Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 29.07.2016 Actualizado 18:39
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Reforma express: o ovo e máis o foro

JOAQUIM VENTURA  | 01.09.2011 
A- A+

A reforma urxente do artigo 135 da constitución, relativo á potestade do goberno para emitir débeda, está a desatar un debate de calado que trascende a estricta adaptación técnica da carta magna. Dunha banda, os partidos maioritarios (PSOE e PP) defenden que a reforma é necesaria para a harmonización coa UE. Doutra banda, os nacionalistas e as esquerdas protestan porque a forma coa que se fixo a proposta racha o espírito de consenso que enxendrou a constitución.

Teño a sospeita que estarei equivocado pero penso que nin os uns nin os outros levan razón. De entrada, unha cousa é enmendar unha constitución (como fixeron os Estados Unidos de América en diversas ocasións) e outra é facer outra nova. Alén, apelar ao consenso entre os partidos trinta e tres anos despois é non decatarse que o consenso era entre os reformistas con raiceiras no franquismo e as forzas que estiveran na oposición, fosen unitaristas, federais ou nacionalistas.

E sorprende máis que apelen a iso partidos que en 1978 eran belixerantes contra a constitución aprobada (BNG, PNV, ERC). Ou que digan que o límite orzamentario atenta contra o autogoberno. Os máis listos da clase agoran son os peneuvistas, que pretenden que as deputacións pasen a ser institucións autonómicas e non locais xa que, de seguir como ata agora, deberían ter déficit cero e é, xustamente nelas, donde os vascos moven os cartos.

O que esquecen todos é que a soberanía financeira española está limitada, dun xeito ou doutro, pola pertenza á UE. Non vale estar á sopa boba das subvencións europeas e despois botar a casa pola fiestra en AVEs ou autovías de baixa ocupación ou na inflación inmobiliaria (sen falar dos casos de corrución). Xa non hai mecanismos de devaluación e o déficit vai en deterioro do valor do euro. E quen ten os cartos, Alemaña e Francia, tarde ou cedo ía pasar contas e está a pasalas. E non esquezamos que as débedas se teñen que pagar.

Porén o que é indinante é que as consecuencias da crise a estemos a pagar os cidadáns de a pé mentres os ricos seguen a ter mil mecanismos para evitar a fiscalidade. Como é indinante que aqueles que reclaman a lexitimidade da reforma son os mesmos que non dubidaron en dar negocios á banca, facer das caixas de aforros a súa finca particular ou cubrirlles as vergonzas cando a crise financeira deixou en evidencia as súas miserias.

Pero, coidado, coa coartada da reforma do artigo 135 estamos a asistir a un novo pacto Cánovas del Castillo-Sagasta para deixar de lado os cantonalistas e carlistas do século XXI. O españolismo uniformista está a cerrar filas.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS