Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 19.01.2018 Actualizado 20:38
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Republicanos en extinción

XOSÉ A. GACIÑO  | 15.09.2017 
A- A+

Escoitaba falar nunha emisora de radio á escritora Almudena Grandes, a propósito da súa última novela, Los pacientes del doctor García, sobre os burgueses republicanos. Dicía deles que constitúen unha clase social á que se exterminou no relato da guerra civil na literatura española contemporánea. Ninguén fala deles, insistía, a pesar de que, sen eles, a República xamais tivese existido. E desapareceron tamén, engadía, da sociedade, como unha sorte de especie en extinción.

Non estou seguro de que os burgueses republicanos desaparecesen do relato literario, entre outras cousas porque algúns deses burgueses foron autores dunha boa parte da literatura en torno á guerra civil, na que se mostra as dúbidas e contradicións nas que estes republicanos (dos que Almudena Grandes afirma que representaban o respecto á legalidade) se movían para manter o seu compromiso coas institucións democráticas entre o feroz levantamento militar contra a democracia e as respostas indiscriminadas e arbitrarias coas que algúns pretendían salvar a democracia. Por suposto, na defensa da legalidade republicana e do seu espírito democrático, houbo máis que burgueses, como nas respostas excesivas houbo tamén burgueses, que os excesos non son patrimonio de ningunha clase social.

Tampouco está moi claro que os burgueses republicanos teñan desaparecido tamén da sociedade, pero certamente o republicanismo non parece, nestes momentos, unha prioridade política, nin entre os burgueses nin entre unha parte dos que se consideran representantes das clases traballadoras (se é que aínda se pode falar nestes termos). Queda máis ben como unha reclamación testemuñal de forzas minoritarias e como unha referencia de fondo cando acadan certo nivel electoral pero sen sacalo a primeiro plano, coa excepción, nestes momentos, dos que tratan de crear a república independente de Cataluña.

Burgueses de dereita moderada, de centro dereita e mesmo de centro esquerda –aparte dos que se incorporaron a partidos de esquerda– participaron na proclamación e desenvolvemento da Segunda República Española, pero os grandes poderes económicos e sociais (latifundistas, banqueiros, militares, xerarquías eclesiásticas...) estiveron en contra da democracia republicana e conspiraron desde o primeiro momento para sabotala e, finalmente, para destruíla. Despois de tres anos de guerra civil e case trinta e sete anos de ditadura, o sentimento republicano pasou a identificarse case exclusivamente coa esquerda.

Ningunha forza política de dereita ou de centro-dereita reivindica actualmente a experiencia republicana, nin a ningún dos burgueses republicanos dos que fala Almudena Grandes. Nos seus primeiros anos de dirixente do PP e de presidente do goberno, dentro dos seus intentos de modernizar unha dereita aínda lastrada polo recordo do franquismo, Aznar achegouse á figura de Manuel Azaña, pero aquilo durou o que tardou en acadar maioría absoluta, momento no que debeu considerar que o PP estaba modernizado dabondo. Parece que a dereita en España se sinte máis cómoda co modelo da Xefatura de Estado hereditaria, como para que sirva de símbolo doutros intereses aos que quere dar carácter igualmente hereditario.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS