Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Martes 22.05.2012  | Actualizado 12.06

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
[Noticia 1 de 1] Galicia  |  RSS - Galicia RSS

:: REPORTAXE

O salmón extínguese nos ríos coruñeses

24.07.2010  Ríos con Vida apunta que a especie xa non existe no 70% das canles españolas mentres que o seu estado é crítico noutro 20%. Ante a inactividade da Xunta, pide o fin das verteduras, a caducidade das hidroeléctricas e traballos de repoboación

5.0/5 [1 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

REDACCIÓN SANTIAGO

Imaxe do inicio da temporada de pesca do salmón no río Ulla, unha das poucas canles galegas que mantén un bo número de exemplares FOTO: SANGIAO
Imaxe do inicio da temporada de pesca do salmón no río Ulla, unha das poucas canles galegas que mantén un bo número de exemplares
FOTO: SANGIAO

O salmón desapareceu do 70% dos ríos españois que foron durante séculos o hábitat desta especie e o seu estado é crítico noutro 20%. As causas son as mesmas que minguan a calidade da auga e a biodiversidade das nosas concas: presión hidroeléctrica, verteduras urbanas e industriais, contaminación procedente dos residuos agrícolas e colmatación por sedimentos procedentes da actividade forestal e das obras públicas. En contraste cos esforzos que se están a realizar nas provincias de Lugo e Pontevedra para potenciar a recuperación do salmón nas súas canles, dende a asociación estatal AEMS-Ríos con Vida denuncian que a súa presenza é practicamente nula na rede fluvial coruñesa. Segundo o recente Atlas dos Ríos Salmoneiros da Península Ibérica, a situación nos ríos desta provincia é máis que lamentable e pide a berros un decidido esforzo de rcuperación. "Actualmente, o salmón pode considerarse extinguido en ríos como o Eume, o Xubia ou o Mero; desaparecido no Grande do Porto e Sor e baixo mínimos no Mera, no Mandeo e no Tambre", asegura Pedro Brufao, catedrático de Dereito Administrativo e presidente de Ríos con Vida.

Segundo os datos da asociación, avaliados durante as XXXI Xornadas celebradas en Rábade (Lugo) do 2 ó 4 de xullo, das poboacións salmoneiras coruñesas só o Ulla, limítrofe con Pontevedra no seu curso medio e baixo, logrou manterse aínda que nunha difícil situación, en boa medida grazas ó programa de recuperación aplicado dende principios dos anos 90. Por iso, dende AEMS-Ríos con Vida esíxenlle á Xunta que saia da súa inactividade actual e leve a cabo unha serie de iniciativas dirixidas a conservar unha especie "emblemática de Galicia e fonte de recursos no mundo rural".

Para a asociación conservacionista, resulta fundamental poñer en marcha medidas dirixidas á restauración e mellora do hábitat dos peixes. Así, ademais de perseguir o saneamento das nosas canles, Ríos con Vida apunta directamente ó elevado número de encoros que sofre a comunidade e, especialmente, as súas consecuencias. O exemplo máis claro témolo no Eume, que dende hai máis de cincuenta anos ten seco un tramo de 3,4 quilómetros. Así, entre o encoro da Capela e a central hidráulica de Endesa Generación instalada río abaixo non quedan xa peixes nin hai rastro do caudal ecolóxico que a lexislación obriga a manter para garantir a supervivencia dos ecosistemas dunha zona declarada parque natural. A situación é, segundo Brufao, algo común noutros ríos da comunidade, de aí que esixan a caducidade, revisión concesional e adecuación das presas hidroeléctricas dos ríos Anllóns, Eume e Grande; ademais de eliminar os obstáculos obsoletos como os existentes no Castro.

A outra gran medida esixida por AEMS-Ríos con Vida é repoboar canles en estado grave a través da reintroducción controlada por parte dos científicos da propia Xunta. Para Brufao, este tipo de traballos nos ríos coruñeses son "paupérrimos". Analizando os datos dos oito grandes ríos salmoneiros da provincia coruñesa, repoboáronse con xuvenís unha media de 147 peixes por río e ano. "Esta cifra é ridícula se tomamos como referencia que a estimación de retorno é de un por cada mil nesta especie", indican dende Ríos con Vida, quen engade que sendo A Coruña a provincia que ten máis ríos salmoneiro de Galicia, resulta sorprendente que ,en quince anos, se realizase a metade de traballos de repoboación que os levados a cabo en calquera conca de Lugo e Pontevedra nun ano.

O DATO

Ríos con Vida esixe a modernización da xestión pesqueira do salmón mediante a xeneralización da pesca sen morte e a adecuación da actividade pesqueira á situación real desta especie, chegando incluso á sua veda. De aí, que sexa vital reducir o furtivismo -tanto no esteiro como no curso fluvial-, así como crear un equipo científico e técnico especializado que traballe pola recuperación do salmón na provincia da Coruña.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS