Hemeroteca web
|
RSS
Mércores 19.06.2013
| Actualizado 00.00
Seica, en pleno debate sobre o resgate á banca do Estado español, Rajoy envioulle un e-mail a Guindos no que lle dicía “que aguantara, porque España non era Uganda”. O ministro de Economía, alentado pola actitude firme do Presidente, forzou aos outros membros do eurogrupo a que aceptasen a postura española “porque un resgate como o de Grecia ou Portugal implicaría 500 mil millóns para España e outros 700 mil millóns para Italia, que se vería arrastrada”. Engádese que a postura negociadora de Alemaña fixo máis doado un acordo para un resgate parcial, só cinguido á banca, como se pretendía desde o Goberno español.
Esta é a batalla que nos contan algúns medios, coa evidente intención de presentar como heroes á equipa da Moncloa. Ten moito das vellas películas de vaqueiros, onde o protagonista sempre sae ben parado das situacións máis difíciles, aínda que sexa el só cun revolver de oito balas contra toda unha tribo de apaches ou un cento de bandidos mexicanos. No mesmo texto dise que os malos eran nesta ocasión: Holanda e Finlandia, que querían un resgate semellante ao de Grecia e Portugal, dirixido polo FMI.
En todo caso nesta escenificación hai feitos que non casan. Por exemplo, se Alemaña, que é quen lidera a política de austeridade e control accedeu a esta saída doadamente, ¿non será porque Holanda e Finlandia facían o papel de “polis malos” para situar a solución no terreo da concesión mutua, cando en realidade era a que tiña en mente a chanceler Merkel desde o primeiro momento?. Esta parece a hipótese máis lóxica, porque o Goberno de Rajoy xa fixo moitas das reformas impostas a Grecia e Portugal sen ningunha contrapartida. Un resgate exclusivamente ao sector bancario reduce o préstamo, e ademais garántelle igual á Troika controlar polo miúdo o sector financeiro e as políticas públicas. Ademais ten a certeza de que o Estado español seguirá aplicando como alumno exemplar as políticas neoliberais, mesmo a costa de deprimir a economía e empobrecer a unha gran parte da sociedade.
Aínda que o Goberno apresenta este crédito como un gran triunfo, e circunscrito ao sector, o certo é que terá a garantía do Estado e os xuros cargaranse ao déficit público (tres mil millóns máis ao ano, como mínimo). Ou sexa, en última instancia, o conxunto da poboación terá que pagar a súa devolución ás institucións europeas. Daquela, en pouco tempo tomaranse novas medidas de aforro en servizos e prestacións básicas, e suba do IVE, xa que Rajoy oponse a un incremento da presión fiscal ás grandes fortunas e beneficios empresariais, para aumentar os ingresos.
Para alén de que se aseguren mellor os aforros bancarios dos clientes, o certo é que non se garante que o crédito flúa ás empresas e ás familias, e tampouco que a medida serva a medio prazo para baixar a prima de risco. Dálle un respiro ao euro, din algúns, e garante que os bancos acredores cobren os vencementos (entre eles os alemáns). Agora ben, non soluciona as eivas de fondo, que impiden o crecemento da economía e, moi especialmente que medre o emprego, senón que afondan as trabas ao consumo público e privado. Porén estes aspectos estratéxicos, fanse a un lado, alentando as solucións tipo far west e do espectáculo deportivo. Semella que do que se trata é de gañar tempo, coa confianza de que os problemas vanse solucionar pola propia sabedoría dos mercados. Esta miopía seguirá funcionando mentres a concentración e centralización da riqueza sexa abondo como para manter altos os beneficios dos máis ricos, ou mentres a contestación social non se lles vaia das mans.
Manuel Mera
