Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 18.10.2018 Actualizado 20:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O PSdeG reivindica a súa postura de diálogo ao participar no "91%" dos acordos da Cámara

SANTIAGO. EP  | 11.10.2018 
A- A+

A viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Patricia Vilán, reivindicou desde a tribuna do hemiciclo do Parlamento Autonómico a postura de diálogo do Partido Socialista, formación que asegurou que está "no 91%" dos acordos alcanzados durante o Debate do Estado de Autonomía.

A deputada pontevedresa foi a encargada de defender na última xornada do debate de política xeral as 40 propostas de resolución presentadas pola súa formación con motivo desta cita política, na que chegou a preto dunha decena de acordos co PP. Ademais, reivindicou que das 23 transaccións presentadas polos grupos no debate, o PSdeG está en 21.

"Este debate debería ser para, fundamentalmente, chegar a acordos, porque niso consiste a política, en diálogo e capacidade de chegar a acordos para solucionar os problemas da xente", sinalou nun discurso no que puxo en valor que esta mesma xornada o Partido Socialista e Podemos chegasen a un acordo sobre os Orzamentos Xerais do Estado.

Na súa comparecencia, así mesmo, volveu a cualificar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "vendedor de fume" e criticou que a reforma do Goberno galego só servise para que dous conselleiros compitan nas municipais e para que a extitular de Medio Rural e agora responsable de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, "non se chamuscase aínda máis" despois da súa "xestión nefasta" da vaga de incendios de outubro de 2017.

PROPOSTAS
Ademais, volveu a defender as propostas que ela mesma deu a coñecer na xornada do mércores e que, segundo indicou, buscan "mellorar a vida das persoas", impulsar unha "Galicia moderna e sustentable medioambientalmente", así como conseguir "máis democracia e maior autogoberno".

Así, incidiu en varias delas ao lembrar que os socialistas reclaman a creación de 20 novos centros sanitarios e criticou que o presidente autonómico, no seu discurso do martes, avanzase "17" pero "só falase de 1", o de Lugo.

En materia sanitaria tamén censurou que os populares non incluísen ningunha proposta sobre o Hospital de Montecelo, en Pontevedra, e reivindicou a posta en marcha dun plan estratéxico de contratación no Sergas no primeiro trimestre de 2019. "Non é que nós nos inventemos nada, os seus propios alcaldes dínlles que se necesitan", manifestou en referencia ás peticións de pediatras formuladas por rexedores do PP como o da Lama.

Así mesmo, en educación reclamou un plan de mantemento dos edificios escolares, así como a gratuidade da primeira matricula en todos os graos das universidades, compensando a estes centros. "Non lle suporía á Xunta máis de 30 millóns e as familias agradeceríanllo", apuntou.

Pola súa banda, en materia de igualdade, volveu ha pedir á Cámara a reprobación do alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, polas súas palabras nas que cualificou "chacha para todo" á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

Ademais, pediu que, como mínimo, nos consellos de administración haxa un "40%" de mulleres, para que estas poidan estar "onde se tomen as decisións".

Tamén esixiu que o plan forestal estea posto en marcha no prazo dun mes para que non se repitan incendios como os da onda de outubro de 2017 ante unhas previsións que auguran un outubro e un novembro "moi secos".

Vilán defendeu estas e outras propostas nunha intervención na que volveu a reivindicar que o Goberno de Sánchez levantou o veto ao debate do traspaso da AP-9, que se mantiña co Goberno de Mariano Rajoy.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS