Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

noticias cotiás

Rumbo ao mar…

RUTH FERNÁNDEZ  | 27.08.2013 
A- A+

Ás veces o destino lévanos lonxe da xente que coñecemos, obrigándonos a vivir afastados do que desexabamos, tal como a cidade. Aprendemos a desfrutar dos pequenos lugares, da vida do rural, da paisaxe máis ruda, dunha natureza case virxe para os sentidos. Experimentamos ansias de fuxir cando chegamos de novo a un lugar no que non pensabamos que o destino nos obrigaría a vivir. Pouco a pouco acostumámonos a ese silencio sepulcral que o invade todo, facendo case unha rutina do día a día, algo que pretendemos evitar participando nas actividades de lecer que nos oferta a vila ou pobo en cuestión. Así me veñen á memoria estes anos pasados na montaña de Ourense.

Os que me coñecen saben que non me gustan as despedidas. Ademais… por que dicir adeus chorando cando quen marcha desexa ese novo cambio na súa vida? Non saen bágoas. Deixando a montaña polo mar debúxase un sorriso nos meus beizos. Sempre quedarán boas imaxes na lembranza, iso si, como fotografías na memoria da xente coñecida nese paso por cada lugar, pequenas e grandes amizades que farán que teña sentido ese dito que reza que a distancia non é nada cando alguén o é todo. Tan certo ás veces, cando o paso do tempo e as vivencias nun determinado lugar quedan como instantes para a eternidade. Ás veces ficamos cun pequeno grupo ou cunha soa persoa… ese ser especial que fará que teña sentido o paso por esa xeografía.

Hoxe vexo o futuro con raiolas de sol queimándome a pel, arrecendo a peixe fresco acabado de coller e o son das sereas que quixeron distraer a Ulises no seu regreso a Ítaca, cando se dispoñía a reencontrarse coa súa amada Penélope. O mar invádeo todo, asolágame o pensamento. Desfruto da auga salgada que me arroupa nestes baños nocturnos, gozando do tempo estival que anceiaba mentres a neve me arrefriaba o corpo e a alma. Hoxe sinto a ledicia correr polas veas. Pasou xullo, o meu mes, o meu momento do ano preferido. Chegou agosto e o mes da chuvia de estrelas  permitiume desfrutar do sabor salgado que chega ata os meus beizos lembrando días pasados. Sinto que me asolaga toda o arrecendo a mar, perfume marabilloso para quen gosta das Rías Baixas... Sinto que o sol me agasalla con grolos de ledicia en cada nova alborada, mentres as lembranzas me traen á memoria palabras de amor. Estamos a ter un verán que esperta envexas, cando a comezos de xuño se auguraban días grises para o tempo estival. Desfrutemos, amigos lectores, de cada novo amencer, cando Lourenzo nos trae co seu brillo arelas de esperanza para o futuro, cando nos esperta chiscándonos un ollo e desexándonos un novo día cheo de ledicia, facéndonos lembrar a dozura dunha aperta ben dada entre dúas persoas que se queren, respirando profundamente a quen nos agarima, confesándonos dese  xeito unha paixón inefable… Non hai moito descubrín que convertir cada instante nunha eternidade é o segredo da inmortalidade… Así conseguimos vivir máis…

Na copa teño un saboroso viño branco, tan frío que parece sandar a dor de gorxa que deixan as altas temperaturas cando resecan as lembranzas na boca. Baixa suavemente dende os meus labios, permitíndome desfrutar dos seus matices afroitados… mentres vexo o mar, lembrando o que Rosalía tanto cantou nos seus versos de Cantares gallegos e que aínda lin, días atrás, pintados no chan nas rúas do Carballiño: ‘Deixo amigos por estraños/ deixo a veiga polo mar’. Moi feliz de fuxir do monte para coller rumbo ao mar salgado que sempre me trae lembranzas da felicidade da infancia, dos días sen fin nas xornadas estivais de praia. Sabor a mar. Olor a mar. Música das ondas… Sumamos todo e como resultado temos un tremendo sorriso nos labios… Como dixen noutrora… fagamos que a ledicia non sexa unha meta, senón un estilo de vida…

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS