Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 20.06.2013
| Actualizado 11.00
Un servidor adoita ser moi tolerante con certas manifestacións persoais que soen caracterizar determinados ambientes sociais ou xeográficos. Alá cada quen co que faga sempre que non amole aos demáis.
Pero a presencia de María Dolores de Cospedal, a nova presidenta de Castela-A Mancha, na procesión do Corpus en Toledo fixo que volvesen ao meu miolo imaxes que un xa pensara esquecidas. Case un século despois de que o escribise Antonio Machado, hai unha España que nos segue a xelar o corazón.
Malia a condición aconfesional do Estado que estableceu a Constitución de 1978, en moitas manifestacións relixiosas segue a estar presente o hino español. Do mesmo xeito, lembro a proliferación de bandeiras españolas nos días de semana santa, como sucede no Burgo de Osma, por exemplo.
Pero a imaxe de Dolores de Cospedal con mantilla española (unha peza vencellada ao catolicismo kitsch, racial e cañí) amosa que España, malia os AVE, a UE e demáis, ten unha parte de seu que non modernizou. Se a iso lle engadimos o retorno da banda da Academia de Infantería de Toledo, en troques da banda municipal, para interpretar o hino español ao paso da custodia co Santísimo, estamos a retroceder a aqueles anos de rancio nacional-catolicismo que o franquismo e a Igrexa impuxeron tempo atrás.
Non teño problema ningún en que se celebren procesións do Corpus. Nin que sexa por tradición. Pero sen ningún elemento público, é dicir, sen hino e sen exército. E se asisten as autoridades civís que o fagan coa corrección e respecto que esixe o acto pero sen ningunha manifestación de fe, como sucede coa mantilla española. E se alguén quere levala porque é crente, que non asista como cargo público.
E iso non é casual. Castela-A Mancha vai ser o laboratorio donde o PP de Rajoy va probar o seu proxecto. Eliminación do sector público coa coartada de reducción da administración. Comezando, naturalmente, polo valedor do pobo, non se sabe se porque o consideran prescindible ou porque son contrarios a seren controlados. E esa actuación vai facerse desde a autoridade doutra muller de mando e voz firme, como son Esperanza Aguirre ou Rita Barberá.
Pero esa decisión agocha con hipocresía que a crítica situación rexional, cun aeroporto inútil e unha caixa de aforros intervida, tamén é responsabilidade do PP, comezando pola Cospedal, cuxo marido era o director xeral da CCM.
