Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

concas

Recuperada a fervenza do Ézaro non só "por vacacións"

Ferroatlántica, obrigada a restaurar o caudal ecolóxico do Xallas ·· Ecoloxistas e veciños demandan aínda máis auga para a cascada

M. RODRÍGUEZ . SANTIAGO   | 16.04.2011 
A- A+

JAVIER TOBA
A fervenza do Ézaro, co seu caudal íntegro, cando está aberta como ‘atracción turística’
FOTO: JAVIER TOBA

Bota a andar a campaña de primavera do Proxecto Ríos, o programa de educación e voluntariado ambiental da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) e faino con dúas boas novas para as concas: recupérase a fervenza do Ézaro, na desembocadura do Xallas, e chega a primeira condena por entullar a canle do río Turia.

A denuncia penal da asociación Ríos con Vida, coa axuda da Asociación Monte Pindo Parque Natural e de Adega, obriga a Ferroatlántica a devolver o caudal ecolóxico ó Xallas (o 10% do medio anual) despois de 25 anos, polo que se recupera a fermosa fervenza do Ézaro nunha pequena parte, e non só "como atracción turística".

De todos modos, a pesar desta victoria nunha loita de sempre do movemento ecoloxista galego e dos veciños de Dumbría e a súa fermosa contorna, xorden moitos interrogantes que os colectivos esixen esclarece, como se esta é, finalmente, a apertura definitiva, se remataron os "horarios" e, sobre todo, se se prevé aumentar o caudal á mesma cantidade para "os turistas".

Curiosamente, a construción do encoro de Santa Uxía por Cubiertas y MZOV na desembocadura do Xallas supuxo un dos primeiros traballos como enxeñeiro para o actual conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, que segundo Adega, "ten agora na súa man a capacidade para liberar o Xallas da acción de Ferroatlántica".

Ademais, os ecoloxistas recollen tamén que o entullamento do río Turia en Riotorto (Lugo) por varios centos de toneladas de áridos non vai quedar impune, polo que a Audiencia provincial vai condenar os responsables da canteira Cruz de Cancela a penas de cárcere, inhabilitación e multa por delito ecolóxico.

Estas dúas boas novas ilustran a posta en marcha da campaña de primavera do Proxecto Ríos, que se prolongará ata o 1 de xuño, e que comezará coa posta en marcha da XIII xornada de formación de coordinadores deste grupo, o sábado 30 de abril, que afondará na identificación de macroinvertebrados, fundamentais por ser bioindicadores. Ademais, nesa data realizarase a primeira xuntanza de traballo para a elaboración dun manual de custodia fluvial que será editado a finais de ano

Ademais, xa está aberto o prazo para que os novos grupos participantes poidan solicitar unha saída guiada ó seu treito de río, e que teñen como obxectivo explicar a memetodoloxía de inspección in situ.

O Proxecto Ríos, financiado por Augas de Galicia e a Xunta de Galicia, ten como finalidade dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais e amosar todas as súas problemáticas.

Hoxe, lectura en Compostela do manifesto da Campaña en defensa do territorio

Adega comeza hoxe a súa Campaña en defensa do territorio, baixo o lema "Ponte no medio. Móvete polo territorio", cun acto no Auditorio de Galicia ás doce da mañá no que actuarán MaM e o hip hop de Wöyza.

No seu transcurso darase lectura a un manifesto no que participan coñecidas personalidades do mundo das artes, ciencias e letras, entre elas o xornalista e músico Xurxo Souto, a ex presidenta de Adega e actual vogal de Transportes e Cambio Climático, Adela Figueroa, o arquitecto Manuel Gallego, o humorista e presentador Paco Lodeiro, a vicepresidenta do Consello da Cultura Rosario Álvarez, os actores Miguel de Lira e Isabel Risco, o ecólogo Javier Amigo, os cineastas Margarita Ledo e Jorge Coira, a escritora Teresa Moure ou a xurista Alba Nogueira.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS