Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

no seu último número

A revista 'Nature Photonics' divulga un novo láser creado por científicos británicos, alemáns, suecos e da UVigo

Stefan Stefanov, Stefano Chiussi e Alessandro Benedetti no laboratorio  - FOTO: Uvigo
Stefan Stefanov, Stefano Chiussi e Alessandro Benedetti no laboratorio - FOTO: Uvigo

VIGO. EP  | 20.01.2015 
A- A+

Nature Photonics, a revista científica de referencia no eido da fotónica, faise eco no seu último número, publicado este mesmo martes, da creación dun novo láser, sen precedentes a nivel mundial, con importantes e novidosas aplicacións no mundo da biomedicina e as telecomunicacións desenvolto por investigadores do grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo en colaboración con científicos da Universidade de Leeds (Reino Unido), o Centro de Investigación Jülich (Alemaña) e o Centro Paul Scherrer (Suíza). 

“Trátase do primeiro láser baseado en aleacións de xermanio e estaño e abre o camiño cara a novos dispositivos ópticos cunhas características sen precedentes”, subliña Stefano Chiussi, da Universidade de Vigo, que asina o artigo xunto ao alemán Dan Buca e o británico Zoran Ikonic, con quen o grupo de Novos Materiais da Universidade, integrado na Rede Galega de Biomateriais, leva anos colaborando. “Levamos moito tempo traballando nesta liña de investigación”, recalca Chiussi, ao tempo que subliña o labor realizado nesta investigación por outros dous integrantes do grupo: Stefan Stefanov, que ultima a súa tese de doutoramento, e Alessandro Benedetti, do Servizo de Microscopía Electrónica do Cacti, o Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación, da Universidade.

Gran impacto no ámbito biomédico e das telecomunicacións

A tecnoloxía láser permite emitir raios de luz moi concentrados e potentes grazas ás súas propiedades físicas, entre as que se atopan ter unha única lonxitude de onda e ser monocromática. Isto permite, segundo explican os investigadores, aplicacións moi variadas que van desde o corte industrial de precisión e a transmisión de grandes cantidades de información vía cable óptico ata a detección de contaminación e múltiples avances no ámbito biomédico, como a corrección da miopía, a eliminación de tumores e os diagnósticos rápidos e precisos.

Entre os diversos tipos de láser que existen, a investigación publicada por Nature Photonics céntrase nos máis pequenos, fabricados con minúsculas capas semicondutoras, denominadas así porque poden comportarse como condutoras ou como illantes dependendo das condicións que se lles apliquen. “O noso obxectivo é crear novos materiais semicondutores baseados en aleacións de xermanio e estaño. O avance fundamental é que estas novas aleacións teñen unha banda prohibida directa, o que quere dicir que permiten unha emisión e detección de luz extremadamente eficiente”, explica Chiussi. 

En microelectrónica, isto fai posible aumentar considerablemente a transmisión de datos e a eficiencia enerxética dunha gran variedade de circuitos integrados e sensores. Non obstante, como aclara Chiussi, “o noso achado non só terá un gran impacto nas telecomunicacións. Dado que a lonxitude de onda emitida que consegue este láser é de 3.000 nanómetros, no umbral entre o rango do infravermello cercano e o mediano, ten utilidade en sensores de contaminación e de microorganismos e en biosensores que permitirán un rápido diagnóstico por telemedicina mediante pequenos dispositivos portátiles”.

Tecnoloxía punta cun custo moi reducido

Os biosensores son moi útiles na diagnose de patoloxías a través da detección de alteracións relacionadas con determinadas substancias, xa sexa porque se atopan en exceso, como a glucosa, ou porque son anómalas, como as células canceríxenas. A fabricación do láser descrito no artigo de Nature Photonics permitirá agora perfeccionar esta técnica diagnóstica de última xeración coa vantaxe engadida de ter un custo moi reducido. Este último factor terá tamén repercusións moi importantes no campo da microelectrónica. “A transmisión óptica mediante fibras é xa unha realidade en redes de telecomunicación, pero o que faltaba era un láser de baixo custo que fose perfectamente integrable nas liñas de produción de dispositivos e circuitos integrados. Isto é o que nós acabamos de demostrar”, destaca Chiussi.

O grupo Novos Materiais buscará agora financiamento no marco das súas colaboracións internacionais para mellorar este tipo de materiais e desenvolver novas aplicacións no ámbito das telecomunicacións e, sobre todo, da biomedicina.

Primeira publicación destacada da Rede Galega de Biomateriais

O artigo en Nature Photonics é a primeira publicación de referencia rexistrada pola Rede Galega de Biomateriais, constituída en decembro de 2014 no marco do Programa de Consolidación de Unidades de Investigación Competitivas do Sistema Universitario de Galicia, promovido pola Xunta de Galicia, e nela intégranse máis de medio cento de investigadores xunto con persoal de apoio.

Os seus membros son o Grupo Novos Materiais, o Grupo TeamNanoTech e o Grupo de Química Coloidal da Universidade de Vigo, todos eles integrados no Instituto de Investigación Biomédica Ourense-Pontevedra-Vigo (IBI); o Grupo de Cirurxía, Radioloxía e Ecografía Experimental Veterinaria e o Grupo de Cirurxía da Universidade de Santiago de Compostela, o segundo deles vinculado ao Instituto de Investigación Sanitaria IDIS-CHUS; e o Grupo de Bioenxeñería Tisular e Terapia Celular, adscrito ao instituto INIBIC-CHUAC.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS