Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

noticias cotiás

Puro teatro…

RUTH FERNÁNDEZ  | 05.03.2013 
A- A+

Os amantes do teatro vimos de gozar dunha mostra sen igual neste eido, que tivo como marco de acollida a cidade romana de Lugo. Refírome á XII Mostra Teatro Clásico de Lugo. Do 17 ao 26 de febrero a urbe amurallada encheuse de esplendor sobre o escenario, contando con agrupacións teatrais e actores de renome. Nestas liñas farei mención a algún deles de xeito especial. Señores, ábrese o telón. Acompáñenme!

 

O programa abriuse coa obra ‘Juana la Loca, la reina que no quiso reinar’, seguida por un clásico de Calderón de la Barca: ‘El médico de su honra’, historia que deu paso a una grande figura da escena española: José Sacristán no papel principal de ‘Yo soy Don Quijote de la Mancha’. A cita do venres foi para o desfrute dunha adaptación persoal do Decamerón por parte de Cándido Pazó, humorista da terra, baixo o subtítulo de ‘Historias para tempos críticos de Boccaccio’. O espectáculo, a una soa voz, ao estilo sos xograres da Idade Media, cun ton satítico, abriu o paso a outra obra moi esperada nesta convocatoria. Falo da adaptación de ‘La Odisea’ de Homero, por parte de Rafael Álvarez, El Brujo, un actor acollido con gran expectación e que sempre me fará lembrar a súa especial adaptación do Lazarillo de Tormes, da que desfrutei enormemente anos atrás.

 

Precisamente un día antes á data sinalada para El Brujo (domingo 24 de febreiro), o Auditorio Municipal Gustavo Freire acolleu una adaptación do Lazarillo para público infantil, a cargo de ‘Caramuxo Teatro’.

 

Sen restarlle valor ao resto das actuacións, vou centrarme nas que máis chamaron a miña atención ao chegar o programa ás miñas mans e que puiden desfrutar. Tiña moitas gañas de volver ver sobre a escena a Rafael Álvarez, mantendo o estilo propio de ‘actor solista’, que amosou non só no espectáculo citado (‘Lazarillo de Tormes’), senón tamén en ‘El Quijote’ ou ‘El evangelio de San Juan’. Sempre fai una adaptación da obra aos nosos tempos, cunha lectura renovada do clásico escollido, de xeito que o convirte nun espectáculo vivo, popular e cheo de humor. E non foi menos coa obra de Homero. Aquí cumpría co papel de aeda, ao estilo dun xograr contemporáneo que engalana o texto con imaxinación, bromas e humor, facendo múltiples referencias á actualidade. A política, a relixión… foron temas tratados na representación. Non se salvaron nin o Papa nin o PP. Zapatero e o Rei (de caza) tamén tiveron as súas críticas notables. Orozco, o alcalde da cidade que acollía a obra, non conseguiu escapar ao ataque, polos turbios asuntos nos que se está a ver involucrado.

 

Houbo múltiples momentos de conexión co público, mesmo á hora de criticar o forte incremento dos impostos, especialmente 

 

a subida do IVA no teatro, do 8% ao 21%, en oposición a espectáculos coma o fútbol. Fixo fincapé en que agora os novos deuses son os mercados, os políticos ou os sindicatos e xustificou o seu interese pola obra por tratarse dun gran relato para un contador de historias, como el se define. Así, podemos dicir que o que fai Rafael Álvarez, ao estilo dun xograr contemporáneo, é recoller una tradición que se remonta a Grecia, cando os aedas contaban a Guerra de Troia. Homero era un deles. Con música en directo, con instrumentos tradicionais antigos que evocaban Oriente, Turquía, Bizancio e a India, A Odisea presentouse esta vez dende a óptica da deusa Palas Atenea, patroa da democracia e promotora das aventuras de Ulises no seu regreso a Ítaca.

 

O espectáculo, dividido en dúas partes, deixa ver o actor vestido primeiro de branco e logo de negro e vermello, amosando a rebeldía de Ulises na súa viaxe de Troia (tras a guerra provocada polo rapto de Helena, calificada moi despectivamente) a Ítaca, ata chegar a onde se atopa o seu fillo Telémaco. Fai referencias á princesa Nausica e á ninfa Calipso, chamada polo actor ‘diosa sin papeles’ e ‘top model de antaño’. Saltando do talón de Aquiles aos talóns de Bankia e falando do produtivos que foron os seus días de retiro no mosteiro de Silos, sempre nos quedamos con gañas de máis. Con el o tempo pasa voando e os 140 minutos semellan un abrir e pechar de ollos, do ben que enlaza o texto base do que parte coa actualidade e as críticas máis acedas. Agardamos telo de novo en breve, cun espectáculo que nos faga pasar tan bos momentos.

 

Outro dos grandes atractivos do programa era para mín a posta en escea de Madame Bovary, a obra decimonónica de Gustave Flaubert. Por avatares do destino puiden desfrutar dela. Magnífica! A protagonista, Emma Bovary, decide ser libre, romper co fatigoso presente e soñar, para desfrutar de novas experiencias sexuais e do amor que viven os protagonistas das súas novelas. Quere fuxir dunha existencia mediocre, pero vive mergullada no XIX, ao igual que Ana Ozores, a protagonista de Clarín en La Regenta. E iso é un gran problema, coa sociedade opresora do momento.

 

Baixo a dirección de Magüi Mira, na agrupación ‘Pentación’ temos actores de grande renome: Ana Torrent, Juan Fernández, Armando del Río e Fernando Ramallo, os que me referirei máis adiante.

 

Emma é una muller infeliz e de vida aburguesada (casada cun médico que lle proporciona no que se refire a temas económicos todo o que precisa), que lle planta cara ao matrimonio, ao querer algo máis: coñecer o amor, a paixón, o desexo. Pero nesa fuxida do cotiá vai camiño da destrución: convírtese nunha muller adúltera e iso só pode acabar en traxedia. 

 

Lembremos a sociedade conservadora da época. Non se aceptaba algo así nin nas obras literarias, de xeito que Flaubert se viu nos tribunais acusado de inmoralidade.

 

A obra, cargada de erotismo, enche a escea de voluptuosidade, de desexo carnal, a través da iluminación, da música, dos silencios e da palabra. A imaxe máis erótica da representación chega da man de Armando del Río (Sin tetas no hay paraíso), que aparece núo tumbado na cama, nun encontro sexual coa actriz protagonista.

 

Fagamos una pequeña paréntese. Inevitable, por indignante… Toda a maxia da posta en escena chegou a verse interrumpida por un espectador maleducado que berrou en diversos momentos, increpando a xente que, acatarrada, tusía sen poder evitalo. Chegou a chamarlle ‘tuberculoso’ a algún señor que desfrutaba tranquilamente da representación. O incrible foi que non botaran fóra ao individuo en cuestión, que xa entrou tarde e molestando á fila enteira na que tomou asento. Ver para crer…

 

Durante os 90 minutos que dura a obra, Emma Bovary pasa por distintos estados: amosáse doce e cruel, feliz e fría. Síntese insatisfeita por una razón: pola falta de liberdade nun mundo onde os homes si son libres. Así, paso a paso, camiña cara un suicidio que se entende polo ambiente opresor no que vivía, nunha sociedade hipócrita e controladora que non permitía a una muller o afán soñador, o desexo de ser libre e de desfrutar libremente do amor.

 

A actriz protagonista é Ana Torrent (de sobra coñecida por filmes coma Tesis, o debut de Alejandro Amenábar, e Una preciosa puesta de sol) e o marido, Carlos Bovary, Juan Fernández (Lobo en Tierra de Lobos, Conde de Lizana en Águila Roja e actor de filmes como Lucía y el sexo, La mala educación ou Solas). Ademais do marido, os outros dous homes da vida de Emma son Rodolfo, papel interpretado por Armando del Río (policía de Sin tetas no hay paraíso, traballando tamén en Gran Reserva, e filmes como Jamón, jamón e Historias del Kronen) e León, interpretado por Fernando Ramallo (La buena vida, Carreteras secundarias, El corazón del guerrero). Un reparto de luxo. Una interpretación maxistral. Un espectáculo memorable. Que veñan moitos máis!

 

Sería interesante, falando de teatro, contar cun auditorio mellor acondicionado para estes eventos. Onde quedou o proxecto do novo edificio para Lugo? Pois é necesario. Para mellorar a calidade da posta en escena e ofrecer mellores localidades o público. Ás veces este queda pequeno. Recordemos tamén o que pasou na estupenda zarzuela representada en xaneiro, La verbena de la Paloma. Houbo que repetir función porque moitos ficaran fóra.

 

Ruth Fernández

 

 

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS