Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.09.2017 Actualizado 19:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Renace o bipartidismo?

XOSÉ A. GACIÑO  | 23.12.2016 
A- A+

Parecía, en principio, que o actual goberno español en minoría xogaba unha sorte de partidas simultáneas de xadrez fronte a unha oposición diversa que coincidía en facer pronunciamentos xerais, máis simbólicos que efectivos, contra as leis máis lamentábeis que aprobara a maioría absoluta da lexislatura 2011-2015. No medio de pronunciamentos desfavorábeis, que provocaban titulares rechamantes sobre derrotas parlamentarias abafantes, o goberno defendíase con vetos a propostas por entender que incidían no gasto público ou co desvío a subcomisións nas que poder ralentizar o tratamento de temas espiñosos, mentres, por outra banda, buscaba apoios varios para aprobar o teito de gastos, como finalmente fixo, e agora segue traballándose os mesmos ou outros apoios para sacar adiante os orzamentos xerais do Estado.

Pero pode que as partidas de xadrez non sexan tantas como se prevía. Aparte do caso catalán, no que algo parece que empeza a moverse, aínda que non tanto como o que insinúa Aznar (que cada vez se parece máis en actitude ao ex presidente colombiano Uribe), a principal partida que parece xogar en serio o goberno é co PSOE. Lóxico. Se conseguen acordos cos socialistas, non necesitan negociar con ninguén máis. De feito, e despois dos acordos sobre o salario mínimo, sobre a limitación de posíbeis reformas constitucionais e sobre a atención á pobreza enerxética, da a impresión de que Cidadáns, a pesar do seu voto afirmativo á investidura de Rajoy, está a pasar a un segundo plano. Non digamos Unidos Podemos, o único grupo que, por número de escanos, podía competir co PSOE, pero que está cualificado como antisistema tanto polo centro dereita como pola actual dirección provisional dos socialistas (e a previsíbel dirección permanente que xurda do proceso de aclimatación ao golpe de man). A propia forza emerxente Cidadán foi a que comezou a manexar o concepto de constitucionalistas para referirse aos tres partidos que vía como protagonistas dunha necesaria coalición. Pode que agora o que non sexa necesario nesa coalición sexa Cidadáns, a pesar dos cento cincuenta puntos do seu acordo de investidura co PP.

Dentro ou fora do sistema, os dous novos partidos parecen perder influencia progresivamente, como se o anunciado final do bipartidismo tivese sido un espellismo de efecto limitado. Os vellos partidos, con máis experiencia nas componendas e manipulacións, están a desenvolver un xogo de necesidades mutuas: os populares necesitan o apoio máis sólido dos socialistas e estes necesitan xustificar que tiña sentido a defenestración de Sánchez e a abstención que facilitou a investidura da dereita, porque se poderían sacar adiante propostas progresistas ou, polo menos, limitar as peores consecuencias da política conservadora de recortes sociais. Evidentemente, os logros que conseguen están por debaixo das reivindicacións iniciais apoiadas pola gran maioría da oposición (socialistas incluídos), pero sempre poden argumentar que as reivindicacións eran proposicións sen efecto real, máis alá do efecto mediático, e que os acordos co goberno teñen consecuencias prácticas, por moi limitadas que sexan.

Non sei se, á vista da dinámica presente, os emerxentes agora bloqueados empezarán a pensar que non foi boa idea declararse mutuamente incompatíbeis cando houbo a oportunidade de crear un goberno de cambio, quizais porque pensaban que unha repetición de eleccións debilitaría aínda máis ao bipartidismo. Quizais deberían pensalo: un ano despois, sospeitamos que o bipartidismo pode empezar a refacerse.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS