Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Recuperados tres proxectos de minicentrais que estragarán o río Loio, en Lugo

Adega atribúe esta nova agresión ambiental ao recorte da ampliación prevista da Rede Natura e ao plan hidrolóxico Miño-Sil, que lle abre a porta a novos aproveitamentos hidrolóxicos

En verde vese o treito de río protexido polo plan do Bipartito e en vermello o protexido polo goberno actual do PP. Como se ve, a área das minicentrais estaba dentro do espazo protexido e agora está fora - FOTO: ADEGA
En verde vese o treito de río protexido polo plan do Bipartito e en vermello o protexido polo goberno actual do PP. Como se ve, a área das minicentrais estaba dentro do espazo protexido e agora está fora - FOTO: ADEGA

11.01.2012 
A- A+

Adega refírese a isto como un pesadelo recurrente, e mira directamente ao recorte, por parte do Executivo actual, da ampliación da Rede Natura prevista polo anterior goberno de socialistas e nacionalistas. A organización ecoloxista explica o seguinte:

"Coma nun pesadelo recurrente, acaban de resucitar 3 proxectos de minicentrais para o río Loio iniciadas en 2005. ADEGA tivo coñecemento delas en 2007, cando solicitamos á confederación hidrográfica que se desestimaran os aproveitamentos "Loyo", "Suar" e "Higón" polo seu impacto na bacía do Loio, un río prácticamente virxe e con especies en perigo de extinción. Ao parecer, a actual situación resulta moi favorábel para as empresas (inmobiliarias reconvertidas, fondos de investidores e eólicas): Por unha banda, o plano hidrolóxico Miño-Sil, ao contrario que o de Galiza-costa, non pecha a porta a novos aproveitamentos hidroelectricos; e por outra, a ampliación da Rede Natura presentada en 2011 pola Xunta deixa fóra do novo LIC Miño-Neira (842 Ha) a este río, que sí estaba incluido na proposta de 2008 do bipartito (18210 Ha). Será casualidade ou máis ben causalidade?

"Tres minicentrais consecutivas, siutuadas unha tras de outra, curtocicuitarán por completo o río Loio (Paradela, Lugo) convertíndoo nunha canle morta. Consecutivamente, chucharán o exiguo caudal ecolóxico que deixe a instalación precedente até que a última minicentral libere o que quede ao encoro de Belesar.

"Ao abeiro do decepcionante Plano Hidrolóxico Miño-Sil que malia a recoñecer a sobreexplotación hicroeléctrica desta bacía, deixa a porta aberta a novos aproveitamentos, e "grazas" á cativa apliación da Rede Natura proposta pola Xunta do PP que deixa fóra do LIC Miño-Neira ao 95,4% da superficie proposta polo bipartito en 2008 (842 fronte a 18210 hectáreas), a porta queda aberta para continuar coa depredación dos nosos ríos, tan só aprazada dende 2005.

"No entanto, dende aquela as cousas mudaron substancialmente: o grao de concienciación da sociedade galega e, consecuentemente, os avanzos lexislativos introducidos (Directiva Marco da Auga, Lei de Defensa dos Ríos Galegos, Planos hidrolóxicos e de bacía máis sustentábeis, revisión dos caudais ecolóxicos...) fan que as cousas non estean igual que na época do saqueo hidroeléctrico da era Fraga, mais as ameazas non desapareceron

"A Lei de Defensa dos Ríos Galegos, aprobada por unanimidade en 2006 logo dunha ILP (Iniciativa Lexislativa Popular), que foi a máis apoiada da historia do país, establece a obriga da Xunta de preservar a calidade ambiental dos nosos ríos, mesmo dos que a xestión hidráulica corresponde ao estado.

"Toda a bacía do Loio encádrase tamén dentro da reserva da Biosfera Terras do Miño, declarada en 2002 pola UNESCO. Atendendo aos requerimentos desta figura de protección internacional, as alteracións derivadas do aproveitamento hidroeléctrico resultan incompatibles co obxectivo de promover un desenvolvemento económico e humano sustentábel baseado na conservación dos recursos naturais e dos hábitats presentes neste medio.

"Dase tamén a circunstancia de que o río Loio foi declarado pola Xunta ENIL (Espazo Natural de Interese Local) en outubro de 2011 a proposta do concello de Paradela e en atención aos valores naturais deste espazo. Entre eles destaca a presenza cando menos de 5 hábitats de interese europeo (4090 breixeiras ortomediterráneas endémicas, 4030 breixeiras secas europeas, 6430 megaforbios eutrofos hidrófilos, 9230 carballeiras galaico-portuguezas, e 91E0* bosques aluviais con ameneiros e freixos-), este último considerado prioritario. Entre a fauna, hai 22 especies protexidas, incluindo o mexilón de río (Margaritifera margaritifera) considerado o molusco máis ameazado en Galiza e catalogado como en perigo de extinción. A principal ameaza para esta especie e causa da súa regresión é, precisamente, a construción de minicentrais e as obras hidráulicas nos ríos. Habida conta de que o mexilón de río conta cun Plano de Conservación-recuperación rematado en 2009, o que debería facer a Xunta é aplicalo e prohibir, dado o seu carácter preeminente sobre calquera outra planificación, a instalación de minicentrais neste río.

"Neste senso, ADEGA esixe da Xunta e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil que rematen dunha vez co "fraguismo" ambiental nos nosos ríos. Se ben xa non son masaxistas, cuñados de directores xerais e mulleres de ex-embaixadores os que se lucran indecentemente cos nosos ríos e montes, agora tócalle ás multinacionais enerxéticas, ás inmobiliarias reconvertidas e aos fondos de investimento sacar tallada desta desfeita ambiental, coa cooperación necesaria das administracións."

Máis información

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS