Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Sábado 25.05.2013  | Actualizado 03.09

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Reforma electoral, a solución burocrática

MANUEL MERA  | 08.08.2012 
A- A+

A sondaxe de xullo do CIS dálle ao Partido de Rajoy unha perda de oito puntos, o PSOE mantense, e soben dous puntos IU e UPyD. A enquisa reflicte unha recuperación do BNG, que deixa atrás as escisións, moi magnificadas dende o exterior, obtendo a mesma intención de voto que nas xerais. A sondaxe amosa que, de se facer hoxe as eleccións, o PP perdería a maioría e que tanto este partido como o PSOE terían que pactar con outras forzas. Aumenta a abstención e os votantes optan en maior medida por partidos minoritarios, o que reflicte o desgaste do sistema e das forzas que xestionaron a crise.


Os populares seica xa tiñan previsto un descenso electoral moi forte como o que amosa a sondaxe do CIS, xa que o portavoz adxunto do PP no Congreso Rafael Hernando afirmou que era “lóxico e esperado”. Quere dicir iso que ¿planificaron un discurso para as eleccións e unha política distinta unha vez na presidencia, sabendo que lles ía custar os apoios de moitos votantes?. Abraia e clarifica que fora deste xeito, porque significa que todo vale. Só desde posturas que desprezan a vontade popular, que ollan os procesos electorais como un feito administrativo e unha cesión á “plebe”, poderíase entender que a cúpula do PP estea máis preocupada dos “mercados” que da opinión e os sufrimentos da xente. Confunden un país cunha finca.


A reforma que propón Núñez Feijóo é unha resposta autonómica, burocrática e mecanicista, a esta caida libre da intención de voto do seu partido. Pretende rebaixar o número de deputados no país, e darlle máis peso a aquelas circunscricións provinciais nas que o PP ten mellores resultados, para conseguir manter a presidencia da Xunta de Galicia aínda que perda unha parte do apoio electoral, creando unhas regras de xogo para este contexto á súa medida. Asemade, non se pode ignorar, que desde a orbita das clases dominantes contribúen co seu grao de área a este obxectivo, alentando e inflando nos medios os conflitos na oposición, a fin de dividir o voto para que unha parte se perda na abstención ou porque a opción escollida non acade o chanzo do 5%. Ademais, a esta nova corrección partidista da vontade popular súmanse ás xa existentes: reparto do voto non proporcional, elector emigrante pouco informado e coñecedor só dos grandes partidos estatais, medios de comunicación hexemónicos que inciden no proceso, chanzo mínimo do 5%, o voto vale distinto segundo a provincia, é dicir que non existe un trato igual para todos os galegos.


A escusa da austeridade non se sostén. Só significaría pouco máis de un millón de euros ao ano, cando o gasto en asesores da Xunta triplica esta cifra. Porén se fora unha medida simbólica, exemplarizante, aceptaríase a proposta do portavoz do BNG de rebaixar os salarios dos deputados e deputadas nun 20%, conseguindo un aforro semellante. O rexeitamento de Feijóo a esta medida ou calquera substitutiva reflicte que a finalidade non é a austeridade, senón conseguir mediante manobras o que se perdeu por unha actividade política de costas ao pobo.


O Partido Popular ten maioría no Parlamento galego é polo tanto pode aprobar esta reforma. Agora ben, carece de calquera valor democrático porque o razoábel é que conte co apoio de todas as forzas da oposición, ou cando menos dalgunha, dado que son regras de xogo que afectan ó cerne da democracia. Tampouco pode ignorar que ten maioría parlamentar mediante corrección da vontade dos votantes, xa que só acadou o 47% do total de votos emitidos. Non quero aquí cuestionar a lexitimidade, senón que se o noso país fora circunscrición única esta sería menos cuestionábel. Asemade, e isto non é algo secundario, neste intre todo fai pensar que ten perdida esa maioría, tal como se desprende das enquisas e da contestación social.


O PP pode impor a reforma, porén con seguridade será un feito máis en contra da súa xestión, falta de sensibilidade, e desprezo polas regras de xogo consensuadas. Estamos no centro dunha crise sistémica, con reaxustes moi violentos entre clases e nacións. Nunha conxuntura na que a lexitimidade non está nos mercados, nen na Bolsa, tampouco exclusivamente nas institucións, senón especialmente na capacidade de gañar a complicidade do pobo. Non semella que sexa o caso desta reforma, que quere restar pluralidade e lexitimidade ao Parlamento galego, e abre unha nova vía de confrontación nos dereitos de representación democrática.


Manuel Mera

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS