Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 23.04.2018 Actualizado 13:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Rueda espera volver á "contorna negociadora" cos sindicatos de xustiza a semana que vén

O PPdeG critica que a folga está "totalmente politizada e instrumentalizada"

OURENSE / SANTIAGO. EP  | 13.04.2018 
A- A+

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou este venres que espera que "a semana que vén" se poda "volver estar na contorna negociadora" cos sindicatos de xustiza, pero subliñou que, para iso, "ten que haber vontade das dúas partes", algo que, ao seu xuízo, non ocorreu até agora cos sindicatos de xustiza.

Nun acto en Leiro (Ourense), na mesma xornada na que os membros do comité de folga do sector xudicial, en paro indefinido desde hai máis de dous meses, non puideron entrar na Xunta para tentar manter un encontro con representantes autonómicos, Rueda xustificou a decisión de que dita reunión non se materializase.

Xustificouna en base aos dous escritos, a xuízo da Xunta, "contraditorios", remitidos polos sindicatos. "Enviáronnos un no que pedían unha reunión para retomar as negociacións e logo outro no que non, que pedían unha aclaración de extremos da proposta da Xunta, algo que xa se fixo. Obxectivo cumprido", resumiu.

"Se o que pretenden é negociar, a aclaración está feita", insistiu, antes de volver aludir á oferta de "300 euros máis ao mes", nos que a Xunta inclúe o incremento salarial comprometido para o persoal de xustiza en Galicia na súa última proposta máis a subida pactada no ámbito estatal para todos os funcionarios.

Rueda aproveitou para subliñar que "este conflito debe pecharse" e para engadir que, se se quere facer, é necesario, "negociar". Para facelo, esgrimiu que a Xunta estará "aí". Pero matizou que, se os sindicatos din primeiro que "queren negociar e logo se desdicen, non será posible sentar e chegar a un acordo".

Após unha semana de "contradicións" e posturas "incompresibles" por parte dos sindicatos, o vicepresidente pediu "obxectividade" e reiterou a "vontade negociadora" da Xunta. Iso si, reafirmouse en que se negociará no marco económico da súa última proposta e que non tolerará "unha poxa con diñeiro público".

"FOLGA POLITIZADA"
Por outra banda, nunha rolda de prensa celebrada este venres, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, criticou que a folga estea "completamente politizada e instrumentalizada" por uns representantes sindicais que "non queren chegar a acordos". "O que queren é batallar contra a Xunta de Galicia", manifestou.

Así mesmo, asegurou que é "innegable" que hai "unha oferta encima da mesa" que "calquera asinaría sempre" e lembrou que, "cando os traballadores da xustiza tiveron ocasión de situarse sobre a oferta da Xunta e o proceso negociador", apostaron por "abrandar a postura e tratar de chegar a un acordo".

Por iso, incidiu en que "houbo vontade manifesta en chegar a acordos por parte da Xunta de Galicia".

"Oxalá por parte da representación sindical houbese esa madurez e non se secuestre un sector tan importante como é a xustiza dun país para facer política", sinalou antes de criticar que os sindicatos estean "máis pensando nas eleccións sindicais que hai proximamente que nos intereses dos traballadores do sector".

"Se os representantes sindicais teñen a mesma vontade de diálogo e de consenso que ten o Goberno galego, estou seguro de que isto se podería resolver en horas", apuntou.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS