Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

REUNIÓN NA EGAP

A Rede de Dinamización Lingüística deseña o seu programa

O secretario xeral Política Lingüística, Anxo Lorenzo, di que só desde a coordinación e a colaboración entre as administracións poderemos planificar o fomento social do idioma

15.11.2011 
A- A+

Anxo Lorenzo, á dereita, na presentación, este luns

A Rede de Dinamización Lingüística está a preparar o deseño do programa de actividades que poñerá en marcha durante o próximo ano para promover a extensión social do galego desde o ámbito local. Con este fin, reuniuse esta mañá a representación técnica da entidade, nun encontro que tivo lugar na Escola Galega de Administración Pública (Egap) e que foi inaugurado polo secretario xeral de Política Lingüística e presidente da Rede, Anxo Lorenzo.

No inicio da reunión, o secretario xeral presentoulles a Rede aos técnicos e técnicas como un “proxecto ilusionante e prioritario para o Goberno galego porque só desde a coordinación e a colaboración entre as administracións poderemos planificar o fomento social do idioma en todo o territorio”, asegurou. Esa prioridade suporá que a secretaría xeral vertebre a través da Rede unha gran parte dos seus programas de dinamización lingüística, segundo explicou Anxo Lorenzo, que completarán a actividade propia da Rede.

Unir esforzos entre administracións

Ademais de traballar nos temas que se establezan desde a Rede, o secretario xeral recordoulles aos técnicos e técnicas o interese de contar coas súas propostas de actividades, así como de atender as necesidades de formación que se detecten. Finalmente, recordou que o modelo de colaboración e coordinación que inaugura a Rede para avanzar na extensión social do galego supón un cambio importante para dúas administracións, a autonómica e a local, afeitas a dinámicas de traballo individuais. Por iso, o secretario xeral solicitou o esforzo de toda a representación técnica da Rede para facer realidade un proxecto pioneiro en materia de dinamización lingüística que busca poñer en marcha estratexias básicas comúns en todo o territorio de Galicia.

Establecer as tarefas prioritarias e os procedementos de traballo

A reunión da Área Técnica servirá para definir as tarefas prioritarias para acometer de inmediato, así como os procedementos de traballo deste órgano da Rede, encargado de elaborar a programación de actividades de fomento do galego que despois se desenvolverán a través dos seus membros. Para favorecer o traballo eficaz e operativo, a Área Técnica organizarase en comisións de traballo, que comezarán incidindo na planificación da actividade de 2012, na formación en dinamización lingüística e na oferta de recursos técnicos para o fomento do galego.

A Área Técnica da Rede

Un total de 94 persoas conforman a Área Técnica da Rede, unha por cada entidade adherida actualmente. Destas 94 persoas, 47 representan entidades que teñen servizo lingüístico: 44 concellos e dúas deputacións (o que representa o 65% dos servizos lingüísticos locais que existen actualmente en toda Galicia), así como tamén o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega. Ademais, a Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén participa na Área Técnica da Rede a través do seu gabinete técnico.

Para estes 47 técnicos e técnicas, así como para o resto dos que conforman a Área Técnica, a Rede ofrécelles por vez primeira un foro no que traballar de xeito coordinado e planificado na dinamización do galego desde o ámbito local.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS