Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Venres 22.08.2014  | Actualizado 10.36

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

PAVILLÓN DE REPOUSO

Recortes e privatizacións na sanidade

PABLO VAAMONDE  | 08.04.2012 
A- A+

A reducción dos orzamentos dedicados á atención da saúde non se produce só en Galicia. Todas as autonomías, controladas maioritariamente pola dereita, rebaixan o diñeiro da sanidade. En total o gasto por persoa redúcese nun 10,4%, o que significa que a sanidade española funciona con 5.000 millóns de euros menos que en 2010. As comunidades recortan en persoal, materiais, formación e inversións; en cifras absolutas as administracións gastarán de media 1.204 euros por persoa este ano, frente aos 1.344 de 2010. Pero non todas rebaixan o mesmo: Euskadi, por exemplo, dedica á sanidade case 600 euros máis por persoa que a comunidade valenciana.

Estes recortes teñen unha severa repercusión na prestación dos servizos sanitarios. Os sindicatos, as plataformas para a defensa da sanidade pública e mesmo os colexios de médicos –que ata o de agora estiveran ausentes nesta controversia-, están a sinalar os puntos negros que poñen en evidencia o deterioro asistencial: o colapso dos servizos de urxencia, o peche de camas e servizos que provocan o aumento –ainda máis- das listas de espera, a sobrecarga laboral dos profesionais, a saturación dos centros sanitarios, etc.


-Catalunya: sanidade con dúas velocidades

Catalunya puxo ao frente da sanidade pública ao ex-presidente da patronal sanitaria privada. Os severos recortes realizados provocaron numerosas protestas dos cidadáns e profesionais sen que, até agora, variase o rumbo das súas actuacións. O deterioro asistencial é cada vez máis perceptible, e danse casos de persoas que consiguen sortear as demoras coa utilización de seguros privados. El País (09-02-2012) informaba do caso dunha muller que evitou sete meses na lista de espera no Hospital de La Seu d`Urgell (Lleida) para ser operada dun xeonllo. O hospital, pechado polas tardes para os usuarios públicos, ofrece os seus quirófanos aos seguros privados: o que pode pagar, non agarda.

O profesor JR Repullo recordaba nun artigo o tempo, non tan lonxano, en que os hospitais tiñan unha porta para os pacientes “de pago” e outra para os “do seguro”. E preguntábase: “Queremos de verdade volver a ese mundo do que tanto nos costou distanciarnos?” As políticas que están a erosionar o servizo público de saúde poden traer unha sociedade mais inxusta, menos eficiente e menos saudable. E remataba: “Non debemos aceptar unha sanidade dualizada; non debemos consentir que haxa un sistema sanitario para pobres, que derivaría rápidamente nun pobre sistema sanitario”.


-Valencia: ainda máis lonxe

A Comunidade Valenciana chegou máis lonxe nesta entrega de parcelas da sanidade pública ao sector privado. A Generalitat entregoulle a xestión da asistencia dun millón de valencianos –o 20% da poboación total- á empresa Ribera Salud (en alianza con outras aseguradoras). Esta empresa controla cinco departamentos de saúde en Valencia, un hospital público en Madrid, o servizo de análises clínicos de cinco hospitais públicos madrileños e o diagnóstico por RMN da rede sanitaria valenciana.

Ribera Salud, condicionada polas turbulencia do sector financeiro valenciano, está a negociar a súa venta a Capio, o maior grupo sanitario privado español, que xestiona 25 hospitais en España (e que ten por propietario a CVC Partners Capital). De producirse esta operación, o fondo británico de capital risco ocuparía unha posición dominante no control dun servizo público esencial como é a atención sanitaria integral –primaria e especializada-. Pode dar lugar a unha situación de oligopolio sanitario, con enorme capacidade de presión sobre a Administración, con posibilidade de modificar contratos e de fixar prezos.

Por que invirten en sanidade estes grupos? Porque ven que hai negocio no sector. Recordemos que arredor do 30% dos orzamentos dunha autonomía están adicados a sanidade. Agora que o principal motor da economía española (o sector inmobiliario) está estancado, -e por moito tempo-, as olladas dos negociantes diríxense ao diñeiro público dedicado á saúde. Os gobernantes que levaron á bancarrota á sanidade valenciana (agora non poden sin siquera pagar aos seus proveedores), son cómplices da entrega dunha importante parte dos servizos sanitarios a mans privadas, deixando o futuro da Comunidade hipotecado por moitos anos. As demáis autonomías, en lugar de aprender do exemplo e buscar novas vías para mellorar os servizos públicos, deciden ir directas ao precipicio.


-Cospedal vai polo mesmo camiño

Castela-A Mancha segue os pasos de Valencia. Oito meses despois de que o PP chegase ao goberno autonómico, paralizou a construcción dos novos hospitais públicos de Toledo, Guadalajara e Cuenca, e anunciou a cesión ao sector privado de catro hospitais públicos: Villarrobledo, Almansa, Tomelloso e Manzanares. Os tres primeiron funcionan desde 2007 e o último ven xa do antiguo Insalud. O goberno presidido por Cospedal plantexa efectuar no verán o traspaso de xestión de pública a privada. Utilizarán o modelo de concesión administrativa, como en Valencia. As desastrosas experiencia previas e as protestas que se suceden nas cidades afectadas non fan mudar a súa decisión. De novo o interese e o lucro duns poucos prevalece sobre o interese xeral dos cidadáns.

pablovaamonde.blogspot.com


http://sociedad.elpais.com/sociedad/2012/02/18/actualidad/1329599920_319329.html

http://sociedad.elpais.com/sociedad/2012/02/14/vidayartes/1329245765_285961.html


Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS