Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 24.08.2019 Actualizado 13:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Os reitores galegos avogan por unha análise e un "diagnóstico real" que permita "mellorar a equidade" da selectividade

Cren que a detección deste problema "non significa" que a solución pase "por unha proba única" para todo o sistema

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, cos tres reitores das universidades galegas - FOTO: XUNTA
A conselleira de Educación, Carmen Pomar, cos tres reitores das universidades galegas - FOTO: XUNTA

SANTIAGO. EP  | 10.06.2019 
A- A+

Os reitores do tres universidades galegas apostaron por mellorar o modelo actual da selectividade, pero non antes de emprender un "diagnóstico real" que determine se "hai ou non desigualdade" entre as probas que realizan as distintas comunidades autónomas e aplicar medidas correctoras para asegurar a "equidade" dos exames.

Os responsables das institucións académicas postuláronse este luns, ao coincidir en Santiago con motivo da reunión do Consello Galego de Universidades, sobre o debate aberto estas últimas semanas respecto das diferenzas de dificultade entre territorios, trala polémica polo exame de matemáticas da Comunidade Valenciana.

En declaracións aos medios, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, considerou que é "un bo momento" para articular un sistema a nivel estatal que garanta a "igualdade de oportunidades" para os alumnos "de calquera comunidade autónoma".

Reigosa lembrou que España predomina o "distrito único" e a nota da proba "vale para todo o Estado", polo que cre necesario estudar as "incertezas sobre o nivel" de exames entre territorios para asegurar que o sistema sexa "absolutamente xusto" para todos.

"Creo que o que temos que garantir é a equidade da proba", sinalou, pola súa banda, o reitor coruñés, Julio Abalde, quen advertiu de que calquera decisión debe estar supeditada a un "diagnóstico real" da situación.

"Desde logo, desde as universidades estamos dispostos a participar para mellorar a equidade da proba que realizan os estudantes, pero previamente realizando un diagnóstico real da situación para, a partir de aí, aplicar as medidas correctoras".

Antonio López, reitor da USC, coincidiu cos seus homólogos na importancia de "garantir" a "igualdade de oportunidades" do alumnado, aínda que partindo de "debates sosegados". "Analicemos que está a pasar, se hai ou non desigualdades, e propor medidas que poidan dar lugar a retoques para axustar a proba".

PROBA ÚNICA
Os reitores mostráronse, deste xeito, "moi aliñados" sobre a conveniencia de analizar a situación con calma tras as declaracións de diversos cargos políticos, sobre todo do PP, a favor de implantar unha proba única e idéntica en todo o Estado, algo que podería chocar coas particularidades de territorios como Cataluña, Euskadi ou Galicia.

O reitor compostelán cre que esta posibilidade, a proba única, "non sería a máis adecuada", tendo en conta que a nota de bacharelato ocupa un peso "moi importante" na media de acceso á universidade (o 60%) "e iso tamén está a influír na cualificación".

"Merece a pena que fagamos unha análise pausada sobre a correlación de cualificacións entre bacharelato e as probas ABAU", insistiu, pero sempre examinando a situación desde "o rigor". "Se imos a unha proba única e non conta bacharelato, igual non é o máis equitativo", reiterou, sobre todo á hora de "valorar o esforzo de estudantes durante anos" que podería truncarse por "un momento malo nun exame".

Abalde tamén apuntou que a solución a esta problemática non ten que pasar necesariamente por unha proba única para todo o Estado, dado que "hai sistemas educativos diferenciados".

A pesar diso, advertiu de que "se están mesturando" dúas cuestións: por unha banda a proba de acceso á universidade e por outra a limitación de acceso a determinadas titulacións, debido ás notas de corte, que é "o que está ao fondo distorsionando este debate". "Son dous temas distintos que temos abordar de maneira diferente".

O reitor vigués tamén se pronunciou en termos similares. "Penso que hai que corrixir o grao de dificultade diferente que afecta non só á propia selectividade, senón á entrada naquelas titulacións con límite de prazas que son moi demandadas".

CHAMADA Á TRANQUILIDADE
Pola súa banda, a conselleira de Educación, Cultura e Formación Profesional, Carmen Pomar, quixo lanzar "unha mensaxe de tranquilidade" ao alumnado que realizará estes días a ABAU na comunidade galega, asegurándolles que "o esforzo se verá recompensado".

Pomar sinalou, sobre o debate, que "se cadra" se trata dunha cuestión de "unhas notas de corte determinadas", e que máis do 80 por cento dos aspirantes aproba a selectividade.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS