Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 16.02.2018 Actualizado 19:37
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A reforma que reduce a sete as áreas sanitarias inicia a súa tramitación entre denuncias de "recorte de dereitos"

O PP tacha de "mantra" as críticas e rexeita a devolución da lei, que chega ao Parlamento tras a marcha do domingo

SANTIAGO. EP  | 06.02.2018 
A- A+

O proxecto polo que se modifica a lei de 2008 de saúde de Galicia, que reduce de 11 a sete as áreas sanitarias, iniciou este martes a súa tramitación parlamentaria entre denuncias da oposición de "recorte de dereitos" e acusacións de "soberbia" ao Goberno galego por facer "oídos xordos" á manifestación do domingo en contra dos cambios.

No arranque do pleno, o PPdeG rexeitou todas as emendas de devolución da lei, ao tachar de "mantra" as críticas e rebaténdoas con argumentos como que a norma "blinda" a existencia de hospitais comarcais coa creación dos distritos, "potenciará o rural" e non suporá "perda de calidade" nin de "proximidade" para o paciente, "senón todo o contrario".

Despois de que En Marea, PSdeG e BNG pedisen a retirada deste debate da orde do día --alteración que foi rexeitada polo voto en contra do PP--, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presentou o texto destacando que a reforma reportará "beneficios na atención e asistencia dos pacientes".

Coa nova lei, indicou, os centros de saúde e os hospitais comarcais "seguirán prestando unha atención de boa calidade", xa que "o único obxectivo" é "adaptarse ás diferentes realidades que se están producindo no ámbito da sanidade".

Neste sentido, resumiu en seis apartados as modificacións previstas: organización territorial, órganos de participación, autoridade sanitaria, xestión de persoal, docencia e investigación e comisión interdepartamental en materia de educación e saúde.

"CONTRARREFORMA"
A continuación, na quenda dos grupos, En Marea, a través da súa deputada Eva Solla, cargou contra esta "contrarreforma", que vinculou cun "plan" do Partido Popular "para destruír a sanidade pública", mediante un "recorte paulatino" de dereitos, por exemplo, para "quen vive no rural".

Pola súa banda, o socialista Julio Torrado cualificou esta reforma de "covarde", porque non foi anunciada "nunca", e considerou que este proxecto "oculta cousas" e "o que fai é minorar a calidade do sistema".

En representación do BNG, Montse Prado advertiu que "non é unha modificación menor nin un mero cambio de terminoloxía", senón, na súa opinión, un "auténtico ataque á liña de flotación da sanidade galega". "É a continuación da folla de ruta do PP de desmantelamento", subliñou.

MÁIS CRÍTICAS DA OPOSICIÓN
No que identifica como un "progresivo cambio de modelo", a parlamentaria da formación rupturista Eva Solla asegurou que a modificación legal á que aspira a Xunta "facilita as portas giratorias" e dá "entrada" ás empresas sanitarias en materia de investigación.

Suprimir áreas sanitarias, segundo recalcou Solla, "non é adaptar" o sistema "ás necesidades da poboación", xa que, de ser así, "habería que aumentalas". Posto que "hai miles de persoas dicíndolles que non teñen a razón", a deputada avisou aos populares de que "ou son uns soberbios ou son uns necios".

"Están as decisións máis lonxe e por tanto afastamos a sanidade do cidadán", aseverou, por parte do PSdeG, Julio Torrado, para quen a reforma da lei de saúde "non resolve", senón que "aumenta" as "desigualdades demográficas" de Galicia.

No seu discurso, Torrado enumerou alegacións e emendas presentadas por numerosos colectivos e organizacións a este proxecto. "Ningunha" aceptada, reprobou a continuación, para preguntar ao Executivo autonómico "con quen falou".

A modo de exemplo, apuntou que en Valdeorras ata agora había catro traumatólogos, de acordo cos seus números, e "agora" hai "dous, ás veces un". "E por tanto hai que derivar a persoas a Ourense, a un concertado", lamentou.

Para a nacionalista Montse Prado, existe "soberbia e prepotencia" na Xunta e nos populares, aos que reprochou "non escoitar á inmensa maioría da cidadanía" pero si "á industria farmacéutica, á industria tecnolóxica e á da sanidade privada".

Neste sentido, interpretou que os cambios buscan "converter a sanidade en negocio para uns poucos", pero alertou ao PP de que "xa non conseguen enganar a todos todo o tempo".

O EXEMPLO DE VALENCIA
Na súa intervención, o popular Aurelio Núñez Centeno puxo o exemplo de Valencia, comunidade na que de 24 áreas sanitarias "agora" pásase a seis.

Xa na rolda de réplica, a oposición lembroulle os "tres imputados e un na cadea" nese territorio, en palabras de Prado, mentres que Torrado ironizou con que non lle parece "que sexa un bo modelo defender ao PP en Valencia" e Solla sentenciou que "hai que ter valor para vir falar do País Valencià", no marco do xuízo da trama 'Gürtel'.

Á marxe disto, Núñez Centeno achacou á oposición unha "pretendida superioridade moral" e espetoulles que son eles "os que están a pór en risco a supervivencia" dos hospitais comarcais.

Neste contexto, mostrou "preocupación" polo "desprestixio" que ao seu modo de ver está a sufrir a sanidade pública galega nun "intento de desgastar ao Goberno" por parte de En Marea, PSOE e Bloque, aos que tamén atribuíu "manipulación" para mobilizar á cidadanía e o tratar de "furtar" este debate, "negando a lexitimidade" da Xunta "para actualizar a lei".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS