Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 22.02.2018 Actualizado 20:35
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Realismo sobre realismo

JOAQUIM VENTURA  | 19.01.2018 
A- A+

Despois do paréntese de festas, a situación en Cataluña está aparentemente máis acougada. E é así malia as diversas manifestacións reivindicativas e dos lazos amarelos en favor da liberdade dos políticos presos en Madrid e da permanencia en Bruxelas de Carles Puigdemont e de catro consellers, todos eles fuxidos despois que fosen cesados pola aplicación (excesiva) do artigo 155 da Constitución.

Xa repousados os resultados das eleccións de hai un mes, podemos tirar algunhas certezas. Unhas, evidentes; outras, intuídas. A primeira das evidentes é que Ciutadans, malia ser a lista máis votada, non ten ningunha marxe de manobra para impulsar unha maioría de goberno. Esta circunstancia ficou ben clara cando JxCat e ERC pactaron para gañar –cos votos da CUP e a previsible abstención de Catalunya en Comú-Podem (CeCP)- a mesa do Parlament.

Elixido Roger Torrent (ERC) como novo presidente da cámara, a posteriori unha ex deputada da CUP non dubidou en criticar o ton reconciliador do seu discurso. Unha maioría independentista que polo de agora non sería tal de cara á investidura de Puigdemont, tal como pretende a súa lista, JxCat, en nome da restauración da lexitimade, vulnerada pola aplicación do 155.

ERC, nun progresivo exercicio de pragmatismo, fixo evidente na mesa de idade (formada casualmente por tres deputados seus) que aceptaba a suxestión feita polo xuíz Llaneras para que os presos que están no cárcere delegasen o voto, cousa que non puideron facer os que están en Bélxica, o que motivou que JxCat nin o defendese. Neste senso, cada vez está máis claro que vaise impoñer unha dose máis de pragmatismo: ninguén que estea procesado vai ostentar un cargo de responsabilidade. Por esa razón Carme Forcadell renunciou a presidir o Parlament e ERC sabe perfectamente que Oriol Junqueras non estará no próximo goberno.

O problema que se abre é outro, derivado do anterior. JxCat foi unha lista feita por Carles Puigdemont despois de convencer ao PDeCat, antes que rematase o prazo de presentar listas: el mesmo era o único activo –en tanto que presidente “lexítimo”- para poder ter un bo resultado, á vista do castigo que as enquisas impuñan ao sucesor de CDC. E foi coa bandeira da restauración desa pretendida lexitimidade –erguida en Bruxelas- que JxCat conseguiu convencer electores dabondo como para quedar por diante da candidatura de ERC, aparentemente máis acomodada ás consecuencias do 155 malia ter a Junqueras na cadea.

E esa é a chantaxe que está a facer a contorna de Puigdemont: a súa condición de “lexítimo” é aval suficiente para ser o único candidato á presidencia polas forzas independentistas. E se para iso cómpre reinterpretar o regulamento do Parlament e ignorar o que establece a lei da Presidencia da Generalitat e do Govern, reinterprétase e ignórase, malia o ditame dos letrados da cámara, o sentido común e as ameazas do goberno español de levar o conflito ao TC (co cal a investidura ficaría paralizada, non habería govern e o 155 seguiría vixente).

E aínda que ERC non o exprese de maneira clara –máis ben está a xogar novamente a levar ao PDeCat ao límite do abismo-, o certo é que ten un convencemento: unha persoa que estea procesada –aínda que sexa en abuso de lei- non pode ocupar un cargo de goberno en consonancia co que fixo Carme Forcadell. Porque, ao cabo, en JxCat o problema é dobre: os primeiros da lista pasaron ou pasarán pola cadea (se regresan de Bélxica) e tras eles non hai ninguén que teña perfil para obter a presidencia da Generalitat.

Por iso, se xa podemos descartar a posibilidade dunha investidura telemática –maila a teima de JxCat, penso que se desde esta formación tensan a corda de máis, incluída a posibilidade de novas eleccións, o que pode conducir a que non sexa tida en conta en calquera pacto de goberno. E non so por iso. Malia non ser visible, a tensión entre ERC e JxCat/PDeCat é crítica, moi crítica, nesa disputa entre un pragmatismo de desgaste dos primeiros contra os segundos oposto ao argumento da lexitimidade coa teima de “Puigdemont si ou si”.

E doutra banda, dentro da coalición que apoia a este, entre el mesmo e os electos que propuxo e o PDeCat, tanto polo control político como polo reparto dos fondos a recibir. Pésima situación, pois, para promover un goberno estable e cunha previsión de catro anos. ERC xa manifestou –e xa sabemos aquilo que a un bo entendedor poucas palabras abondan- que o primeiro obxectivo ten que ser ese goberno estable que recupere as institucións autonómicas.

Por iso, e aínda que apareza como o máis probable un acordo entre JxCat e ERC –xa se vería con cal candidato á investidura-, eu non poñería a man no lume por esta solución. En primeiro lugar porque para tal obxectivo non poden contar coa totalidade dos seus votos nin co concurso da CUP nin coa permanente abstención de CeCP. En segundo lugar, porque non hai garantías de cohesión de voto entre os deputados de JxCat. A isto cómpre engadir que tal opción sería a que mellor iría á política do PP: alerta constante, cousa que deixaría a Ciutadans nun papel irrelevante.

Non son eu de contos da leiteira. Por iso, de cara a un goberno estable, considero máis factible calquera acordo –por incrible que pareza- que outro con procesados de JxCat. E postos a elucubrar nunha solución que contentase á maioría, boto a seguinte (consciente da súa difícil viabilidade): maioría parlamentaria ERC-PSC-CeCP de apoio a un goberno sen peso político, coa abstención de Ciutadans. Que obxectivos tería?: 1) non comprometer o goberno con políticos procesados; 2) risco cero de aventuras; 3) vixilancia por parte de Cs, garante do recto camiño, sen desgaste (co cal o PP perdería a súa baza); 4) previsible ruptura do espazo JxCat e parálise do PDeCat polas consecuencias do “caso Palau”; 5) recuperación por parte do PSOE dunha certa iniciativa pola participación do PSC. Admítense máis ofertas, sempre que sexan mellores.              

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS