Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Resucitar un morto

JOAQUIM VENTURA  | 11.04.2018 
A- A+

A estupidez humana pode ser infinita, como sostiña Albert Einstein, pero exercela –como fixeron os líderes independentistas cataláns- non é delito. Sentado isto, a torpeza dunha parte da xustiza española –personificada no xuíz Pablo Llarena- está a complicar os propósitos do goberno de Mariano Rajoy para –unha vez rematada a súa inacción política- descabezar o movemento independentista catalán.

Esa mesma torpeza que moitas veces é consecuencia dunha arbitrariedade conxénita, alicerzada en anos de ordeno e mando e de falla de control democrático. De feito, na transición cara á democracia non houbo nin a máis mínima reforma no aparato xudicial español: non tanto nas persoas –que tamén- como nos modos. Despois, claro, cando se lle aplica o espello europeo –o das conviccións democráticas- é cando aparecen as distorsións: as deformidades están no suxeito reflectido, non na superficie reflectora.

Foi a condena do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos contra España na que se veu chamar “doutrina Perot” hai uns anos ou a recente sentencia do mesmo tribunal porque as instancias xudiciais españolas non consideraron a denuncia por torturas exercidas pola Garda Civil.

É esa arbitrariedade a que levou ao xuíz Llarena a emitir unha euroorde de detención contra Carles Puigdemont et alia cando residían en Bélxica. Perante as dificultades para que os xuíces belgas aprobasen a extradición (ou traslado) dos investigados a España, a euroorde foi retirada. Pero o maxistrado do Tribunal Supremo seguiu á espreita e a reactivou a finais de marzo, en consonancia co final da instrución e do reingreso en prisión de diversos dirixentes independentistas.

Carles Puigdemont aventurouse a viaxar a Finlandia e foi durante a súa estancia neste país cando a orde internacional foi reactivada. Daquela, viaxar en avión resultaba arriscado, polo que optou por facelo en ferri ata Suecia e seguir en coche, presumiblemente coa idea de regresar a Bélxica. Os servicios de intelixencia do estado español (CNI ou CPN) seguían a traxectoria do político catalán e, en canto entrou en territorio da República Federal Alemá, alertaron á policía deste país para que procedese á súa detención. O goberno de Rajoy pensaba que a extradición tería máis posibilidades de ir adiante en Alemaña que non en Finlandia, Suecia ou Dinamarca.

Daquela, Puigdemont estaba practicamente rematado politicamente: os seus seguintes na lista, Jordi Sánchez e Jordi Turull, foron propostos como candidatos á presidencia da Generalitat e o segundo chegou a ler o seu discurso de postulación á investidura, un día antes de reingresar na cadea de Estremera. Sen entrar agora nas disputas entre ERC e JxCat (PDeCat) pola hexemonía política, o certo era que Puigdemont e os seus deputados estaban cada día que pasaba con menos posibilidades de acceder á presidencia autonómica catalá.

Pero velaquí que o tribunal do estado de Schleswig-Holstein, cando tivo que decidir sobre a entrega a España de Puigdemont, considerou que a violencia exercida polos supostos actores dun acto de rebelión contra a integridade do estado español, non era tal. É dicir, non tiña presente a acusación feita contra Puigdemont e os outros presos de que exerceran violencia na xornada do 1 de outubro no sentido de que esa violencia non foi suficiente como para obrigar á parte contraria (goberno de Madrid) a negociar.

Despois de ordenar a posta en liberdade do mandatario catalán cunhas medidas cautelares lixeiras, queda por elucidar se a acusación de malversación de diñeiro público –tal e como está formulada- podería corresponder ao delito de corrupción contemplado no código penal alemán, un dos delitos amparados pola orde internacional de detención. De momento, o tribunal alemán ven de solicitar máis concreción ao xuíz español, aínda que á vista de como están formuladas as acusacións, teño a sospeita que a extradición non prosperará. As razóns son ben sinxelas: dunha banda, tanto o ministro Montoro (agosto de 2017) como o presidente Rajoy (febreiro de 2018) admitiron, a preguntas de Ciudadanos en sede parlamentaria, que nin unha cadela de diñeiro público foi destinada ao referendo ilegal do 1 de outubro; doutra banda, resulta difícil que os xuíces alemáns consideren unha acusación baseada en informes policiais e non dun organismo censor competente.

A labazada dos xuíces alemáns xa foi considerable e pode selo aínda máis. E o peor –para o goberno Rajoy- é que todas estas circunstancias están a internacionalizar o asunto, cuns resultados que os independentistas posiblemente nunca pensaron acadar. Evidentemente, a sinrazón da xustiza española non dá automaticamente a razón aos independentistas pero deixa evidente que o Reino de España ten fallas considerables na súa maquinaria xudicial.

Agora que Puigdemont estaba máis que amortizado (para ERC e incluso para o PDeCat), a inacción de Rajoy e a torpeza de Llarena están a darlle un camión de bombonas de osíxeno en Berlín.

E por se fallaban adornos a este papel, agora temos a última –que non derradeira- guinda: as detencións ordenadas pola Audiencia Nacional, por rebelión e terrorismo (!!), de dous supostos dirixentes dos CDR por cortar estradas e erguer barreiras de peaxes.      

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS