Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Xoves 23.05.2013  | Actualizado 12.28

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Recortes tamén na representación democrática

XOSÉ A. GACIÑO  | 11.08.2012 
A- A+

Xa non é unha orixinalidade comentar que a crise está a servir de pretexto perfecto para xustificar calquera medida restritiva, pero cada día hai máis razóns para botar man do que xa se está a converter nun tópico. Nestes catro ou cinco anos que levamos de crise encuberta ou explícita, tomáronse medidas a esgallo, unhas para tratar directamente de combater a crise, con máis ou menos acerto e mellores ou peores resultados (o balanzo, de momento, é máis ben de menos acertos e de peores resultados, qué lle imos facer). Outras medidas, en cambio, teñen pouco que ver coas causas e nin sequera coas consecuencias da crise, por moito que os seus promotores aproveiten a situación económica para corrixir de urxencia moitos aspectos da legalidade vixente que ate agora só aceptaban rosmando.

 

A necesidade de reducir o gasto público está xerando unha sorte de obsesión por recortar o que sexa, sempre que non afecte nin aos bancos nin ás grandes fortunas. Desaparecidos na práctica os dereitos laborais, iniciado o desmantelamento da sanidade pública universal, en vías de restablecemento a desigualdade de acceso á educación, conxelados ou en regresión os servizos asistenciais e preparada a volta á lexislación civil dos principios morais do integrismo relixioso máis ríxido, o campo no que parece que vai completarse o reaxuste (é dicir, dobre ou triplo axuste) é o da representación política.

 

A ofensiva contra a estrutura autonómica iniciouse desde o primeiro momento. Todo o que as instancias europeas e o Fondo Monetario Internacional van esixindo ao goberno español, para que se someta á disciplina ultraliberal, o goberno español trasládao ás comunidades autónomas multiplicado por todo o seu receo acumulado contra unha estrutura territorial coa que nunca estivo de acordo a dereita española centralista, aínda que se teña aproveitado dabondo dos seus beneficios. Como, de todas maneiras, non renuncian a controlar o que vaia quedar de xestión autonómica, están a desenvolver unha operación xeral de recorte dos parlamentos, que xa lanzara Esperanza Aguirre desde Madrid –curioso caso de gobernante antiautonomista ao fronte dunha comunidade autónoma– e que Alberto Núñez Feijoo se apresura a poñer en marcha en Galicia.

 

O recorte de parlamentarios xustifícase, claro, como medida de aforro, pero a maneira de redistribuír a representación provincial (mantendo o número básico de dez deputados por provincia, o que beneficia claramente ás provincias menos poboadas e, casualmente, de voto máis conservador) ten un tufo de manexo electoralista que fai dubidar da ponderación democrática dos supostos defensores dunha Constitución e dun Estatuto que consagran o principio de representación proporcional. Hai, por certo, unha excepción dunha gobernante autonómica do PP, a de Castela-A Mancha, que desactiva o pretexto do aforro: coa mesma finalidade non confesada de asegurarse o apoio electoral vai facer o contrario, aumentar o número de parlamentarios para así reforzar a representación do territorio provincial que lle é máis propicio.

 

Os mesmos pretextos de aforro adúcense para reducir tamén o número de concelleiros, pero aí tropezan, de momento, coa resistencia dos alcaldes do PP, que non fan os mesmos cálculos de aforro e de influencias que os gobernantes centrais e tampouco queren perder as competencias de xestión que se queren traspasar ás deputacións provinciais, as institucións máis obsoletas do ordenamento constitucional.

 

De recorte en recorte, pode que Rajoy chegue a aquel obxectivo mítico de Alfonso Guerra: que a España non a recoñeza nin a nai que a pariu. E pode que realice a verdadeira segunda transición coa que soñara José María Aznar nas vésperas de acceder ao goberno. O problema é que a transición poida ser cara atrás e que a España resultante remate por ser demasiado recoñecida por nais e avoas que sufriron vellas carencias.


Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS