Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

noticias cotiás

E que, se nos quedamos coa historia de amor?

RUTH FERNÁNDEZ  | 07.04.2015 
A- A+

A adaptación cinematográfica da novela erótica máis lida nos últimos tempos, “Cincuenta sombras de Grey”, desatou a polémica. Dende logo. Primeiro xa foran os libros os que deixaron críticas de todo tipo, á vez que eran aplaudidos por unha alta porcentaxe da poboación. Poucos/as quedarían sen ler a triloxía de E. L. James. Funcionou o boca a boca, está claro. Houbo un momento no que non se falaba doutra cousa, como xa ten acontecido con libros que funcionaron grazas a unha boa campaña de márketing. E así fomos caendo na tentación de lelos uns e outros, collendo prestados os volumes en bibliotecas, descargándoos para o e-book ou mesmo mercándoos en soporte de papel. Para o caso é o mesmo. Moitos, na miña opinión, démonos conta de que se trataba dunha obra con escasa valía literaria, por non dicir nula. Resultaba repetitivo, incidindo unha e outra vez en escenas sadomasoquistas que deixan á muller como un exclusivo obxecto sexual. A historia semella presentada dende unha perspectiva demasiado machista para ser aceptada sen máis. Todo xira arredor da existencia dun contrato, no que figura o que o amo agarda obter por parte da sumisa, que debe cumprir unha serie de normas, ofrecendo os servizos sinalados nese documento. O único que di o amo buscar co contrato é permitir que a sumisa explore a súa sensualidade e os seus límites de forma segura, preocupándose pola súa saúde e benestar.

Claro que non falamos dun tipo calquera. Trátase dun atractivo multimillonario que seduce a unha moza virxinal e a leva ao seu terreo cunha especie de contrato de compra-venda polos seus servizos na cama. O rico e guapo de Christian Grey (tal e como o imaxinamos ao ler as tres partes da novela) seduce coas súas viaxes en helicóptero, cos seus agasallos e sorpresas. Lonxe quedan os bombóns, as flores ou os perfumes. Grey afástase de todo iso, non é un amante común. Os seus agasallos son primeiras edicións de obras clásicas, ordenadores portátiles de Apple, viaxes incribles ou mesmo coches coma un A3. E así parece que se nos esquece o machismo que exerce nesa relación de dominación con Anastasia Steale.

Pero no fondo o que queremos é que sexa el o que cambie, como finalmente sucede. Por que? Porque se namora. Por primeira vez! Despois de ter a moitas mulleres na súa cama, tras ter todo tipo de relacións sexuais, cae namorado de quen menos imaxinaba. E iso é talvez o mellor do filme. Na adaptación cinematográfica quédanse coa historia de amor. E que? Non é o que queremos en definitiva tod@s? Buscamos un final feliz. Talvez porque dende a infancia temos impresa na nosa mente a imaxe dos contos de Perrault, Andersen ou dos irmáns Grimm. Talvez porque no fondo queremos un final como nas películas de Disney. Queremos un amor que o cambie todo, como se reflicte na última versión cinematográfica de “Cenicienta”, onde podemos desfrutar dunha imaxe singular: a dos zapatos de Cincenta, elaborados por un equipo de oito persoas que traballaron arredor de cento cincuenta horas para crear seis versións distintas ata dar co modelo definitivo, segundo Nadja Swarovski unha peza con facetas de 221 cristales. Para recrear a visión máxica do amor que envolve os contos de fadas empregáronse para os zapatos, xoias e vestiario 1,7 millóns de cristais de Swarovski! Todo se volve aí doce e cheo de brillo en canto aparece a fada madriña e a cabaza se volve carroza. Esa imaxe engaiola a pequenos e maiores, nun xogo de fectos especiais que nos fai soñar un chisco dende a butaca do cine, regresando de golpe á nenez.

Precisamente por ofrecer unha versión edulcorada do libro o filme “Cincuenta sombras de Grey” foi moi criticado, ata o punto de que o actor principal anunciou non seguir coa saga, decisión secundada por parte da dirección do filme. A xente quería ver máis carne na pantalla. Parecen non darse conta de que de haber escenas de sexo moito máis explícito a película entraría dentro doutra categoría e non podería exhibirse en calquera sala de cine comercial. En definitiva, na adaptación quedaron coa cara máis amable da historia entre o sedutor Grey e a inocente Anastasia, coa parte doce que queremos en calquera romance, aínda que non se axuste á visión ‘vainilla’ do sexo que detestaba o escuro e poderoso Christian Grey.

Queremos que a forza do amor o cambie todo, como tamén se ve na película “Samba”, esta vez entre un inmigrante que chegou a Francia dende Senegal e unha executiva que desempeña labores de traballadora social como terapia para saír do pozo negro no que se atopaba mergullada tras unha profunda depresión, despois de estar sometida a un forte estrés laboral. É o que acontece no día a día. Imos pola vida a todo correr, sempre con présas. Semella que sempre levamos as zapatillas deportivas postas, sen descalzarnos para camiñar sobre o céspede ou sobre a area da praia, sen desfrutar das pequenas cousas, dos pequenos momentos que convirten a existencia na suma de instantes felices.

No filme, dirixido por Eric Toledano e Olivier Nakache (directores de “Intocable”, tamén protagonizado polo mesmo Omar Sy), Samba e Alice intentan recuperar a súa vida de xeito individual, pero o azar ou o destino fai que os seus camiños se crucen para viaxar xuntos cara a felicidade. Aparentemente tan só son dous descoñecidos que nada teñen que ver un co outro, pero que a medida que deixan entrar un na vida do outro descubren que no fondo o que nos une non ten nada que ver coa idade, a raza, a clase social nin a relixión. O amor está moi por enriba. E é a razón pola que o mundo segue a xirar…

Iso mesmo se pode ler entre liñas na comedia romántica de produción española “Perdiendo el norte”, chea de momentos de humor, ao estilo de “Ocho apellidos vascos”, facendo que o noso cine poda competir con outras cintas nas salas de cine. Estamos mellorando nesta industria, malia ás dificultades económicas que atravesa. Así aconteceu tamén con outras como “El Niño”, “La isla mínima” ou “Relatos salvajes”, nominadas aos Premios Goya, recibindo diferentes galardóns nalgúns casos.

En “Perdiendo el norte” vemos unha historia cotiá. Dous mozos, Hugo (Yon González) e Braulio, tras rematar os seus estudos universitarios, carreira e máster… non atopan traballo en España e vense na obriga de ter que emigrar a Alemaña na procura do seu futuro, como xa acontecera corenta anos antes (como ben relata Andrés (José Sacristán), un home que padece alzhéimer e que lembra as dificultades sufridas no estranxeiro para poder logo gabarse do ben que lles ía en Alemaña cando viaxaban á terra e cubrían de agasallos aos seus, toda unha farsa. Traballando todo o ano, de sol a sol, para non viaxar a España e quedar diante dos parentes e veciños coma uns fracasados. Chegábase a alugar o coche para presumir da boa vida da emigración). Os mozos, xa no século XXI, emigran animados por unha reportaxe que ven na televisión, nun programa do estilo de “Españoles por el mundo”. Alí danse conta de que sobrar nun sitio non significa ser necesario noutro lugar. Esa é a experiencia que viven. Pois Alemaña non é a solución aos seus problemas, alí tampouco atopan o futuro que anhelaban, tendo que aceptar traballos que non pensaban desempeñar, pero que necesitan para poder sobrevivir e messo axudar ás súas familias, que investiron nos seus estudos o que tiñan e que hipotecaron as súas vidas con ese obxectivo.

Por último, lembro aquí o thriller erótico protagonizado por Jennifer López e Ryan Guzman, “Obsesión” (“The Boy Next Door”), onde o amor convertido en obsesión pode encerrar un grande perigo para a protagonista, unha muller separada que comeza a sentirse atraída polo seu veciño, un atractivo mozo co que mantén un encontro sexual nunha fin de semana na que o seu fillo adolescente fai unha viaxe co pai. O guapo veciño resulta ser logo tamén o seu alumno, un rapaz obsesivo, un acosador perigoso que é capaz de chegar ao límite, poñendo en perigo á profesora, ao seu fillo e ao seu marido con tal de satisfacer os seus íntimos desexos. O thriller deixa ver que o pasado pode volverse na nosa contra, ao fin e ao cabo estamos determinados polo que vivimos na infancia, por como somos educados, pola herencia xenética, etc. Aprendemos o que vivimos e ás veces iso pasa factura, como se amosa no filme.

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS