Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.09.2017 Actualizado 19:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Os ricos tamén rouban

XOSÉ A. GACIÑO  | 13.10.2016 
A- A+

Pendentes como nos teñen en España dos xogos de investidura, parece que nos pasan desapercibidos os xogos que se traen polo resto de Europa adiante, entre diferentes grados de xenofobia disgregadora e sucesivas deterioracións dun panorama económico que as drásticas medidas de austeridade non só non rematan de amañar senón que, ás veces, dan a impresión de que contribúen a agravalo. Afeitos como estamos por aquí a recibir reproches polas dilapidacións irresponsábeis das economías do sur, merecedoras dos castigos que se nos impuñan como penitencia polos numerosos pecados económicos, non estábamos moi ao tanto das irresponsabilidades que tamén se cometían (e cometen) polas supostamente responsábeis e rigorosas economías do norte.

En realidade, tampouco é novo. Intuíamos que a penitencia imposta ás economías do sur tiña como obxectivo que os bancos do norte tivesen prioridade á hora de saldar débedas e que cobrasen canto antes o diñeiro que investiran nas dilapidacións das que se acusa aos sureños indolentes. Os rigorosos bancos do norte non parece que tivesen moito rigor á hora de medir os riscos dos seus investimentos e dos seus créditos. Ou sabían que, cando se descubrisen, a responsabilidade ía recaer exclusivamente nos endebedados. Nalgúns casos (España, sen ir máis lonxe) mesmo conseguiron asegurarse constitucionalmente a prioridade no cobro por parte do Estado.

Pasa que agora en Estados Unidos, que xa aprendeu da amarga experiencia do Lehman Brothers, están pendentes de ratificar unha sanción de 14.000 millóns de dólares (uns 12.500 millóns de euros) contra o Deutsche Bank, por prácticas que chamaremos irregulares, con operacións no límite da legalidade, unhas veces por dentro e outras veces por fora. A pegada das hipotecas lixo, que precipitou a crise en Estados Unidos hai oito ou nove anos, segue a aparecer nos buratos negros deste xigante europeo con pes de barro.

A actuación estadounidense contra o banco alemán sucede á sanción da Unión Europea contra Apple (que ten que devolver 13.000 millóns de euros á facenda irlandesa) polos seus xogos fiscais consistentes en desviar todos os seus beneficios europeos cara ao país onde menos tería que tributar. Xa antes, de todas maneiras, en Estados Unidos denunciaran a manipulación de Volkswagen no control da contaminación dos seus vehículos. Os afectados por cada unha das sancións (as empresas e os seus gobernos correspondentes) cualifican de proteccionista ás autoridades sancionadoras. Curiosa nova acepción de proteccionismo, coa que pretenden descualificar a protección do cumprimento das normas.

Por suposto, nada disto xustifica as irregularidades, as dilapidacións e as corrupcións que salpican (ás veces, máis ben empapan) a economía e a política nos países europeos do sur. Pero permite sacudirse un pouco o complexo de inferioridade, ao comprobar que tamén os ricos, disciplinados e rigorosos empresarios e políticos do norte teñen o seu lado escuro e lameiro.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS