Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Xoves 23.05.2013  | Actualizado 12.28

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A VOZ A TI DEBIDA

Réquiem polo xornal de Galicia (E EPÍLOGO ESPERANZADO)

JORGE M. DE LA CALLE  | 18.05.2012 
A- A+

A prensa en galego deixounos o último ano máis orfos coa desaparición de cabeceiras fundamentais e históricas, para sempre exterminadas do ecosistema mediático en papel e incluso das hemerotecas web, liñas sobre as que quereríamos voltar e xa non poderemos, pero que nunca deberán borrarse da nosa memoria. Porque toda publicación, todo vestixio escrito dunha lingua e dunha comunidade transmite a súa historia (información), o seu pensamento (opinión) e, con eles, a identidade, a esencia e a existencia dun pobo con personalidade de seu; é por todo iso polo que, con cada xornal morto, morre tamén algo de si.

Que morrera Xornal de Galicia non só significou que pechara outro medio de comunicación máis; porque foi o derradeiro e definitivo, é ata un símbolo e fito histórico do que está a pasar no ámbito da comunicación. Porque, fisicamente, desapareceu xa o “xornal de Galicia”, é dicir, o xornal diario galego e en galego. Máis aló do estéril territorio que ocupa o idioma nas folclóricas seccións de cultura e a obrigada cuota mínima dos grandes diarios tradicionais galegos- aqueles que xeran pingües beneficios aos seus donos grazas ás raras políticas de subvención da actual Xunta-, o feito é este: xa non existe un diario impreso galego e de pago que comunique a maioría dos seus contidos en galego. Nin sequera a cuarta parte. E os semanarios, mensuais, e ata edicións dixitais en galego, caen cada vez máis, por mor da crise e a neglixencia dun goberno que xoga a política do “laissez-faire” co idioma e a identidade dun pobo. Neoliberalismo salvaxe e inhumano que vén sendo o signo destes tempos, depredador de seres humanos e de linguas, e con estas as persoas falantes e os seus dereitos. Señoras e señores: case voltamos e retrocedemos aos “Séculos Escuros”, no que o galego apenas se empregaba como lingua de axitación político-social, e de forma clandestina. Ou aos tempos do exilio franquista. Hoxe, o galego agóchase xa nas barricadas cibernéticas, en novas iniciativas independentes, mais precarias, e acadando por fin certo respiro de alivio, mais alivio de luto, ante as carencias que complicaban cada día máis o seu normal desenvolvemento. Pero non acadará a súa completa e verdadeira autonomía, a liberdade que tanto predican os inventores da falacia da imposición do castelán, ata que non acade o apoio real do lector.

Falemos claro: Xornal de GaliciaGalicia Hoxe, Vieiros, A Peneira e A Nosa Terra morreron porque representaban un xornalismo comprometido e crítico, en galego, co que os poderes non comungan. Así que, polo seu ben, non se laien, fagan a partir de hoxe un acto de resistencia cívica e histórica, e devólvanlle o que recibiron de tantos xornais desaparecidos en combate: consuman imprensa en galego, en papel e dixital, e sobre todo fagan porque esta se poida desenvolver. Pagando o traballo das e dos xornalistas, que tamén han de comer, difundíndoa e retroalimentándoa, cadaquén na medida das súas posibilidades, contribuíndo así á súa profesionalización, e á fin da precariedade dos e das que a sustentan, e tamén á liberdade de expresión, ó dereito á información, e a unha prensa en galego, de calidade, crítica e independente. Se non comezan hoxe, probablemente mañá será o último día que poidan facelo. En tanto as autoridades non queiran cumprir a súa misión, protexer o que por lei han de salvagardar, os dereitos lingüísticos dos falantes, a identidade e a pluralidade informativa dun pobo. Namentres non saiamos desta longa noite de pedra.


Este texto foi presentado ao VIII Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores do Concello de Carballo 2012. Leva preto das cen sinaturas e podes darlle ti tamén o teu apoio na seguinte páxina: https://www.facebook.com/porunxornalismodecalidadeengalego

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS