Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 16.09.2019 Actualizado 18:18
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Recuperar a memoria: aquela OC-BR

JOAQUIM VENTURA  | 07.02.2019 
A- A+

Unha das consecuencias indirectas da maneira de como pasamos da ditadura á democracia –o que veu en chamarse a Transición- foi o esquecemento dunha parte das forzas da oposición antifranquista, xa que logo daquelas que non podían ter máis traxectoria unha vez gañada a constitución de 1978. Non vou entrar en se, malia os avances do texto inaugural da etapa democrática recente, este deixou esquecidos algúns asuntos. O certo é que malia que aquelas forzas da esquerda extrema antifranquista non ameazasen o proxecto encetado o 15 de xuño de 1977, non foron legalizadas antes daquelas primeiras eleccións. Como se coa participación do PCE -PSUC en Cataluña- abondase.

Pasaron apenas uns anos para que a esquerda comunista que loitara contra a ditadura –comezando polo propio PCE- se decatase que o primeiro obxectivo ao que aspirabamos os máis era unha sociedade democrática xusta, non comunista. Sucedera que ante a falla de formacións de esquerda –radical, socialista se queredes- que tivese ese obxectivo, so as forzas que viñan do campo do comunismo podían garantir unha fortaleza interna que asegurase a acción e mais a clandestinidade.

E se antes de 1977 estaban na prensa os dirixentes de partidos e organizacións non formalmente legalizados, despois das primeiras eleccións desapareceron case por arte de maxia. Uns por pasar a formar parte do PCE e do PSOE, outros de regreso ao campo do desencanto “No és això, companys, no és això...”, cantaba daquela Lluís Llach). Unha desmemoria cara a tantos homes e tantas mulleres que deixaron parte da súa vida (anhelos, familia, traballo) -ou a vida mesma- por un mellor destino colectivo. E con ese esquecemento, o das organizacións nas que participaron.

E desde entón, o silencio, roto tal vez por primeira vez polo relato de Jordi Borja Bandera Roja. 1968-1974. Del maig del 68 a l’inici de la transició, que ven de publicar Edicions62. Este veterano urbanista, membro do PSUC e fundador da OCBR, regresou ao “partido nai” antes da Transición, pasou a Iniciativa per Catalunya anos despois e agora está situado no ámbito dos “comúns” de Ada Colau.

O relato do que foi a OC Bandera Roja (en galego, Orgaización [sic] Comunista de España Bandeira Roxa segundo a denominación que lle deron os seus membros en Galicia) pretende recuperar a memoria –na medida en que sexa posible- do que foron aqueles anos. Borja confesa que non pretendeu facer unha historia científica daquela traxectoria e menos cando considera que a súa andaina rematou en 1974 co reingreso –con outros moitos, os que foron chamados “bandeiras brancas” – no PSUC.

Foi daquela –en 1973- cando eu ingresara na nacente célula do sector de Banca da OC-BR. Contactado polos chamados Comités de curso na universidade, os dirixentes da OC-BR consideraron máis interesante o meu transvase á fronte sindical do ámbito onde daquela traballaba. E así foi. Funcionaba xa no meu banco un núcleo inicial de Comisións Obreiras e o ingreso na OC-BR axudou a darlle unha visión política a aquela loita sindical.

Sorprendeume que pouco despois da miña entrada padecésemos a escisión dos “bandeiras brancas”. Con todo, o partido mantivo os eixes programáticos e organizativos que lle deran a súa particularidade condición. Entre os primeiros, non considerar o franquismo un réxime fascista senón autoritario e ditatorial vinculado a un “bloque dominante”, que exercía un capitalismo sen escrúpulos nin respecto cara ao conxunto da sociedade; entre os segundos, evitar a separación entre membros dos ámbitos sindical/profesional e territorial, póndoos en contacto na acción política cotiá (por comarcas, por exemplo).

A OC-BR, cando foi fundada, representou unha innovación na política de esquerdas antifranquista e prova diso foi a transformación da fouce, o martelo e mais a estrela nun logo de deseño, cabería dicir, que identificaba inmediatamente á organización. Outra característica da súa acción política –que me serviu no que teño vivido ata hoxe- foron a falla de sectarismo e o estudo da teoría política: ler e reflexionar constituíron unha magnífica escola de formación.

Visto en perspectiva, poderíamos dicir que a escisión do PSUC que callou en BR era unha modernización necesaria nunha organización que aínda aturaba riscos do dogmatismo soviético. E que cando en 1974 o PSUC fixo do eurocomunismo a súa guía, non tiña sentido que a modernización quedase fóra del. Pero daquela e con dezanove anos –falo por min- resultaba complicado decatarse.

Todo isto está nas lembranzas de Jordi Borja. Posiblemente, poucos con tanta lexitimidade para facelo como el, que nunca deixou de estar ao pé do canón das reivindicacións sociais. Con todo, e non é crítica contra ninguén, poucas organizacións daquela esquerda radical antifranquista deron despois tantos cadros e intelectuais para o campo da política ou da cultura. Ben poderiamos dicir que houbo unha marca BR.

Agora é a quenda dos novos investigadores para poñer o ollo da análise no que foron aqueles movementos. Antes de que, definitivamente, non quedemos superviventes que podamos contar –nin que sexa coa visión subxectiva da nosa mocidade- aquela experiencia. Como diría Joan Manuel Serrat, aqueles tempos, máis que mellores ou peores, foron os nosos e non tivemos outros.

 

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS