Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Sábado 25.05.2013  | Actualizado 11.58

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

DENDE AS ONDAS

Queiruga

Noticias relacionadas

ANTONIO GUTIÉRREZ  | 03.04.2012 
A- A+

Andrés Torres Queiruga volve estar na corda frouxa. Supoño que é o que lle toca a un teólogo de raza. É dicir, un pensador quen de ser propositivo. Porque Queiruga é un dos poucos teólogos españois, entendendo por teólogo un pensador do feito relixioso cristián e non un mero recompilador do pensamento e as investigacións alleas. Queiruga é un autor que reflexiona, que tenta ser orixinal, que busca camiños novos para expresar a mensaxe permanente do Cristianismo. Sen pioneiros coma Queiruga a teoloxía non tería sentido. Sen pensadores que buscan cumprir o mandato bíblico de dar razón da esperanza aos homes e mulleres de cada época, a teoloxía sobraría. Sen a actualización constante que aportan os teólogos o edificio doutrinal morrería de inanición. Porque ao pobo fiel nunca lle abondou co Maxisterio. E aos católicos de hoxe en día menos ca nunca.

Queiruga leva décadas ensinando en público. No Seminario compostelán a seminaristas e a laicos. En calquera sitio con grupos de todo tipo e cursos de espiritualidade. E sempre sen agocharse. Por iso é tan rechamante que a Notificación sobre algunhas obras do Prof. A.T. Queiruga xustifique a reflexión cun xenérico e anónimo “en repetidas ocasións chegaron á CEE consultas sobre a conformidade dos escritos do profesor Queiruga” como se os membros da Conferencia os descoñecesen e só actuaran a petición de parte.

ATQ ten escrito unha morea de libros e adicou a súa vida a repensar a fe con honestidade. Arriscando. Esculcando na sempre escura realidade da fe. Seríalle máis cómodo esperar á parusía para estar no certo. Ou repetir coma un papagaio a doutrina segura dos voceiros de Deus. Pero traizoaría o mandato bíblico, e polo tanto o desexo do propio Deus, de buscar argumentos e razóns para explicar ao Inexplicable.

Argumenta a xerarquía que Queiruga non expresa con fidelidade a fe cristiá ao negar “o realismo da Resurrección de Xesús en canto acontecemento histórico”. Afirma a miña Igrexa que a teoloxía de Andrés “sementa a inquedanza nos fieis”. Permítome discrepar dos meus pastores neste tema.

De entrada os cristiáns que de boa fe len a Queiruga teñen a formación académica abonda para saber qué len e onde colocar os resultados das súas reflexións. Ninguén medianamente equilibrado se pode escandalizar ante as conclusións dunha busca sempre incerta. Polo que se refire ó común dos fieis, os escritos de Andrés provócanlle tanta inquedanza como os libros de Ratzinger ou Rahner, poño por exemplo. Simplemente porque non os len.

Andrés axudou a centos de fieis a expurgar os elementos máxicos e supersticiosos que se adheriron á mensaxe da fe durante séculos. Entre eles a mín. Entendo que ás veces é algo “destructivo” e que a súa crítica entra nese edificio semi corrompido da fe popular como unha excavadora. Pódeselle pedir algo máis de delicadeza no traballo de reconstruir unha fe madura e adulta. Pero a súa piqueta é imprescindible. E dende logo dunha eficacia impagable.

Máis que a teoloxía de Queiruga creo que sementa escándalo e inquedanza nos fieis a lixeirexa coa que algún membro da nosa xerarquía trata aos sacramentos. Nomeadamente o matrimonio e a comunión; que se reparten sen escrúpulo ningún a recoñecidos ateos tan só porque forman parte da “boa sociedade” ou á familia real.

Máis que a teoloxía de Queiruga, escandaliza e causa inquedanza a parafernalia pagana das procesións da Semana Santa, que se resume nun espectáculo en boa parte alleo á fe e que tanto cuida a nosa xerarquía. E por si alguén cré que isto é un xuizo moi aventurado, que o é, convídoo a pasarse preto dos cofrades cando fan un alto no carrexos dos pasos. Vaian preparados para escoitar estoicamente as blasfemias máis atroces. Ao fin e ao cabo, máis ca unha expresión da fe, estamos ante unha festa de interese cultural que interesa moito ao negocio turístico.

Máis que a teoloxía de Queiruga, escandaliza e causa inquedanza o negocio santificado e bendecido de Fátima ou de santuarios como o do Corpiño, onde calquera crente sae indignado ante as barbaridades e supercherías que pode escoitar. A este crente gustarialle que a nosa xerarquía fose igual de escrupulosa con timos da estampiña como as “visións marianas” do Escorial. Resulta escandaloso ver cómo ante esta evidente estafa a nosa Conferencia Episcopal “se la coge con papel de fumar”. Se de verdade nos preocupase a pureza da fe, hai tempo que estas supercherías estarían desterradas por heréticas. Porque a imaxe de Deus que se respira aquí é pura e simplemente herética.

Máis que a teoloxía de Queiruga, escandaliza o silencio da xerarquía ante o drama do paro ou da fame que xa está a trabar nos máis desfavorecidos. Isto sí que escandaliza e non o novo paradigma queiruguiano. Queiruga pode incomodar. Pode cuestionar. Pero non escandaliza aos que o len con boa fe.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS