Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.12.2018 Actualizado 20:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Puigdemont: gatos e ratos

JOAQUIM VENTURA  | 25.01.2018 
A- A+

A continuidade da presenza de Carles Puigdemont en Bruxelas e a súa visita a Copenhaguen, en portas da súa eventual investidura, vén de desatar un xogo de provocacións, ameazas contidas e marchas atrás. Xogo no que participan, dun xeito ou doutro, o propio candidato á investidura, o seu grupo parlamentario, ERC, o Tribunal Supremo e mais o goberno de Rajoy.

Nesta trama convén ir por partes. O primeiro asunto é a conferencia de Puigdemont na capital de Dinamarca, presentada como un “éxito” da internacionalización do asunto cando, en realidade, non foi senón unha manobra do entorno do presidente cesado para gañar un escenario onde poñer a proba a reacción da xustiza española: non é o mesmo unha detención –supostamente amable- da Politiet danesa que por parte da Garda Civil ou do Corpo Nacional de Policía, para os cales o perseguido sería pouco menos que trofeo de caza.

Propósito que non foi seguido polo xuíz do Supremo, Pablo Llarena, cando non atendeu a petición da Fiscalía para que reactivase a euroorde de detención de Puigdemont. Unha contención, esta do xuíz, xustificada pola sospeita que a súa presenza en Copenhaguen respondía á vontade de ser detido, dar publicidade a iso por Eruropa adiante e pola nova situación creada, poder delegar o voto nos plenos do Parlament seguindo a doutrina Llarena-Junqueras. Contención comprensible pero non admisible: se tan perigoso é o presunto delincuente Puigdemont, non perseguilo –sabendo onde se atopaba- podería ser considerado esquecemento de funcións.

Volvendo a territorio español, a proposta do novo presidente do Parlament, Roger Torrent, para que Carles Puigdemont sexa candidato á investidura acordou a reacción contraria do goberno de Rajoy. Este considera que unha persoa perseguida pola xustiza –ausente ou non- non pode ser presentada para procurar unha investidura. Argumento este do goberno do PP un tanto pueril porque ao cabo, se Puigdemont non tivo problema en acreditar a súa condición de parlamentario e non ten sentenza de inhabilitación, non hai razón que impida que sexa proposto á investidura. Cousa distinta é que a obteña pero ser presentado, pode selo.

A idea de impugnar tal proposta ante o Tribunal Constitucional non deixaría de ser unha fanfurriñada. O goberno do PP –nunha situación de debilidade tras o seu duplo fracaso nas eleccións de decembro pasado- necesita que lle sexan aprobados os orzamentos e para iso lle cómpre o concurso do PNV, que non moverá peza mentres o artigo 155 estea vixente en Cataluña. Así que para Rajoy –malia as palabras de advertencia- cando antes se resolva a formación de goberno en Cataluña, mellor. E de ir a novas eleccións, nin falar.

E nese marco é onde temos que situar a táctica de ERC. Cada día está máis claro que o fondo do asunto é quen gaña a hexemonía no campo do catalanismo (con accións independentistas ou non) e se nos anos pasados empuxou a CDC/PDeCat á independencia, agora faino en sentido inverso: defensa da legalidade. E así hai que entender o apoio verbal á candidatura de Puigdemont: que sexa el quen teña que tourear. ERC sabe que terá que sacrificar a Oriol Junqueras, coa certeza que se Junts per Catalunya sacrifica a Puigdemont, non ten recambio de nivel. A táctica sería esperar á primeira rolda de investidura, verificar a imposibilidade de que Puigdemont a gañe e daquela intentar unha segunda, xa moito máis posibilista.

E nesa perspectiva que intúo, non podemos descartar troco de cromos. Se días atrás eu prognosticaba a posibilidade dunha maioría ERC-PSC-Comúns coa abstención vixiante de Ciutadans, as últimas discrepancias entre o pragmatismo do PDeCat e a teimosía de Puigdemont con JxCat podería levar a unha implosión. Xa non é so o asunto do reparto dos cartos a cobrar polo grupo parlamentario senón tamén pola condición de “espírito libre” do xerundense. E se Puigdemont topa coa realidade e non pode ser investido, non sería estraño que coma mal menor os deputados do PDeCat se escindisen de JxCat para axudar a unha maioría pragmática para formar goberno.

Un xogo, pois, de gatos e ratos arredor dos tres tipos de imposibilidades que hai: as físicas (desde Bruxelas non se pode ser president da Generalitat), as legais (con orde de detención, executada ou non, non se pode gobernar) e as morais (vía Forcadell: con xuízo pendente non se pode ter un cargo de goberno). E nese xogo cada quen está a mover cadanseus fíos.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS