Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 09.04.2020 Actualizado 20:35
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Mar ·· ACUICULTURA

A ría de Muros e Noia soporta xa a primeira gaiola de salmón

North West Food trasladou dende Arousa un dos dous viveiros pese ó rexeitamento do sector pesqueiro e marisqueiro da zona ·· A colocación efectouse na noite do mércores ó xoves despois de que 30 barcos impediran previamente a súa instalación, unha acción que foi denunciada pola empresa

R. FERNÁNDEZ . SANTIAGO   | 25.03.2011 
A- A+

PABLO SILVA
Os barcos de baixura lograron parar dúas veces a instalación das gaiolas, ante a vixilancia da Garda Civil
FOTO: PABLO SILVA

A ría de Muros e Noia xa conta coa primeira das dúas gaiolas experimentais de salmón que ten ó sector pesqueiro e marisqueiro da comarca en pé de guerra. Apenas unha semana despois de que os mariñeiros se manifestasen ante a Xunta para pedirlle á conselleira de Mar, Rosa Quintana, dar marcha atrás no permiso dado a North West Food, a firma -de capital noruegués e galegos- procedeu a instalar o primeiro dos artefactos no polígono C, situado na zona norte da ría de Muros e Noia. O traslado dende a de Arousa produciuse na noite do mércores ó xoves tras un intento frustrado durante o día, cando unha trintena de barcos volveron mobilizarse no medio da ría para evitar a colocación desta infraestrutura piscícola.

Pese a indignación do sector, fontes de North West Food congratuláronse onte, en declaracións a Europa Press, da instalación da primeira das dúas plataformas, aínda que non quixeron concretar cando se disporán a colocar a segunda, para non provocar novas protestas por parte das embarcacións. Ademais, o Xulgado de Primeira Instancia de Muros admitiu a trámite a denuncia que a empresa interpuxo contra as persoas que impediron a colocación dos viveiros, coa súa presenza no mar, o pasado mércores. Tras ter coñecemento da acción, o responsable da confraría de Noia, Santiago Cruz, cargou duramente contra a firma por acudir ós xulgadaos: "Por que teñen que denunciar? Non as están poñendo? Que poñan a outra", resolveu.

Recollida de sinaturas para acudir ó Valedor do Pobo

Cruz avanzou que "o sector continuará coas mobilizacións", posto que considera os feitos son "unha inxustiza". De feito, as confrarías presentes nesta ría avalían se acudir ós xulgados no caso de que as gaiolas sigan no mar, ademais de continuar coa recollida de sinaturas coas que farán chegar a causa ó Valedor do Pobo. Do mesmo xeito, os patróns maiores trasladaranse hoxe a Compostela para entregarlle á conselleira de Mar os informes "que demostran os efectos contaminantes" das gaiolas sobre o ecosistema, que pon en perigo un total de 5.000 postos de traballo directo.

A REACCIÓN

Adega promove unha oposición á piscicultura industrial

Á oposición á instalación dunhas granxas de cultivo de salmón na ría de Muros e Noia amosada por asociacións ecoloxistas como Greenpeace, WWF/Adena ou Oceana súmase Adega, que traslada os prexuízos deste parque ó modelo de acuicultura intensiva que promove a Xunta. "A acuicultura industrial está deseñada de costas ó mar, con criterios exclusivamente produtivistas e especulativos", afirma o secretario executivo de Adega, Fins Eirexas, quen recorda que esta actividade xera importantes desequilibrios ambientais e sociais, menos emprego e pon en perigo a potencialidade biolóxica e o futuro dunhas rías xa de por si moi castigadas. Fronte a isto, Adega defende a aposta decidida pola pesca de baixura e marisqueo, baseados en aproveitar a inmensa potencialidade biolóxica das rías, deixando maior valor engadido nas comunidades locais e xeran máis postos de traballo.

Ademais de apoiar o rexeitamento ás gaiolas e as mobilizacións, Adega fai un chamado ás confrarías e ao sector da baixura para mobilizarse a prol dun desenvolvemento sustentable da pesca e a acuicultura, e opoñerse a todo o modelo depredador da piscicultura industrial.

LEA POLAS PENSIÓNS

Agamar busca o apoio dos concellos

A Asociación Galega de Mariscadoras e Mariscadores (Agamar) inicia hoxe unha roda de entrevistas cos alcaldes das localidades nas que habitan as mariscadoras afectadas pola retirada da axuda mensual de 557 euros, coa que o Goberno galego paliaba o feito de que non poidan acceder a unha pensión por xubilación ao non cotizar o tempo necesario para iso. A primeira cita será hoxe co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ás 10.30 horas, na nova casa do concello. As 12.30 horas farán o propio co rexedor de Redondela, Xaime Rei.

Nestes encontros, Agamar pretende explicar "pormenorizadamente" aos primeiros edís "todas as cuestións que incumben ás prestacións que viñan cobrando as mariscadoras". Así, abordarán a súa vertente legal e as circunstancias "que levaron" ao colectivo a solicitar estas partidas en 2006 co obxectivo de lograr "o apoio" dos concellos.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS