Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O químico Ignacio Ribas, valedor dos produtos naturais autóctonos, será homenaxeado no Día da Ciencia

Galego de adopción, bautizou as substancias que descubriu con nomes como santiaguina, pontevedrina, orensina e coruñina

Ignacio Ribas Marqués - FOTO: RAGC
Ignacio Ribas Marqués - FOTO: RAGC

SANTIAGO. EP  | 16.02.2016 
A- A+

O químico Ignacio Ribas Marqués, da morte do cal se cumpren 20 anos, será o homenaxeado este ano no Día da Ciencia en Galicia, a celebración promovida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para reivindicar a importancia da investigación a través das súas figuras máis destacadas.

Os académicos optaron por este investigador dado o papel que xogou no despegue da química orgánica en Galicia, grazas aos seus traballos sobre a obtención de produtos naturais a partir de especies vexetais autóctonas, continuado pola numerosa escola de discípulos aos que formou.

Aínda que nacido en Palma de Mallorca en 1901, Ribas Marqués viviu dende 1942 en Santiago de Compostela, onde faleceu en 1996. Tras a Guerra Civil, os seus méritos científicos e a súa consideración como o mellor continuador da escola moderna de química orgánica, que o convertían no candidato mellor situado para ocupar a cátedra na Universidade de Madrid, se viron superados por motivos políticos e o posto foi concedido a outra persoa máis afín ao réxime franquista.

A pesar de que moitos dos seus colegas decidiron exiliarse, Ribas preferiu quedar e, tras un breve paso por Valencia, en 1942 logrou a cátedra de química orgánica e bioquímica da Universidade de Santiago de Compostela, na que permaneceu ata a súa xubilación en 1971.

Durante esta etapa, Ribas centrou as súas investigacións na obtención de produtos naturais procedentes de plantas autóctonas e da cortiza, co obxectivo de identificar novas substancias e poñelas en valor. Este traballo reportoulle o maior coñecemento a nivel internacional e permitiulle crear unha escola con numerosos discípulos en Santiago.

DESCUBRIMENTOS

O estudio dos compoñente da cortiza permitiulle obter substancias con aplicacións na industria da perfumaría. Tamén investigou a hormona xuvenil dos insectos, coa finalidade de desenvolver un insecticida ecolóxico, e o cornezuelo do centeo, en colaboración co Instituto Miguel Servet, para obter alcaloides con aplicacións médicas como facilitadores da expulsión da placenta e para evitar o sangrado despois do parto.

O obxecto principal das súas investigacións foron os alcaloides das leguminosas. A 'xesta', a 'carqueixa' ou o codeso permitíronlle obter substancias aínda non coñecidas que el bautizou con nomes tan curiosos como orensina, pontevedrina, coruñina ou santiaguina, en homenaxe á súa terra adoptiva.

Autor de 157 publicacións científicas, cofundador e primeiro presidente do Grupo especializado de Química Orgánica da Real Sociedade Española de Física e Química e creador da escola compostelana de química de produtos naturais, obtivo numerosas distincións.

Ribas Marqués foi moi reivindicativo co financiamento da ciencia e coa conexión da investigación co progreso de calquera sociedade e defendeu unha transferencia de coñecemento, que el mesmo practicou colaborando con empresas como Zeltia, na actualidade Pharmamar.

O acto académico de homenaxe terá lugar o 8 de outubro, data do nacemento do Padre Feijoo, as actividades de difusión e divulgación sobre a figura de Ribas, que foi membro fundador da RAGC, estenderanse dende o primeiro trimestre do ano, coa colaboración das institucións científicas vinculadas ao investigador e da Fundación Barrié.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS