Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

PSdeG insta a Feijóo a deixar o "electoralismo" e asegura que o Goberno destina 200 millóns ao mes a ERTE en Galicia

Avoga por recorrer á sanidade privada se os seus recursos son "mellor garantía" cando a pública "está ao límite"

SANTIAGO. EP  | 06.04.2020 
A- A+

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a abandonar o "electoralismo" e a confrontación contra o Goberno central, institución que destina "200 millóns de euros ao mes" a facer fronte aos ERTE en Galicia.

Así se pronunciou o líder dos socialistas galegos nunha rolda de prensa ofrecida este luns e despois de que Feijóo acusase o Executivo do Estado de retirar a Galicia unha partida de 100 millóns destinados a formación en emprego.

Na súa comparecencia telemática, o xefe de filas dos socialistas galegos subliñou que "non é o momento de facer electoralismo" nin de "utilizar a crise para colgarse medallas". "Pedimos que Feijóo estea á altura das circunstancias e recoñeza o traballo que se está facendo desde o estado", reclamou.

O secretario xeral do PSdeG, que volveu a subliñar o apoio da súa formación á Xunta na loita contra o coronavirus, destacou que "as consecuencias máis graves" da crise sanitaria e económica están a ser cubertas polo Executivo central.

Neste sentido, sinalou que a Administración estatal destina 200 millóns de euros mensuais aos pagos aos 160.000 traballadores galegos afectados por expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE). "Aos que se engaden a eliminación de cotas á seguridade social, o apoio aos autónomos, ás traballadoras do fogar...", sinalou.

"Cando Feijóo di que o Goberno lle quita a Galicia determinada cantidade de diñeiro obvia que está a permitir cubrir o desemprego aos cidadáns, os pagos aos afectados por ERTE, as situacións que se dan nos autónomos....", censurou.

Por iso, apelou á "responsabilidade" e pediulle a Feijóo que "non faga demagoxia utilizando versións nesgadas". "Parécenos pouco responsable non recoñecer que as consecuencias económicas da crise está a cubrilas o Goberno do Estado, o goberno de toda a cidadanía máis aló dun partido ou doutro", subliñou.

MATERIAL
Na súa intervención, ademais, instou ao Goberno galego a dar "información fidedigna" sobre o material sanitario e de protección co que conta a Xunta para facer fronte á pandemia do coronavirus e rexeitou que este asunto se utilice para a confrontación.

"O presidente da Xunta trasladou onte que a Xunta achegaba o 90% do material que se estaba utilizando en Galicia e que o Goberno do Estado o 10%", lembrou Gonzalo Caballero, que sinala que isto implicaría que a Administración galega "ten 7 millóns de máscaras" para facer fronte ás distintas necesidades.

"Se esa é a realidade necesitamos un claro inventario de cal é o material e como se está entregando", esixiu o socialista, que considerou "importante" trasladar á cidadanía "o que hai". "Hai que falar con claridade e ser rigorosos", asegurou antes de criticar que se tente "trasladar" que hai "problemas" porque "o Goberno de España non cumpre e que despois apareza o material".

HOSPITAIS DE CAMPAÑA
Por outra banda, preguntado na rolda de prensa sobre a habilitación de dous hospitais de campaña na Coruña e Santiago, Gonzalo Caballero subliñou que "todos os recursos" sanitarios privados e públicos "están a disposición das autoridades competentes" para loitar contra o virus.

"E se hai medios dispoñibles na sanidade privada e son mellor garantía para responder cando os públicos están ao límite, haberá que recorrer a eses recursos", manifestou.

Ademais, pediu á Xunta que comparta coas administracións locais os plans sobre os hospitais de campaña nos que traballa tanto na Coruña como en Santiago.

EDUCACIÓN
Por último e cuestionado sobre a situación do curso escolar, Gonzalo Caballero, considerou necesario pór material telemático a disposición dos alumnos para que poidan aproveitar este tempo para aumentar a súa formación por vías distintas das habituais.

Así, avogou por que a Xunta dote de material informático ás familias que non poden acceder á formación en redes, que utilice os medios públicos para dar formación complementaria aos estudantes e apoiou que se pida que a conselleira de Educación, Carmen Pomar, compareza na Cámara para informar da situación na educación pública galega.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS