Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 12.11.2019 Actualizado 12:08
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Rajoy afirma que "algúns votos serven para darlle un gusto ao corpo, pero trátase de propiciar o cambio"

Feijóo lembra que Fraga perdeu a Xunta en 2005 por un escano, agora que Sánchez "descubriu o da lista máis votada"

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o expresidente do Goberno, Mariano Rajoy, nun mitin cos candidatos ás Cortes, María Ramallo e Javier Guerra.
Marta Vázquez Rodríguez - FOTO: EUROPA PRESS
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o expresidente do Goberno, Mariano Rajoy, nun mitin cos candidatos ás Cortes, María Ramallo e Javier Guerra. Marta Vázquez Rodríguez - FOTO: EUROPA PRESS

VIGO. EP  | 06.11.2019 
A- A+

O expresidente do Goberno, Mariano Rajoy, apelou este martes a "unir o voto" no PP, porque "é o que lle convén a España" ante as dificultades que se aveciñan, e afirmou que "algúns votos serven para darlle un gusto ao corpo, pero non se trata diso, senón de propiciar o cambio político".

Así o trasladou nun mitin no auditorio Mar de Vigo, na cidade olívica, ante unhas 500 persoas, e no que tamén participaron os candidatos ao Congreso e ao Senado, María Ramallo e Javier Guerra, e o presidente da Xunta e presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo.

Segundo apuntou Rajoy, "a gran maioría de españois queren un cambio, un goberno capaz de gobernar, de aprobar uns Orzamentos Xerais do Estado, que faga reformas", e se moitos o cren así, "haberá que explicarlles que só hai unha alternativa, que é un goberno do PP".

O expresidente do Goberno criticou que, os que apoiaron a moción de censura contra el, "viñan arranxalo todo" e "foron incapaces de gobernar", á vez que reivindicou a súa acción de goberno en plena crise económica.

As medidas adoptadas no seu día polo PP, subliñou, permitíronlle ao goberno de Sánchez "vivir das rendas dos grandes esforzos que se pediron á sociedade e dunhas políticas económicas acertadas". Agora, advertiu Mariano Rajoy, as cousas "empezan a non ir como antes, e convén non equivocarse".

"LECCIÓNS" DOUTROS PARTIDOS
Por outra banda, Mariano Rajoy referiuse tamén ás "leccións" que outros partidos pretenden darlle ao PP, e aos partidos que "non gobernaron nunca". "O único que teñen é o beneficio da dúbida, e algúns xa nin teñen ese beneficio da dúbida", aseverou.

"Onde está UPyD? Onde están os partidos que hai pouco parecía que se ían a comer o mundo, que duran un par de anos e dinnos aos demais o que temos que facer?", cuestionou.

Así mesmo, referiuse a os que reclaman a aplicación do artigo 155 en Cataluña e preguntou "de que dan leccións". "Quen aplicou o 155 aquí? De que falan?. Había que ver o que dicían algúns antes de aplicarse e o que din despois", proclamou, e lembrou que "todos saben que somos unha nación que ten instrumentos para defenderse cando se atenta contra a Constitución e a soberanía nacional (...) e sábese porque houbo un goberno do PP que o fixo".

A LISTA MÁIS VOTADA
Pola súa banda, o presidente galego e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, referiuse á intervención do "astronauta Sánchez" no debate entre candidatos deste luns e, entre outras cuestións, sinalou que "agora resulta que descubriu o da lista máis votada".

"Que pena que Fraga non puidese ver onte o debate. Estes que nos botaron pola maioría absoluta menos un escano (...) este é o da lista máis votada", proclamou, en alusión ás eleccións autonómicas de 2005, cando o PP quedou a un deputado da maioría absoluta e PSdeG e BNG formaron o goberno bipartito.

Núñez Feijóo, que tamén alertou sobre as consecuencias das políticas socialistas ante un escenario de decrecemento económico e aumento do desemprego, reiterou o seu chamamento á unidade do voto da dereita. "Non volvamos morder o seu anzol, non caiamos na súa estratexia de dividirnos", reclamou, e insistiu en que, o vindeiro domingo, só hai dúas opcións: un goberno do PP ou a continuidade de Pedro Sánchez e os seus "socios".

Segundo subliñou, aos socialistas "xa só quédalles dividir o voto" porque non poden presentar un balance de logros, tal e como se viu, ao seu xuízo, no debate do luns. "No canto de presentarse a pedir o voto, terían que pedir desculpas", apostilou Feijóo, que criticou ao presidente do Goberno en funcións por ser "un presidente equidistante entre a Constitución e os que rompen a convivencia, porque goberna con eles".

CANDIDATOS
A candidata ao Congreso por Pontevedra, María Ramallo, eloxiou o labor de Mariano Rajoy, "un político de altura", e a de Núñez Feijóo, a quen anunciou que os militantes lle van a "empuxar" para que volva presentarse ás autonómicas e que "Galicia siga sendo un referente de estabilidade".

Pola súa banda, o candidato ao Senado, Javier Guerra, pediu o voto para o PP porque será o partido que permita "capear o temporal" das dificultades económicas que se prevén, mentres que, se gaña o PSOE, "o previsible" é que leve a España "á ruína por terceira vez".

Ademais, o exconselleiro reiterou varias veces o seu agradecemento ao presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, por permitirlle "loitar" por Vigo e por Galicia, e fixo referencia á situación do partido na cidade olívica (cunha xestora, despois da dimisión da anterior dirección após uns nefasos resultados nas eleccións municipais): "No PP de Vigo todos metemos a pata, eu o primeiro. Pero hoxe estamos aquí, unidos".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS