ALBERTE MARIÑO
Apagadas as luces da maior asemblea na historia do nacionalismo, a teimuda realidade aluma un BNG sen apenas cambios de importancia nin no ideolóxico nin na estrutura de mando. A UPG e Rafa Villar, o seu cómodo cabalo de Troia, manteñen o control da executiva e moito máis aínda do consello nacional. Neste escenario é só cuestión de tempo, e non moito, que a sociedade visualice o divorcio entre as dúas almas do nacionalismo. Con Aymerich pensando seriamente en dar un paso atrás e con +Galiza a piques de quedar descabezada, Beiras e os irmandiños comezan a lanzar mensaxes para quen os queira entender. Pedir un Benegá "habitable" e un "desarmamento" da U pode interpretarse como a preparación do terreo para o inevitable. O que Quintana non se atreveu a facer cando puido -rachar coa UPG foi o que lle aconsellaron os seus asesores de máis peso, Antón Losada nomeadamente- é posible que o active Xosé Manuel Beiras, intimamente convencido de que remar cos upegallos é pouco menos que misión imposible, por moito que Paco Jorquera estea a facer un loable esforzo para tender pontes de diálogo. Axiña saberemos se o Bloque opta polo arre! ou polo xo! Veremos, tamén, a que xoga Martiño Noriega, herdeiro natural de Beiras..., de momento.