casado (PP), Pablo Iglesias (Unidas Podemos) e Albert Rivera (Cidadáns)--.

Por iso, Leiceaga considera que Sánchez realizou "unha defensa sensata e razoable do seu goberno" que evidencia que "a única alternativa razoable é o Partido Socialista", polo que confía en que o candidato do PSOE manteña a liña exposta a noite do luns no debate previsto para este martes nas canles de Atresmedia.

Pola súa banda, o viceportavoz popular na Cámara e secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, realizou unha lectura oposta do vivido en RTVE o pasado luns. "Vimos a un Pedro Sánchez sen propostas, noqueado e excedido", aseverou, antes de teorizar con que esta actitude evidencia "por que" o presidente do Goberno "non quería debater".

Tellado cre que o primeiro dos debates desta campaña deixou "a un novo" Pablo Iglesias "contitucionalista, acomodado e fóra de sitio que descubriu onte (o luns) as vontades da Constitución que tanto insultou"; e que se viu a un Albert Rivera "desnortado no seu antisanchismo".

"Casado demostrou ser a única alternativa ao PSOE, o único que demostrou ter un programa viable e propostas sobre política territorial, economía e política social, que é o que lle interesa á xente", incidiu.

Para a deputada nacionalista Olalla Rodil o debate de RTVE foi "bastante predicible" e demostrou "que ningunha das forzas políticas estatais ten interese por dar prioridade aos intereses de Galicia", polo que erixiu ao BNG como a "única forma de que os problemas de Galicia estean vixentes no próximo período lexislativo" das Cortes.

LUÍS VILLARES
Tamén se referiu ao acontecido na noite do luns o portavoz de En Marea, Luís Villares. Fíxoo desde Lugo, onde atendeu aos medios antes de participar nun acto de campaña do partido instrumental.

Para Luís Villares, o debate constituíu unha "estafa piramidal" porque "se fixo crer a toda a cidadanía que esas catro personas representaban a todo o país e non é verdade porque a cidadanía de Galicia non viu representado os seus problemas".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS