Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.11.2019 Actualizado 14:45
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Reparto de botíns

XOSÉ A. GACIÑO  | 05.08.2019 
A- A+

Segundo os certificados de idoneidade democrática que expide a dereita (en especial Ciudadanos), só 149 deputados do actual Congreso (66 do Partido Popular, 57 de Ciudadanos, 24 de Vox e dous de Unión del Pueblo Navarro) teñen suficientemente acreditada a súa condición de constitucionalistas. Quizais poderían engadirse as dúas deputadas de Coalición Canaria e o deputado do Partido Regionalista de Cantabria, pero este último quedou contaminado polo seu voto a favor de Pedro Sánchez nas votacións de investidura. Todos os demais entran no saco heterodoxo da banda de Sánchez, que engloba a populistas, nacionalistas, separatistas e herdeiros dos terroristas, ademais, claro, dos propios socialistas que, dispostos a manter o goberno como sexa (segundo din os que tampouco farían ascos ao que sexa para ocupar o goberno), terían superado todas as liñas vermellas do constitucionalismo.

Inquietante panorama. A aplicación desa sorte de certificados de constitucionalismo excluínte leva á conclusión de que unha gran maioría do Congreso dos Deputados (199 fronte a 151) está formada por unha perigosa banda de adictos ao poder, en conxunto ou repartido por ministerios ou por repúblicas independentes. Unha perigosa banda que, nas eleccións xerais do pasado 28 de abril, chegou a sumar o apoio de máis de trece millóns e medio de votantes, un 51,6 por cento dos que acudiron ese día ás urnas, mentres que os votos dos constitucionalistas con certificado se quedaron en algo menos de once millóns e medio (un 43,2 por cento).

Menos mal que a banda non se puxo de acordo no reparto do botín, como se apresurou a comentar o líder de Ciudadanos cando o fracaso da investidura rebatía a súa argumentación, na que cualificaba o duro debate Sánchez-Iglesias como puro teatro, mentres negociaban o reparto de cargos na habitación do pánico. Cousas de xogar á defensa das esencias a base de descualificar as discrepancias e degradar o nivel de debate institucional. Metidos nesa dinámica, na que se pinta un Estado a punto de desintegrarse, pode que só lles falte culpar ao rei de complicidade por encargarlle formar goberno ao presunto xefe da banda desintegradora.

Levamos oíndo, desde a moción de censura, a cantilena da conxunción vermello-populista-nacionalista-separatista-terrorista, sen que a dereita queira entender que esa conxunción (sen entrar agora a discutir as definicións de cada grupo) só foi posíbel naquel momento porque foi o único momento no que coincidiron forzas tan diversas (algunhas radicalmente diversas) no obxectivo de derrubar un goberno tocado directamente por unha sentencia nun caso de corrupción. Daquela, o líder socialista ofreceulle repetidamente ao presidente censurado a posibilidade de dimitir para frear inmediatamente a moción de censura, da mesma maneira que agora, no debate de investidura, repetiu até a saciedade -e non sei se até o ridículo- a petición de que as dúas principais forzas da dereita se abstivesen para permitir a formación dun goberno que non dependese do voto dos independentistas cataláns.

Para matizar tanta retórica unilateral, bastaría recordar que os independentistas cataláns coincidiron con PP e Ciudadanos no seus votos en contra dos orzamentos presentados polo goberno de Pedro Sánchez en febreiro, detonante do adianto electoral do que saíu o actual Congreso de Deputados, que, até o momento, ten bloqueado a investidura dun novo goberno socialista. Xa saben, por discrepancias da banda no reparto do botín, di Ciudadanos, aínda que para falar de bandas e de reparto de botíns, Ciudadanos non necesitaría moverse do seu actual círculo de coalicións.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS