Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.09.2018 Actualizado 20:39
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

'Polas fillas dos nosos fillos'

Queremos Galego espera unha mobilización masiva o 8 de febreiro

Sairán autobuses cara a Compostela "practicamente de todas as bisbarras" e piden o apoio dos cidadáns "independentemente da súa ideoloxía"

SANTIAGO. EP  | 28.01.2015 
A- A+

A plataforma Queremos Galego confía en que a manifestación que percorrerá as rúas de Santiago de Compostela o próximo 8 de febreiro será "masiva" e rexistrará números similares ás grandes protestas celebradas en Galicia "en defensa do idioma". Nesta ocasión, baixo o lema 'Polas fillas dos noso fillos', o eixe temático será a supervivencia de Galicia a través da pervivencia e a transmisión da lingua.

Así o explicaron tanto Susana Méndez como Marcos Maceira, integrantes de Queremos Galego, acompañados de diversos representantes das máis de 600 entidades da sociedade galega que forman parte desta plataforma.

"Pretende ser un berro, se non unánime, si da grande maioría do pobo galego que ve como a nosa lingua perde falantes e sofre continuos ataques", sinalou Méndez, quen engadiu que a dirección que buscan é a contraria: que o galego sexa "unha lingua forte, normalizada".

Marcos Maceira, presidente da Mesa, mostrou o cartel da marcha co que a plataforma "inundou todo o país, todas as bisbarras galegas" para conseguir que esta manifestación sexa "das máis importantes de Europa" en defensa dun idioma.

A imaxe pretende mostrar o "problema central" da lingua e que tamén afecta "ao futuro e a existencia de Galicia como pobo", e é "a pervivencia do idioma" e a necesidade de desenvolverse "plenamente en todos os planos da vida".

Ante esta situación, Queremos Galego quere que a manifestación do 8 de febreiro sexa "a proba máis palpable de que o galego ten futuro" pola vontade de "moitos pais e nais" que o transmiten a pesar de que "non existen dvds" con series infantís nin xoguetes nesta lingua, no marco dun panorama social no que non se poden "facer trámites" administrativos ou xudiciais neste idioma.

"LIBERDADE LIMITADA"

Maceira denunciou que "na práctica non se cumpre" a lei, e o galego é "unha lingua con liberdade limitada", como evidencia a redución de falantes en galego que se produce "cada ano" nos datos do IGE. En paralelo, "nos últimos 30 anos non se fixo nada" dende a Xunta, salvo "lexislar en contra" do idioma dende o actual Goberno.

O presidente da Mesa acusou a Alberto Núñez Feijóo e ao seu equipo de conselleiros de "cometer prexuízo" ao atacar "aquilo que xuraron ou prometeron defender", como está considerado no Estatuto de Autonomía.

 "A pesar destes ataques, existe unha sociedade galega viva e dinámica que quere defender o seu idioma e quere que siga existindo o século que vén", destacou, para pedir toda a sociedade "independentemente da súa ideoloxía" a que "enchan as rúas de Santiago" o próximo 8 de febreiro".

 Segundo asegurou, será unha marcha "absolutamente participativa, absolutamente lúdica" e contará con actuacións "para todos os públicos", con grupos de teatro e música infantil. A protesta sairá ás 12.00 horas da Alameda compostelana e sairán autobuses de todos os puntos de Galicia para favorecer a asistencia.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS