Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Luns 20.05.2013  | Actualizado 20.08

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Rescates para a uniformidade

XOSÉ A. GACIÑO  | 28.07.2012 
A- A+

Cataluña foi a primeira comunidade en facer recortes drásticos, desde cobrar un euro máis por receita ate cobrar aos familiares acompañantes dos pacientes nos hospitais por acomodarse nunha cadeira reclinábel. Pero parece que o seu carácter pioneiro na obrigada austeridade non lle vai librar de entrar no club de comunidades rescatadas (o eufemismo é que se acollen ao fondo de liquidez, polo menos ate que o fondo de liquidez non se converta no novo concepto a encubrir porque soe humillante).

 

En compensación, fai da necesidade virtude e aproveita a situación crítica das súas finanzas para relanzar a proposta de pacto fiscal (outro eufemismo, este para disimular de que se trata de reclamar o sistema de concerto vasco). A argumentación é que, se dispuxesen dunha axencia tributaria propia, a través da cal se canalizase o cobro de todos os impostos que se pagan en Cataluña, e que despois se aplicase unha achega razoábel á facenda común española (razoábel é o eufemismo para aludir a que deben achegar menos), a Generalitat disporía, nestes momentos, de fondos suficientes como para non ter que facer ningún recorte dos que levan meses padecendo os cidadáns de Cataluña.

 

Desta maneira, xustifican ante os seus cidadáns os rigorosos recortes, como algo notoriamente imposto desde a política económica española e europea contra a crise e como algo derivado do déficit de autogoberno que padecen. Se fosen independentes –ou se tivesen un réxime foral como o dos vascos e navarros–, veñen dicir, non necesitarían recortar (ou, polo menos, non recortar tanto). Para maior xogo de paradoxos, hai que recordar que, en materia de recortes orzamentarios, o goberno catalán, en minoría, conta co apoio parlamentario do PP, que, como é lóxico, está totalmente en contra do pacto fiscal.

 

No fondo, a postura do goberno catalán, tratando de facer valer o seu papel de comunidade “pagadora” (que achega á facenda común máis do que recibe), non é moi diferente da actitude do goberno alemán, que non quere pagar máis “excesos” dos países periféricos e se nega a mutualizar as débedas públicas dos estados membros da UE, polo menos non a través do Banco Central Europeo, deseñado unicamente para controlar a inflación na zona euro (unha actividade directamente ridícula nos momentos actuais). Pero, mentres a postura alemá é comprendida por unha boa parte da nosa opinión pública, aínda que irrite a todos polo que prexudica á economía española, a de Cataluña é criticada por unha gran maioría dos españois non cataláns. Algo terá que ver a falta de conciencia de Europa como unha unidade económica e política real.

 

Pero, aparte da particularidade catalá, a apertura da veda dos rescates autonómicos, tras a petición formal da Comunidade Valenciana e os anuncios de Murcia e Cataluña, supón un paso máis na estratexia recentralizadora do Goberno central. Estes rescates –como os rescates de Estados na Unión Europea– levan consigo a intervención correspondente, o que suporá eliminar a xa limitada autonomía real das comunidades. Ven sumarse a todas as inxerencias nas competencias autonómicas que se rexistran nos decretos que aproba o Consello de Ministros todos os venres, e que son recorridos desde as poucas comunidades autónomas que non goberna o PP.

Por ese camiño, e sen necesidade de cambiar a Constitución, os centralistas van reconducir a estrutura do Estado e recuperar a uniformidade, que eles confunden coa unidade.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS