Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 19.08.2017 Actualizado 16:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Recollidas máis de 7.000 firmas en Galicia para reclamar a inclusión de Filosofía en segundo de Bacharelato

O alcalde da Coruña e a vicepresidenta da Deputación mostran o seu apoio nun acto na cidade herculina

A CORUÑA. EP  | 09.08.2017 
A- A+

Profesores e profesoras de Filosofía que iniciaron en maio unha campaña para reclamar, a través dunha iniciativa lexislativa popular no Parlamento galego, a inclusión desta materia en segundo de Bacharelato solicitaron xa unhas 7.500 firmas en apoio a esta iniciativa.

Diso informou a ex deputada do BNG e profesora do IES Politécnico de Vigo, Carme Adán, coincidindo cun acto de recollida de firmas na Coruña, á que asistiron, para expresar o seu respaldo, o rexedor coruñés, Xulio Ferreiro, e a vicepresidenta provincial, Goretti Sanmartín.

Xunto ao investigador e catedrático de Filosofía Jorge Álvarez Yagüe, Adán manifestou que esta iniciativa busca que se inclúa unha materia que a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (Lomce), coñecida como 'lei Wert', "retirou das aulas".

"É imprescindible que o alumnado teña posibilidade de facerse preguntas, de formarse en cidadanía e ter unha reflexión crítica", expuxo Adán. "Sen filosofía non hai pensamento", insistiu na mesma liña que Jorge Álvarez quen instou á cidadanía a "pronunciarse" sobre esta cuestión.

APOIO INSTITUCIONAL

Pola súa banda, o alcalde herculino mostrou o seu apoio a unha iniciativa que os seus promotores esperan levar ao Parlamento galego antes de que acabe agosto. "É unha reivindicación lexítima", insistiu Xulio Ferreiro. Tamén cualificou de "economicista e mercantilizadora" a actual lei educativa porque, ao seu xuízo, busca só "servir para formar man de obra".

"Hai que ter unha visión máis ampla da educación", engadiu ao demandar que sirva tamén para formar a "persoas críticas". Por outra banda, insistiu en que a Xunta ten "competencias" para incluír esta materia como obrigatoria.

Na mesma liña, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, cualificou de "fundamental" incluír "a reflexión e os valores" no sistema educativo. Por iso, pediu ao PP que admita esta iniciativa.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS