Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 16.08.2019 Actualizado 13:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A reforma interior do edificio da Xunta custará 29 millóns e tardará tres anos

A proposta do estudo Díaz & Díaz e Miba Arquitects gaña o concurso de ideas, ao que se presentaron 24 ofertas

Alfonso Rueda na presentación do proxecto de reforma dos edificios administrativos da Xunta - FOTO: XUNTA
Alfonso Rueda na presentación do proxecto de reforma dos edificios administrativos da Xunta - FOTO: XUNTA

SANTIAGO. EP  | 06.08.2019 
A- A+

A reforma interior do complexo administrativo de San Caetano custará 29 millóns de euros e as obras tardarán tres anos desde finais deste 2019 en estar acabadas.

A proposta de Díaz & Díaz Arquitectos e Miba Arquitects gañou o concurso de ideas para a reforma, ao que se presentaron un total de 24 ofertas.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o obxectivo é "adaptar" o espazo no que traballan máis de 2.000 funcionarios e ao que asisten máis de 500 persoas ao día para facelo "máis aberto, diáfano e transparente". Converter San Caetano nunha oficina "do século XXI", resumiu.

Estas obras forman parte do "longo" proceso de remodelación "integral" do complexo administrativo da Xunta, que primeiro supuxo a reforma exterior dos edificios, coa consecuente mellora "estética" e en canto a eficiencia enerxética, segundo resaltou Rueda.

PREMIOS
Para esta segunda fase, a da reforma interior, coordinada polo colexio galego de arquitectos, houbo 24 ofertas e a gañadora é a proposta do estudo coruñés Díaz & Díaz e Miba Arquitects, que teñen de prazo até o 10 de decembro para redactar o proxecto.

E é que os gañadores recibirán un premio de 70.000 euros, pero, ademais, encargaranse de redactar o proxecto definitivo e a dirección das obras, polo que en total os seus honorarios ascenderán a 860.000 euros. Mentres, os segundos, terceiros e accésits repartiranse unha contía de 100.000 euros.

O segundo premio recaeu en Cristina Ansede Viz, e o terceiro en Bicada e Failde BMJ Arquitectos S.C.P. O primeiro accésit foi para a unión temporal de empresas de Oikos S.L.P., Jorge Salgado e Celso
López; o segundo para Aybar Mateos S.L.P.; e o terceiro para Flu_or S.C.

CRITERIOS
Os criterios que seguiu o xurado para escoller ao vencedor foron que a proposta primase a funcionalidade e accesibilidade, o aproveitamento da luz natural, a flexibilidade, os espazos abertos e a procura dunha maior eficiencia.

Tamén se tivo e conta que o proxecto permitise un desenvolvemento por fases para poder compatibilizar as obras coa actividade administrativa.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS