Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.09.2017 Actualizado 19:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Receos e frustracións, corenta anos despois

XOSÉ A. GACIÑO  | 01.07.2017 
A- A+

Nas conmemoracións dos corenta anos transcorridos desde que se recuperou a democracia perdida pola guerra civil, non faltan elementos de confusión e retórica cos que algúns disfrazan os seus receos iniciais e outros mostran a súa frustración. Que nos discursos oficiais, o rei definise por primeira vez como ditadura o réxime que seguiu á guerra civil e que unha presidenta do Congreso (de filiación popular) recordase que o PCE xa se declarara a favor da reconciliación nacional dos españois no 1956 parecen elementos destacados e polo menos tan importantes como o da ausencia do rei emérito (que nunca chamou ditador a quen o colocara como o seu sucesor, pero despois deu os pasos necesarios para desmantelar a ditadura). Como que o líder de Esquerda Unida, dentro da liña dos comunistas arrepentidos das súas “debilidades” de entón, fose dos poucos que non aplaudiron a referencia a Santiago Carrillo como un dos artífices da transición e do consenso. 

Que o terceiro grupo parlamentario, Unidos Podemos, promovese un acto en recordo dos antifranquistas, ao que se sumaron algúns representantes socialistas, tamén entra dentro das novidades destas conmemoracións que nos pillan nun estraño proceso cruzado de activismos e estancamentos. E se engadimos os xestos dos cataláns independentistas (uns reivindicando urnas no hemiciclo e outros tan ausentes do acto oficial no Congreso como o rei emérito non invitado, mentres todos seguen a preparar o referendo imposíbel), pódese debuxar un panorama no que parece que hai unha corrente que trata de mostrar as insuficiencias dunha transición considerada modélica, mentres os sectores máis conservadores asumen xa como consolidado e clausurado (é dicir, non modificábel) un proceso contra o que, no seu momento, se mostraron receosos.

Como se volvésemos ás tensións abertas hai corenta anos –despois daquelas primeiras eleccións que derivaron en constituíntes– para acadar un consenso que permitise configurar unha Constitución apta para case todas as sensibilidades. Pero, naquel momento, coincidiron as vontades de crear un novo espazo de convivencia que substituíse á ditadura e esa coincidencia de vontades conseguiu superar as grandes diferencias ideolóxicas: con cesións de cada unha das partes (queda para o debate histórico analizar quen cedeu máis). Non parece que haxa agora unha coincidencia semellante, por moito que nos discursos oficiais se apele ao exemplo dos promotores do consenso de hai corenta anos, nunha mostra evidente de que non hai promotores como os de antes e algúns, ademais, nin sequera se mostran receptivos ás iniciativas que pretenden tender novas pontes de entendemento.

Uns idealizan o espírito de consenso do 77 (e 78) para que se esqueza que unha boa parte dos seus ascendentes ideolóxicos puxeron moitas trabas a ese espírito e consideran que xa se fixeron demasiadas concesións ás esquerdas laicas e republicanas así como a nacionalistas periféricos proclives á autodeterminación. Outros –que sempre pensaron que aquilo era un primeiro paso, aceptábel polas circunstancias nas que se daba– volven expresar a súa frustración polos lastres que a democracia herdou do franquismo, algúns dos cales (a corrupción, por exemplo) non hai maneira de alixeirar, e que impiden dar novos pasos para a súa renovación.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS