Hemeroteca web
|
RSS
Venres 24.05.2013
| Actualizado 12.57
Como xa escribín o sábado pasado:
“É lamentable que algún reducto ignorante da insigne obra teolóxica de TQ, anquilosado nunha tradición obsoleta e extemporánea, sexa capaz de mover desde a Comisión para a Fe a toda unha Conferencia Episcopal a que se pronuncie en contra da súa obra e descualifique ao autor, un dos mellores teólogos que temos na actualidade. Persoalmente, debo dicir que se permanezo na miña fe cristiá e católica e mesmo na Igrexa, débeselle á teoloxía de Queiruga. Do contrario, daríalle as costas á Igrexa como está a pasar con multitudes hoxendía. E isto é triste e lamentable, porque os templos quedan baleiros. E o sacerdocio?
Esa pregunta merece unha resposta que só me atinxe como home de fe, pero non me corresponde solucionar. As vocacións relixiosas non abundan. Pola cotra, máis ben son a excepción. Por qué? Feitos: o sacerdocio que nos queda é escaso e avellentado. Os anos pesan e compréndese que non teñan moitos ánimos para actualizarse. Os novos, vista a rixidez e incongruencia dogmatizantes da xerarquía, ou actúan pola súa conta dentro da Igrexa, expoñéndose a sancións, ou, caso de represións, desvincúlanse da institución e crean comunidades libres. Un exemplo: Hai xa anos, defendín, a petición de moitos curas sancionados e separados da institución, o celibato opcional; isto é: a posibilidade de que un sacerdote que quixera, puidera optar polo matrimonio sen descoidar a “cura de almas”. A Igrexa debería regular tal opción de modo xusto e flexible, pero rigoroso. Deste modo, non se chegarían a producir aberrantes situacións, como a pederastia, que vai en desprestixio da persoa e da institución. O mesmo suxerín que a muller non debería ser excluída do sacerdocio como unha opción.
Perdoen a digresión anterior; pero moitos deses problemas terían solución axeitada cunha teoloxía máis actualizada e humanizadora como a de Torres Queiruga e outras que, máis ou menos nesa liña, circulan por eses mundos de Deus. E non me veñan os inquisidores a me dicir que esa é a teoloxía de Torres, a cal é un mundo moito máis amplo e sabio. Eses exemplos son da miña experiencia exclusivamente. ¿Queda clariño?
Finalmente reitero que a teoloxía é, hoxendía, unha ciencia filosófico – teolóxica que nos aclara as Escrituras para a nosa mellor compresión, non un dogma. Persoalmente, reitero que, se conservo a miña fe, débollo a teoloxía de Torres Queiruga. A Xerarquía debería camiñar máis polo Vaticano II para que fora máis caritativa e menos sancionadora.
