![]() O Audi A-8 cheo de po nun garaxe da Xunta nunha fotografía difundida polos socialistas
FOTO: PSdeG |
O Audi A-8 que utilizou Emilio Pérez Touriño como presidente da Xunta pasará á historia da política galega como símbolo do desbaldimento que o Partido Popular utilizou como munición na campaña de 2009 para derrocar a coalición de socialistas e nacionalistas que gobernou Galicia durante catro anos. Naquela campaña, Feijóo denunciou os luxos do Bipartito e ergueu despois a bandeira da austeridade como icona do seu Goberno.
Pero agora, ás portas doutra campaña, o PSdeG parece decidido a darlles ós populares a mesma medicina. Os socialistas galegos distribuíron onte a imaxe doutro Audi A-8. E esta vez a súa denuncia é que a Xunta "almacena vehículos nos seus garaxes sen darlles uso, tendo que asumir os custos de mantemento e os respectivos seguros". O empoado A-8 que difundiu o Grupo Socialista sería un destes vehículos en desuso.
"A aparición de vehículos de alta gama nos baixos de San Caetano demostra a dobre moral do Partido Popular", denunciou onte José Manuel Lage, o mesmo deputado que hai escasos días convocou os medios para denunciar tamén que algúns funcionarios cargos de libre designación do Goberno popular facían uso particular de coches do parque móbil da Xunta.
O deputado de Noia, que interpelará ó Goberno sobre esta cuestión no Pleno do Parlamento, asegurou ademais que, mentres hai coches dando gasto e sen prestar servizo, "no que vai de lexislatura o Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo gastou máis de dez millóns de euros na adquisición de máis de seiscentos vehículos para renovar o parque móbil da Xunta".
Ademais, segundo sinalou Lage, esta actitude "sanguenta" en "tempos de crises" súmase á "utilización fraudulenta" de vehículos da Xunta para "uso privado" levada a cabo por cargos de libre designación do goberno de Feijóo.
Ante estas cuestións, o deputado criticou que "mentres que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presume de austeridade", mantén os garaxes "parte da frota de coches sen darlle uso". Así, afirmou que este "é un bo exemplo da dobre moral do Partido Popular", que "comprou máis de 600 coches en menos de dous anos" cun custo "de case 10 millóns de euros", mentres nos garaxes da Xunta "hai vehículos que non se utilizan".
Presidencia nega as acusacións de desbaldimento
Fronte ás reiteradas acusacións de Lage Tuñas, fontes da Consellería de Presidencia negaron xa noutras ocasións o desbaldimento e sostén que nesta lexislatura o parque de coches oficiais para altos cargos reduciuse máis dun 40 por cento en relación co do bipartito. Agora son 84, mentres que os chamados vehículos de servizo, 279 máis, emprégaos persoal dependente da Xunta "para a realización das tarefas que teñen encomendadas".
Os díscolos de Vigo, contra Silva
Un total de 16 membros do PSdeG, partícipes do sector crítico co actual rexedor de Vigo, reclamaron a "inmediata renuncia" do número dous das listas socialistas ás eleccións municipais, Carmela Silva, ó seu posto no Senado por "incompatibilidades" entre cargos. Así, 16 cargos orgánicos do partido asinaron un documento que remitiron á Comisión Executiva Nacional Galega para que "cumpran co compromiso de garantir as incompatibilidades de cargos públicos", en relación a Silva.