Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.11.2019 Actualizado 14:45
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Rosa Luxemburg

JOAQUIM VENTURA  | 22.04.2019 
A- A+

O pasado 15 de xaneiro cumpriuse un século do asasinato de dúas figuras senlleiras da esquerda alemá: Rosa Luxemburg e Karl Liebknecht. A nacente República de Weimar, proclamada en agosto de 1918 por unha asemblea constituínte, era a continuadora do kaiser Guillerme II. Malia a caída do Segundo Imperio, de matriz prusiana, e a forma republicana do réxime que o sucedeu, Alemaña non trocou oficialmente a súa denominación: Deutsches Reich. Daquela estableceu uns novos símbolos (escudo e bandeira) que –agás do período nazi- chegaron ata hoxe despois que fosen restaurados en 1949 cando se formou a RFA.

Malia a vontade democrática da República de Weimar, había aínda moitas inercias autoritarias herdadas do imperio. Como sucedeu noutros países, perante o conflito mundial encetado en 1914 unha parte das esquerdas foi contraria á intervención militar. Rosa Luxemburg participou abertamente dese activismo antibelicista.

Nacida nunha familia xudía en Polonia, daquela baixo a autoridade do Imperio Ruso, tivo unha boa formación malia padecer un problema físico. Ben axiña participou en organizacións socialistas, o que provocou o seu exilio a Suíza.

Cando en 1893 Bismarck autorizou a socialdemocracia en Alemaña, Rosa foi vivir a este país. A razón principal era a súa oposición á pretensión dos socialistas polacos de procurar a independencia de Polonia respecto a Rusia. Por contra, consideraba que tal obxectivo so podería chegar co triunfo da revolución en Alemaña. Unha postura antinacionalista que tiña que ver coa actitude dos xudeus de esquerdas, internacionalistas por riba de todo.

Pensamento que veu confirmado cando en 1914 os socialistas alemáns defenderon a subscrición de bonos para financiar a intervención militar do Reich, coa oposición dos socialistas revolucionarios, que se agruparon na Liga Espartaquista. Moitos -Rosa Luxemburg entre eles- pagárono coa cadea durante a contenda. Co armisticio, os espartaquistas seguiron o modelo triunfante en Rusia e –malia a crítica feita por Rosa Luxemburg á revolución de Outubro- transformouse no Partido Comunista Alemán (KPD).

A caída dos imperios, como sucedera co tsarismo en 1917, abriu esperanzas aos socialistas revolucionarios: Alemaña e Hungría foron testemuña de insurreccións obreiras. No caso alemán, o Partido Socialdemócrata, gobernante na nova república nacida en Weimar, non tiña aínda os instrumentos para garantir a orde pública. Por iso, perante a chamada á insurrección, permitiu que os chamados Freikorps –unha milicia formada por veteranos do exército imperial- tomasen o control das rúas.

Fracasada a revolución en Berlín, os Freikorps detiveron a diversos dirixentes revolucionarios, entre eles Rosa Luxemburg e Karl Libknecht, malia opoñerse á que a insurrección continuase. Inmediatamente, ambos dous foron asasinados –como centos de espartaquistas- coa máis que probable complicidade do ministro do Interior, o socialdemócrata Gustav Noske.

Pero se a figura de Rosa Luxemburgo pódenos parecer intransixente (tanto polo seu socialismo radical como pola súa teima contra o nacionalismo dos socialistas polacos), a verdade é que como persoa, como muller, era un exemplo de delicadeza, de amabilidade, de comprensión. E unha boa maneira de verificalo é ler as súas “Cartas da cadea” (publicadas en castelán por Akal), escritas a Luise e Karl Kautsky, e editadas pola primeira. Proba so seu carácter é que malia que en 1914 Kautsky rompese coa ala de esquerdas do SPD, Rosa mantivo a correspondencia e a amizade coa súa muller Luise. Nesas cartas atopamos as reflexións teóricas, as emocións humanas, as lembranzas dos anos de loita, os proxectos editoriais.

Sen representar un corpo doutrinal (moito menos dogmático), nesas cartas -escritas entre 1896 e 1918- podemos rastrear os riscos que conformaban o seu carácter, a vindicación da súa condición de muller, as relacións cos amigos e unha das súas debilidades: os gatos. Malia a dureza da cadea, nunca marchou do seu maxín a atención dos seus animais compañeiros, confiando nas súas amizades para que tivesen coidado deles. Sorprendente, non cabe dúbida, esta revolucionaria intelixente, amable e con mascotas.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS